Menu Xerais

25 anos de poesía: «Un rato díxolle á lúa», antoloxía poética de Antonio García Teijeiro. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión crítica sobre Un rato díxolle á lúa, a antoloxía poética de Antonio García Teijeiro feita por Fran Alonso e ilustrada por Xosé Cobas, con música de Paco Ibáñez.

 

Antonio García Teijeiro, poeta sinfónico

Antonio García Teijeiro leva un cuarto de século facendo soñar a cativos e grandes. Vinte e cinco anos poñendo a música dos seus versos ao servizo da máis nobre causa: cantar a vida, ensinarnos a ollala con esperanza, tamén si con respecto e admiración, bendicir o amor, ilusionarnos coas pequenas grandes cousas e, sobre todo, deixar fluír polas cordoveas a música das esferas, a harmonía universal que serpea os camiños e os revira ata varrernos o sentido, arrastrándonos a danzar coa sinfonía cósmica da paixón.

Toda esas loias versais, esas cancións de palabras amecidas, tecidas e suturadas de acordes, recóllese agora nunha ampla antoloxía de sonoro e evocador título Un rato díxolle a lúa, volume publicado por Xerais no que se compilan máis dun cento de poemas escolmados polo responsable desta edición, o tamén poeta e narrador Fran Alonso, autor así mesmo do limiar que antecede a selecta, un texto tamén el de gran poder suxestivo e innegable pegada literaria, onde debuxa con graza inxel un completo percorrido pola longa traxectoria creadora deste vigués, un dos máis senlleiros poetas infantoxuvenís peninsulares das últimas décadas.

Na escolma figuran textos de vinte e un dos seus libros. Unha cifra nada desprezable en quen, coma el, ten publicado tanto e tan bo co correr dos anos. Como sobremesa, pecha o volume o poema inédito “Papá Noel”, galano natalicio quen sabe se para algunha nena que un día lerá estes versos.

Acompañan a edición as palabras en ultílogo do seu fillo, Antón García-Fernández, hispanista na University of Tennessee at Martin, quen incide na natureza musical da proposta do autor, con poemas inzados de compases e un swing irreprimible, electrizante, que imanta na lectura en alta voz destes versos cantareiros.

Por remate van tamén unhas palabras do propio García Teijeiro para agradecer e dar conta da colaboración propiamente musical que complementa este libro: un cd con tres das súas poesías musicadas polo incomparable Paco Ibáñez, voz maior da canción de autor ibérica que achega tamén a melodía de fondo coa que se acompañan os recitados deses tres mesmos poemas na palabra do escritor.

Moito prestará a quen escoite este poemario a súa arquitectura fonosimbólica, as aliteracións e paronomasias, as onomatopeas que van creando unha fonoestilística única, punteada en métricas romanceadas, coplas e romanciños de rimas encadeadas a maior parte das veces, mesmo con cabos rotos en ocasións e aínda rimas semánticas, mais sempre abotoadas de paradiástoles, enumeracións, epanalepses, anadiploses, concatenacións, anáforas, epíforas, epímones, correlacións e paralelismos mil, entre outras moitas figuras retóricas que crean esa musicalidade de quiasmos, catáforas, calambures e retruécanos tan lúdica e agradecida.

Un rato díxolle á lúa deixa escoar a luz das pombas, dos ratos namorados, das árbores falangueiras e as barquiñas douradas nas que cabe o mar todo. Abandónase á aventura das fragas, aos ventiños toliños e as chuvias eternas, ao cantar maino das aves peregrinas, das campás rosalianas e dos galos ben bicados e deixa que ascenda polos aires o fume da fogueira dos versos ata cubrir a baleira lúa, o lueiro de papel no que espellan os poetas amados, os músicos benqueridos e os amores e amigos que habitan, con quen os convoca, un pais de bolboretas e merlos sabedores.

Deixar entrar polas portas da casa Un rato díxolle á lúa ha ser unha alegría para os máis noviños, mais tamén unha agradable sorpresa para aqueles que, veteranos en xeiras millenta, descubran nas súas páxinas que a esperanza, o amor, a ilusión e a música do mundo sempre é posible cando un rato espelido atúa a señora Lúa.

Armando Requeixo

Deixa un comentario!