Menu Xerais

Rexina Vega: ««Hai mentalidade posfranquista nos que controlan o gusto literario». Entrevista de Óscar Iglesias

 El País publica no suplemento Luces unha entrevista de Óscar Iglesias con Rexina Vega en torno a Dark butterfly, a súa nova novela, que Xerais publicará nas vindeiras semanas.

 

«Hai mentalidade posfranquista nos que controlan o gusto literario»

Rexina Vega asómase á esquizofrenia na súa nova novela

Se a razón ilustrada tratou aos tolos con vontade de dominio, na segunda novela de Rexina Vega hai vontade de contalo desde a posición das sometidas. Os materiais están máis preto dela ca en Cardume. Naquel debú literario (Premio Xerais 2007, agora en castelán), a guerra valía para refacer a memoria familiar. A que publica agora é unha historia “dura, triste, abrumadora” na que narra —con diarios e debuxos, fuga de ideas e historias psiquiátricos— o lento devalar da protagonista “cara á escisión e á exclusión”.

En Dark butterfly (Xerais), relato en primeira persoa sobre unha esquizofrenia xusto antes de Internet, a poesía súpeta debe lexitimar o realismo. Temas coma estes fornecen moito menos o campo literario có social visíbel, pero iso podería deberse, segundo a profesora e crítica literaria, ao vicio “de necesitar un veo estetizante, mentiroso, sobre a realidade”.

Pregunta. O tema de Dark Butterfly é tamén conta persoal, como a que enxergou Cardume?

Resposta. Esta novela é unha catarse, precisaba escribila. Evidentemente é literatura, pero tamén hai elementos biográficos moi fortes. Sei do que falo cando enfío o tema da loucura. A miña irmá morreu como morre a protagonista, o resto pode ser ficción.

P. Deu moitas voltas o orixinal, cinco anos despois do primeiro?

R. É un momento complicado para a edición, existe unha longa quenda de escritores á espera. Tamén teño a sensación de que a loucura é un tema difícil. Esta é unha historia dura, triste, abrumadora, comercialmente pode resultar non demasiado atractiva… Á marxe diso, a narrativa galega é moi pouco dada ao eu, á subxectividade, á intimidade. É unha literatura moi masculina no sentido de necesitar un veo estetizante, mentiroso, sobre a realidade.

P. Que fontes literarias lle interesaron?

R. Lin a Foucault, a Deleuze ou a Wolfson, pero o que máis me interesaba era darlle encarnadura literaria á loucura como vivencia. Remarcaría sobre todo Cartas de Pelafina, de Mark Danielewski [o autor de Only revolutions]. Son unha especie de diario espistolar que unha nai esquizofrénica lle escribe ao seu fillo desde un centro de reclusión. Tamén ecoan certos relatos de Ferrín, o Roberto Zucco de Koltès ou Cioran. E as reflexións en primeira persoa de autores que sufriron o trastorno. Sobre toda a novela paira, coma un eco intertextual, a presenza de Pizarnik e os seus diarios e a de Sylvia Plath n´A campá de cristal. E Gabriel Ferrater, o enfermo terminal Hervé Guibert…

P. Como escolleu a distancia?

R. Todos estes autores narran desde a subxectividade da súa experiencia. Eu non podía empregar esa voz, así que o que procurei, como fai Danielewski, é funcionar no gume. Para comunicar a lenta deriva cara a escisión e a exclusión da protagonista configuro unha voz intermediaria e, en certa medida, tramposa.

P. A linguaxe vale para distanciarse e tamén para explicar a esquizofrenia como acto?

R. O que me interesa é ofrecer a visión metafórica que está na loucura a través da linguaxe. Os mecanismos da loucura, como consciencia da morte varrendo todo o demais, levan a literalizar a linguaxe ata destruír a súa significación, o que dá lugar a textos ilexibles. Eu intento situarme nese gume: entre esa vontade de representar literalmente e o discurso racional que axuda a comunicar a experiencia. Buscar unha torsión da língua na que se vexa a luz, esa visión da fenda. Iso inclúe o título en inglés, unha escolla fortemente simbólica para min.

