Menu Xerais

Xerais redimensiona a figura literaria de Paz-Andrade coa publicación, na «Poesía completa», dunha copiosa obra poética inédita, que inclúe sete libros enteiros

Xerais publicará, nos próximos días, sete poemarios inéditos de Valentín Paz-Andrade, que se darán a coñecer coa edición da súa Poesía completa, un volume de 752 páxinas preparado polo profesor Gregorio Ferreiro Fente que agrupa tamén os seus «Poemas soltos» e dous poemarios inéditos máis, pero fragmentarios. Este feito, pola súa significación e relevancia, convértese, sen dúbida na noticia literaria do ano dedicado a Valentín Paz-Andrade.

Ata o de agora, como poeta, Valentín Paz-Andrade só era coñecido por tres títulos: Pranto matricial (1955), Sementeira do vento (1968) e Cen chaves de sombra (1977). Xa que logo, prevaleceu a idea de que a escrita poética foi para Paz-Andrade o acto de evasión ou de divertimento dunha persoa laboriosa e inqueda máis ocupada noutros labores ou vocacións fecundas, como a da avogacía e a dos negocios.

Agora, o volume de Poesía completa, que publica Xerais da man coidadosa e experta de Gregorio Ferreiro Fente, dá á luz unha copiosísima e relevante obra poética inédita que redimensiona completamente a súa figura literaria. Son distintos poemarios escritos entre 1937 (en plena Guerra Civil, o que os reviste de especial interese para a literatura galega) e 1984: A serra. Cantos do desterro branco (1937); Sangue na neve: Etopeia da serra (1937);  Cantos da aguia e do lobo (1937); Canto do pobo disperso (1955); Canto reuncial de Galiza (1980); Áurea ora de Galiza (1984); Canto en catro ao conde de Andrade (1985); Poemas soltos (1937-1984); así como os textos fragmentarios Canto do liño e da la (1937-1939) e Os sete salmos da remigración (1955).

Estes libros, que agora se dan a coñecer no volume Poesía completa supoñen un labor poético ininterrupido ao longo de corenta anos, escrito, en palabras de Gregorio Ferreiro Fente, «con empeño e inspiración».

Así pois, e tamén en palabras do responsable desta edición «o lector desta Poesía completa, segundo vaia pasando as súas páxinas, irá facendo o periplo que transcorre, dunhas épocas a outras do século XX, sobre un mar de palabras no que se abriron paso e naufragaron tendencias, actitudes e linguaxes poéticas moi diversas».

Este achádego, que o profesor Gregorio Ferreiro Fente realizou durante o proceso de dixitalización fondos de Paz-Andrade do Consello da Cultura Galega, ten unha importancia trascendental non só para a valoración da obra literaria de Valentín Paz-Andrade senón tamén para o propio corpus, estudo e consideración da literatura galega durante a guerra, o franquismo e a transición.

 

 

Deixa un comentario!