Menu Xerais

Un escritor que te acompaña ao longo de toda a túa vida. Anotación de Manuel Gago sobre «As voces baixas», de Manuel Rivas

Manuel Gago publicou no seu blog Capítulo 0 unha recensión crítica sobre a última novela de Manuel Rivas, As voces baixas.

 

As voces baixas: o corpo aberto de Rivas

Algúns escritores acompáñante ao longo de boa parte da túa vida como lector. No meu caso, Rivas leva facendo iso desde, se cadra, primeiro ou segundo de carreira, cando descubrín primeiro os seus textos xornalísticos e vin que as grandes crónicas do xornalismo americano tiñan un equivalente, con identidade propia e a unha altura similar ou superior, neste cornecho de Europa.

Despois engancheime -eu creo que en terceiro-, como todo o mundo, a Que me queres amor? Ese libro de relatos e a súa antoloxía poética O pobos da noite remexéronme por dentro desde ben próximo. Eran textos para corpos abertos, ese concepto ao que el recorre con frecuencia. E era a literatura galega que eu quería atopar. Algo me aproximaba a Rivas como a un vento de aire fresco, un vento cheo de cheiro salgado de mar, de verde de piñeiro, de cidades pequenas que se mergullan no rural e viceversa, e nas que ese urbanismo hinterland crea unha cultura de seu. Literatura contemporánea que non nos obrigaba a renunciar á nosa identidade híbrida.

Desde aquela, léolle todo, con independencia do soporte. Ségueme gustando moito, aínda que, como é lóxico, haxa textos e xéneros que me entusiasmen máis que outros: boto de menos a súa brillante faciana xornalística, por exemplo, e os textos nos que a condición humana se retrataba a partir de xestos luminosos e alegres que convertían a personaxes humildes en versos dun poema que convertía en épica a cotidianidade. Con todo, a vida dos escritores, como a nosa, merece cambio e evolución.

Por iso cando estes días, lía As voces baixas (Xerais, 2012) de Manuel Rivas, o seu último libro, os textos leváronme de volta a un territorio que na literatura había moito que non experimentara. O da inmersión no texto, o de sentirme da man do escritor polos pasos que levan de Monte Alto ata Elviña; o de saber que nas historias de Rivas, as da formación da conciencia individual, hai un mundo de experiencias compartidas. O escritor fusionándose co lector na aventura da infancia, dos primeiros recordos, da ausencia, da soedade, dos cans bourando pola noite e da observación algo incomprensible do comportamento dos adultos.

En cada unha das palabras desas frases telegráficas coas que Rivas cada vez estrutura máis as súas narracións, nunha sorte de minimalismo haiku que converte moitos parágrafos en brillantes exercicios de esencialidade, hai un pouso desa verdade que pertence a cada un de nós. A totalidade, ás veces, está prendida entre dez ou quince palabras, nese estilo tan de Rivas de, a partir das palabras máis sinxelas do mundo, transmitir conceptos e sentimentos que van alén das palabras. Poño por caso, para entendérmonos, a mítica pasaxe da pedra final do Lápis do Carpinteiro. Podemos describir e interpretar como queiramos o xesto do neno pequeno, pero o único xeito de explicalo e transmitilo con toda esa intensidade é contando esa historia e non tentando, torpemente, interpretala. En As Voces Baixas esa percepción ocurre todo o tempo.

Non sei moi ben que é As voces baixas. É un libro de memorias? Evidentemente, velaí están os recordos do autor, na súa evolución de neno ata entrar na Universidade. O proceso de avance do texto é especialmente curioso, ao revés do que un podería pensar. É estremadamente minucioso e ambientalista nos primeiros anos, nos que os pequenos detalles transmiten toda unha cosmovisión dunha sociedade de labregos, obreiros e lavandeiras. Pero conforme Rivas entra no instituto e na universidade, a memoria e o relato vaise facendo máis fragmentario, máis cheo de anécdotas e historias independentes, guiadas polo desmoronamento do franquismo e o xurdimento das correntes políticas. O camiño do seu texto é tamén o camiño da evolución, desde un pequeno mundo privado da infancia, ata o mundo do público, no que Rivas se vai conformando coma o xornalista -maxistral o relato da súa experiencia en El Ideal Gallego- e o escritor que será, ata o dramático e magnífico final. Non vos quero tan mal como para contarvos ese final, pero aínda estou conmovido con el.

Sen embargo, creo que As Voces Baixas trascende a memorística; se ben a material vital debe conformar boa parte do texto, o libro vai máis alá. É un retrato de como as persoas conformamos a nosa conciencia, a nosa identidade persoal e familiar. É un texto emocionante, conmovedor, vivo e espido.

É a literatura galega que eu quero.

Manuel Gago

Deixa un comentario!