Menu Xerais

Xosé Carlos Caneiro: «Os fillos do mar é unha das mellores novelas galegas que levo lido no último ano»

A pasada fin de semana, Xosé Carlos Caneiro abordou, nun artigo en La Voz de Galicia, a súa lectura da novela Os fillos do mar de Pedro Feijoo.

 

 

(…)  E gozosa tamén, ou máis, foi para min a lectura de Os fillos do mar, unha novela asinada por Pedro Feijoo. Foi finalista no premio Xerais, e logo de lela, e logo tamén de ler a gañadora, e logo de falar ben da gañadora, e logo de pensalo, quero dicir e digo que se eu fose xurado do premio o meu voto había de ser outro. E non lle quito mérito a Queipo, reitero, porque a súa Extramunde é obra marabillosa, senón porque Os fillos do mar é unha das mellores novelas galegas que levo lido no último ano. Novela que atrapa ao lector dende a primeira poética páxina ata a última. Novela que non é negra, senón mistérica e intriguesca. Escrita dende o humor fino, dende a intelixente ironía. Novela de Vigo, diferente, que cartografía a olívica encrespada intensa caótica terra de Nós. Aquel Amor de tango de María Xosé Queizán, Ferrín, Cid Cabido, Fran Alonso, o detectivesco Domingo Villar, son algúns dos contemporáneos que escribiron deste territorio; Feijoo traza co seu pincel outro mapa, diferente, insisto. Novela que leva película dentro, con personaxes que ben puideran ditar unha lección teórica do diálogo. Novela ampla de célere lectura. Na páxina 419 leo epítome: «Un arquitecto mediocre envolto sen querer nunha viaxe pola historia dunha familia estraña…». Un tesouro, galeón. Un tesouro de novela.

Xosé Carlos Caneiro

Deixa un comentario!