Menu Xerais

Vibrante, inzada de acción e aventuras: «Dragal. A fraternidade do dragón», de Elena Gallego Abad. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publica no seu blog unha anotación sobre Dragal, de Elena Gallego Abad.

 

Dragalizados

Dragóns durmidos que agardan una resurrección, tempos medievais que agochan simbólicos segredos, medallóns máxicos que comunican seres e mundos, herdanzas e destinos irrenunciables, bibliotecas que custodian antiquísimos libros prohibidos, as témeras augas da Poza da Moura, unha poderosa orde de vellos cabaleiros que se constitúen en fraternidade, metamorfoses que procuran seres híbridos, un xuramento de sangue inquebrantable, os arcanos da Ciencia Secreta, criptas, plenilunios e barcas funerarias, ovos alquímicos nos que a enerxía do universo se concentra.

Todas estas teselas adoitas na épica fantástica concorren por xunto na triloxía Dragal, da xornalista Elena Gallego Abad, que chega agora á súa terza entrega co título A fraternidade do dragón, volume que continúa os anteriores A herdanza do dragón e máis A metamorfose do dragón.

Vibrante, inzada de acción e aventuras, esta escrita de Gallego Abad convida a se perder na súa vertixe e esquecer nada que non sexa a pura pulsión da loita atávica do Ben contra o Mal. Unha lectura que escolle o seu lectorado, que dúbida cabe.

 

 

Deixa un comentario!