Menu Xerais

Venturoso debut. Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Os fillos do mar», de Pedro Feijoo

Francisco Martínez Bouzas publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre a novela Os fillos do mar de Pedro Feijoo.

 

Venturoso debut

Amenidade e lixeireza

Cunha novela de longo alento debuta Pedro Feijoo na narrativa, sacado un relato galardoado no ano 2011. Un debut venturoso non só porque Os fillos do mar foi finalista do último Premio Xerais, senón seguramente porque a súa novela vai satisfacer moitas ansias lectoras que buscan, por riba de calquera outra consideración, entretemento e lixeireza. En efecto, Os fillos do mar é una proposta narrativa cuxa composición a converte nunha amálgama de elementos tirados de distintos subxéneros e núcleos temáticos (historia, narcotráfico, asasinatos, fuxidos da represión franquista, nazis, os galeóns de Rande, leas familiares, persecucións, detectives e a presenza protagónica das rúas e dos edificios de Vigo), mais cunha tonalidade que a conforma, non nun rodopío de acontecementos, senón nunha trama habilmente construída, aterraplenada de aventura e moita acción que a achegan ao territorio do thriller. Na novela, en efecto sucédese unha manchea de accións, unhas primarias, outras secundarias que, ganduxadas entre si, forman o corpo do relato e na que se deixan ver dous centros da trama: o aparente ou o que semella mover a acción dos protagonistas: a procura do suposto tesouro procedente dos galeóns afundidos en Rande; e outro máis profundo e decisivo: a pescuda da identidade e da orixe familiar dos dous protagonistas principais.

Un arquitecto mediocre vese mergullado nunha herdanza ateigada de inquéritos, leas familiares, asasinatos, droga, o ouro de Rande, a furna do Buraco do Inferno na Illa de Ons, resaibos da Guerra Civil, historias de nazis. Todo isto ganduxado con habilidade, botando por veces man de oportunos flashbacks, dá lugar a unha proposta narrativa cuxa principal virtude é a amenidade.Tamén a facilidade da súa lectura, grazas ao emprego dun galego coloquial, á lixeireza dunha trama desenvolvida sen reviravoltas experimentais, aínda que, na miña estima, Os fillos do mar gañaría enteiros cun mesurado enfraquecemento da súa longura. Outros manxares más exquisitos ou espiñentos non son propios desta caste de literatura. Pode asemade cuestionarse algúns elementos de dubidosa veromilitude, como tal, algunhas circunstancias do desenlace: as reaccións dos protagonistas que dificilmente encaixarían no concepto de mímese ou no pacto narrativo.

Francisco Martínez Bouzas

Deixa un comentario!