Menu Xerais

A imaxinaria estirpe galega: «A Galicia máxica de García Márquez», de Carlos G. Reigosa. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica sobre o libro A Galicia máxica de García Márquez, de Carlos G. Reigosa.

 

A imaxinaria estirpe galega de García Márquez

Un escritor como Carlos Reigosa que no seu propio mundo literario procura retratar a realidade dun modo creativo conxugando o espazo máxico e o espazo racional, posúe todos os créditos para achegarnos a esa “verdade poética” da orixe galega de Gabriel García Márquez. Reúne ademais Carlos Reigosa a condición de xornalista que lle permitiu, nesta ocasión, un contacto directo e persoal co Nobel colombiano.

   Orixe galega que lle viría pola liña da súa avoa Tranquilina Iguarán Cotes, da que o escritor nado en Aracataca aprendería o seu xeito de contar, malia que  esa descendencia de galegos de dona Tranquilina cómpre poñela entre interrogantes. De feito os seus apelidos, Iguarán Cotes pouco teñen que ver con Galicia, senón coa Guajira e coa rexión caribeña de Colombia (Departamento do Magdalena).

   As mesmas pescudas que dun xeito tan amplo como minucioso realizou Carlos Reigosa para atopar materiais documentais que probasen que os antepasados, ou algún dos devanceiros, da “avoa galega” de García Márquez eran galegos, remataron no fracaso. O resultado desas pescudas e investigacións é o que nos ofrece esta obra, xa publicada en edición non venal en 2008 pola Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia.. Unha investigación alimentada, como lembra Fernando Salgado na Introdución deste libro, polo mesmo García Márquez “con alusións salpicadas aquí e acolá, con frases evanescentes e equívocas, cabos soltos que aínda ninguén logrou anoar”.

   Xa que logo, incógnitas non resoltas, pero que nos mergullan en territorios máxicos, en eidos bretemosos, cuxo resultado é unha “verdade poética”. A “verdade poética” desa avoa que falaba como relataba Kafka. Un espazo de ficción sen fronteiras rexido polas leis da imaxinación.

   O libro de Carlos Reigosa dá conta dese xeito de contar da avoa, dese realismo máxico co que Gabo escribiu Cien años de soledad; da viaxe do escritor colombiano a Galicia a comezos de 1983 para regalarse un dos seus soños máis antigos. Viaxa á Galicia da que tanto lle falara Fidel Castro e na que se sente entre os seus antepasados. Galicia, un dos países míticos nos que, xaora, nunca sae o sol; do seu encontro con Gabo en outubro de 1991 na sede da Axencia EFE en Madrid, das conversas que mantiveron e nas que aparece Fidel Castro como unha persoa de gran teimosía, paradigma da imaxe universal do galego.

A obriña de Carlos Reigosa remata con tres referencias a xeito de epílogos: a relevancia no éxito de Cien años de soledad de Francisco Porrúa, editor galego-arxentino que en Editorial Sudamericana pon na rúa a primeira edición dese Don Quijote do século XX, en 1967; as relacións “indecisas e veladas”, mais de grande proximidade literaria entre  García Mçárquez e Álvaro Cunqueiro; e finalmente unha cala moi interesante no “xeito de contar”, no realismo máxico: a súa orixe e as súas características proxectadas  no seu cumio e emblema: Cien años de soledad.

   Unha achega de xornalismo de investigación interesante e de doada lectura á figura do escritor nado en Aracacata  que moitas veces confesou ter escrito ao ditado formal da súa “avoa galega”. Segue no aire a verosimilitude da ascendencia galega de García Márquez  (el mesmo remite a xornalistas e investigadores para que a descubran pois necesita sabelo). O texto de Carlos Reigosa non agocha ese, polo de agora, indescifrable inquérito. Mais achéganos a outra clase de estirpe, a literaria. E na mesma, a influencia da avoa que sen se conmover lle contaba ao cativo en Aracataca cousas atroces e de mortos, foi decisiva.

Francisco Martínez Bouzas

 

Deixa un comentario!