Menu Xerais

«Sarou / Louzós», de Ramón Caride: maxistrais relatos de escuro e violento realismo. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Sarou / Louzós, de Ramón Caride.

 

 

Negras historias

Naufraxios existenciais

Baixo o rótulo dos seus topónimos míticos, retorna Ramón Caride aos andeis das novidades editoriais ofrecéndolle ao lector o máis representativo da súa narrativa breve, relatos amalgamados neste caso por pertenceren á serie negra.

Nesta escolma de Xerais achéganos a novela breve Sarou (1997), máis doce relatos recollidos dos non poucos libros de narrativa breve, subxénero no que R. Caride é un verdadeiro mestre, nomeadamente cando se enfronta con narracións de violencia a través de historias profundas e doentes, adobiadas co realismo e a negrura, que asolagan existencias enteiras, tanto nas traxedias da Galicia interior como nos crimes e delitos, igualmente dramáticos, das Rías Baixas.

Saliento a singularidade destes relatos porque a escrita “criminal” de R. Caride, ademais de considerables cotas de calidade literaria, supera os parámetros do relato detectivesco, tan frecuentado nos últimos tempos na literatura galega. O decisivo nesta narrativa breve non é a habilidade detectivesca na investigación do delito, senón a axeitada representación no espello literario, de personaxes, ambientes e comportamentos relacionados coa mala vida, así como o retrato crítico da sociedade e a introspección psicolóxica. Negras historias, xa que logo, de escuro e violento realismo e de naufraxios existenciais.

Francisco Martínez Bouzas

Deixa un comentario!