Menu Xerais

«A memoria da choiva», a que será un dos grandes éxitos editoriais do ano

Raquel Feijoo publica en Tempo de lecer unha crítica da novela A memoria da choiva de Pedro Feijoo da que aventura será «un dos grandes éxitos editoriais do ano».

Todo comeza nun piso da rúa República do Salvador de Santiago. Alí, no 3ºA do número 28, aparece morto Xosé Carneiro, coñecido psicanalista e polémico colaborador televisivo. Morto é pouco, xa que o cadáver ten o peito aberto e amosa que o crime levouse a cabo cunha gran brutalidade e violencia extrema. Por se fora pouco, o corpo presenta unha estraña peza de ferro chantada no corazón. Ou, para ser exactos, unha especie de cravo enorme que sobresae uns cantos centímetros do peito do finado (Unha vez tiven un cravo/ cravado no corazón,/ i eu non me acordo xa si era aquel cravo/ de ouro, de ferro, ou de amor…)

Este é o panorama que atopa o noso protagonista, o xornalista Aquiles Vega, cando acude ao escenario do crime avisado polo inspector Andrés Casaperda. E este é tamén o escalofriante comezo de: A memoria da choiva, o fantástico novo libro de Pedro Feijóo que acaba de lanzar á rúa a editorial Xerais. A obra, de 472 páxinas, mestura aventura, versos, sangue, amor e odio para contar a historia duns estraños asasinatos que empezan a acontecer. A de Carneiro é, xa que logo, a primeira dunha cadea de mortes en serie, unha carreira contra o reloxo na que Aquiles terá que comprender o que está pasando pero, sobre todo, cal é o papel que xoga en toda esta historia un dos nomves máis importantes da nosa literatura, Rosalía de Castro.

472 páxinas que absorven ao lector

Se con Os fillos do mar Pedro Feijóo xa obtivo un gran éxito, o escritor vigués regresa agora cunha nova novela que manterá ao lector pegado ás súas páxinas dende o seu comezo ata o fin. Posúe unha narración áxil, sinxela e amena; unha trama moi ben construída e uns personaxes perfilados coa destreza de quen sabe conxugar os ingredientes literarios precisos para facer unha boa historia. Estamos ante unha novela para os amantes da literatura negra, de intriga, de suspense. Para os incondicionais das tramas nas que un asasino en serie parece pór todo patas arriba. Para todos aqueles lectores que queren pasar uns momentos agradables na compaña dun bo libro que non che permite descansar e pechalo ata chegar ao seu fin.

O personaxe protagonista desta trama é o xornalista Aquiles Vega. Pedro Feijóo preséntanos aquí a un home normal, a un antiheroe. Cos seus problemas e as súas inquedanzas. Cos seus medos e condicionamentos. A unha persoa, en definitiva, normal, que se verá enredado en todo este asunto. Como lle di a súa nai nun dos momentos do libro: “Desde logo, Aquiles, ás veces non sei se o que parín foi un fillo ou unha sandalia…”. Fillo ou sandalia, o certo é que o personaxe de Aquiles Vega, pola súa normalidade e sinxeleza, é creíble e fai a trama moito máis amena. Para levar adiante a súa investigación, o xornalista contará co apoio da profesora Sofía Deneb, especialista na vida e na obra de Rosalía de Castro e que lle será de gran axuda para desentrañar algunhas pezas clave do caso.

Asasinatos… cun puntiño de humor

Pero aínda hai máis. Porque a escrita de Pedro Feijóo ten un punto de ironía, de humor negro co que consegue que, a pesares de estar a falar dunha trama de asasinatos en serie, con todo o duro e cruel que isto poida parecer, no texto sempre hai un puntiño de humor, un pequeno espazo para a ironía, un guiño ao lector que consegue espertar o seu sorriso. Un exemplo disto é cando Aquiles Vega chama a Troitiño, o doutor xefe do Anatómico Forense, para falar do primeiro dos crimes da trama, o do psicanalista Carneiro. Este diálogo -como todos os da novela- non ten desperdicio. Por exemplo:

Aquiles Vega: Xa. Bromuro de…

Troitiño: De rocuronio.

Aquiles Vega: Diso mesmo. E de onde vén isto? Quero dicir, é fácil de conseguir?

Troitiño pénsao uns segundos: Home, fácil… Non. Ou si, depende. En realidade non se trata de nada que non haxa en todos os hospitais. Se hai un quirófano, hai rocuronio. O seu nome comercial máis habitual é Esmerón. Agora, sobre a maneira de botarlle a man… iso xa non cho podo dicir. De calquera xeito, e como che digo, alén diso a causa da morte está ben clara: morreu ao lle rebentaren o corazón.

Aquiles Vega: Ao llo rebentaren, dis?

Troitiño: Claro, Aquiles. Ben, como pouco iso é o que ocorre cando a alguén lle atravesas o ventrículo dereito cun verro de vinte e dous centímetros e medio: que morre, aínda que nada máis sexa un pouco…

Ou tamén:

Troitiño: Non hai rastros?

Aquiles Vega: Non hai nada. Nin pegadas dixitais, nin cabelos, pel baixo as unllas do morto… Nada, nin unha triste cabicha. O tipo é bo, moi bo. Foi quen de entrar e saír da consulta sen deixar o mínimo rastro.

Troitiño: Pois entón, Aquiles, a cousa está ben clara: o voso home matouno unha pantasma.

Estamos, xa que logo, ante unha obra de lectura moi recomendable para todas as persoas amantes da novela negra, de intriga e de acción. Unha novela que nos chega da man dun autor galego, vigués, que se sitúa con este novo libro nos primeiros postos dos grandes nomes da nosa literatura.

Moi, moi recomendable.

Deixa un comentario!