P. Pódese ser respectuosa co lector e máis co pensamento da protagonista?

R. Supoño que por iso mesmo a experiencia da lectura pode resultar desacougante. Non é o delirio dunha tola, o que intento é pactar o relato dentro de estruturas racionais nas que, supetamente, aparece unha fenda. Unha fenda moi leve, traballada por un deslizamento da linguaxe. A ecolalia, a torsión nos usos da sintaxe, serven para manifestar a desviación. Eu busquei que o lector chegue, sen abandonar a racionalidade, a albiscar os mecanismos que existen na loucura como procedementos de visión. Ese cambio de punto de vista foi custoso, pero eu nútrome dunha visión moi próxima. Cando a miña irmá morreu comecei a ler compulsivamente todos os seus cadernos. Alí estaban a mirada e a denuncia, a súa estraña e desolada lucidez.

P. Utilizounos?

R. Hai lampexos. A escritura é miña, pero a visión fundamental, determinadas expresións poéticas, determinados berros son dela. O que hai nesta novela de oración, de pregaria, de desexo desesperado por escapar do sufrimento, está neses cadernos.

P. “Ti es un violín, o meu deber é afinarte”, dille o psiquiatra á paciente. A industria que racionaliza ese discurso é hexemónica.

R. Como din algunhas teóricas do queer, vivimos baixo o dominio da farmacopornografía. É a industria dos psicofármacos a que está por tras da psiquiatría, que agora deu nunha caste de manicomio portábel polo sangue. Convén denuncialo: a farmacoloxía é un mecanismo de control moito máis efectivo cá reclusión, aínda máis devastador e máis indigno.

P. Hai moita beatería aínda, na busca dunha lóxica literaria para os valores marxinais?

R. Eu creo que esa pacatería, sistémica, está relacionada cos axentes que controlan o gusto literario neste país, moi poucos e excesivamente homoxéneos. Diría que forman parte dunha xeración entre 50 e 60 anos, cun percorrido vital e profesional semellante. Xente que reflicte a mentalidade posfranquista, aínda preto do noso pasado, un modelo traumatizado na súa relación coa identidade, co corpo, coa intimidade… É a historia aínda non salvada.

P. É tan visíbel?

R. A min chámame a atención que no mundo editorial non haxa practicamente figuras femininas, ou a reducida porcentaxe de críticas. E sobre a crítica apuntaría a sua excesiva connivencia coa edición. As obras máis visíbeis son aquelas que se publican non por aposta editorial, senón polo consenso de críticos que repiten nos xurados dos premios. E tamén diría que urxe apartar aos profesores da literatura.

P. Que relevo hai para un modelo esgotado?

R. O refluxo actual está a facer que se desmonte o espellismo artellado nos últimos trinta anos: nunca houbo un sistema sólido abondo, e o que hai esfarélase agora. Iso pódenos axudar a reformular estratexias que partan da conciencia de que, como literatura sen Estado, debemos deixar de pensar e facer como se fósemos o que non somos. É evidente que non temos mercado, agora só temos compromiso coa cultura. Nese sentido, a nosa cultura debería funcionar nun espazo cidadán fóra da institución, e iso, a Rede, xa é real. Pero esa visión esperanzadora significa rachar con todos os modelos do establishment.

P. Cando O xogo das cadeiras, o manifesto pola entrada de máis mulleres na Academia, escribiu que a RAG cheiraba “a Varón Dandy e esperma seco”.

R. Ese manifesto revela o que antes falabamos do gusto literario. O que sucedeu fai pensar que o feminismo é algo marxinal na progresía e no nacionalismo deste país. O rexeitamento da Academia é dunha misoxinia clarísima, cando sería vital que houbese máis mulleres para modificar os usos da língua, na liña aberta aquí por Teresa Moure. Que as académicas non se pronunciasen publicamente paréceme un erro histórico. Non digo que a RAG non dea probas de cambio, pero nesta cuestión a sensación foi de fraude, e ten que ver con esa anatemización do feminismo.

P. Ata neutralizalo? En Galicia non hai pornoterrorismo, por utilizar o manifesto queer de Diana J. Torres.

R. Non o hai, pero podería habelo. Aquí vaise aceptando algo o feminismo da diferenza, pero a min o que máis me interesa é o posfeminismo do queer. Parece que está de moda, pero alén diso as súas prácticas esixen substituír o concepto de identidade polo de afinidade. Piden unha nova praxe política allea a estruturas de partido, institucións e ideoloxías totalizadoras, para establecer alianzas continxentes. Trátase de actuar por obxectivos nun mundo horizontalizado e profundamente bastardo.

Deixa un comentario!