Menu Xerais

Un libro necesario, unha lectura amena: «O corazón de Xúpiter», de Ledicia Costas

O blog Trafegando ronseis publicou unha recensión crítica sobre O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas.

 

O Corazón de Xúpiter

Gustoume. Gustoume moito este libro polos temas, polo seu tratamento, pola non concesión aos finais felices (xa estou vendo ao meu alumnado protestar porque non ten final tipo Disney!), pola invitación á reflexión…

Falo d ‘ O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, publicado por Xerais. Un libro que nos leva da man a un percorrido pola adolescencia, cos seus conflitos, cos seus perigos, coas súas festas, cos seus amores. Unha novela que dende o primeiro capítulo nos engaiola para sabermos o resultado, mentres compartimos eses momentos vertixinosos que -eu penso no meu alumnado- na adolescencia se pode vivir. A homosexualidade, tratada con total naturalidade, o acoso -ai! sempre detrás unha explicación que ás veces tentamos esquecer-, a Internet, a fuxida ás estrelas, a incomprensión paterna… en calquera destas partes poden os mozos e mozas sentírense reflectid@s, e logo poderán cavilar sobre os seus propios movementos, a súa deixadez, o esquecemento de que non todo é doado. E a morte. A morte está aí, en varias ocasións, porque igual que o amor forma parte da vida, igual que aquel é quen de proporcionar estadíos de tristura suprema que hai que superar.
É un libro necesario, unha lectura amena. Aposto por el. E xa vos contarei o que opinan eles e elas, alumnado de 4º de ESO, que comezou a súa lectura.

Deixa un comentario!