Menu Xerais

Agustín Fernández Paz dá pistas na rede sobre a súa próxima novela

Sermos Galiza publica unha noticia de Carme Vidal sobre a próxima novela de Agustín Fernández Paz e o seu proceso de documentación.

 

Fernández Paz dá pistas na rede sobre a súa próxima novela

O cosmonauta Yuri Gagarin será un dos seus personaxes. O escritor Agustín Fernández Paz estase a documentar sobre a súa próxima novela e comparte os datos nas redes sociais.

As máis de setecentas persoas que seguen a  Agustín Fernández Paz na rede social twitter xa teñen noticia dalgúns dos elementos cos que un dos escritores máis lidos da nosa literatura está a construír a súa nova novela. O cosmonauta Yuri Gagarin, o home que protagonizou o voo ao espazo que hai máis de cincuenta anos fixo que Rusia se adiantara aos Estados Unidos na coñecida como carreira espacial, será un dos personaxes da nova novela do escritor, tal e como adiantou o narrador.

Fernández Paz comparte nas redes o apaixonante proceso de documentación no que, como el comenta, os datos van cadrando nunha “descuberta constante” no que “a actualidade parece xirar” arredor da novela. Desta maneira, o escritor faise eco da nova película estreada en Rusia sobre Gagarin ou a descuberta máis de 45 anos despois das razóns do sinistro no que o astronauta perdeu a vida. Segundo informacións recentes, Gagarin tería morto nun accidente de aviación a causa dunha imprudencia doutro piloto. A noticia aparece enlazada co comentario: “datos novos sobre un dos personaxes da novela que ando a escribir. Fascinan, estas reviravoltas do azar”. Canda o heroe soviético, Fernández Paz descúbrenos á primeira muller astronauta. Valentina Tereshkova, nacera o 6 de marzo de 1937 e subiu ao espazo en 1963; pode ser que apareza tamén na súa nova obra.

Gagarin e o espazo 

Se de Gagarin é de quen dá o escritor máis pistas e fai intuír unha presenza importante na trama do seu próximo título, Fernández Paz fai fitar aos seus lectores noutros datos que compoñen tamén o ambiente no que, posibelmente, se moverá a historia que nos conte en breve. “Documentándome sobre os anos sesenta para a novela”, comenta nun momento no que atopa un singular vídeo de Violeta Parra ou a historia do deportista Tommie Smith que nos Xogos Olímpicos de México en 1968 agachou a cabeza ao recoller a medalla mentres levantaba o puño cunha luva negra en protesta contra o racismo e apoio ao movemento Black Power.

Agustín Fernández Paz é un dos autores máis activos nas redes sociais. Cunha páxina web na que se recolle grande cantidade de información sobre a súa obra e traxectoria, o autor de Noite de voraces sombras, Contos por palabras, Non hai noite tan longa, Aire negro ou As fronteiras do medo mantén tamén un blog no que ofrece textos arredor da literatura, o cinema, a lingua ou a banda deseñada entre outros temas. O escritor é recente en twitter mais iso non quita para que a súa presenza sexa notábel, en especial pola información que deita na rede e polo diálogo que establece cos seus lectores e con outros nomes do mundo da literatura e a cultura como Marcos Calveiro, Manuel Bragado, Ledicia Costas, Xabier P. Docampo, Martin Pawley ou Berta Dávila. “Todas as historias se tecen cos fíos da vida” é a lenda coa que encabeza a súa presenza na rede social das mensaxes de 140 caracteres.

Deixa un comentario!