Menu Xerais

«Ámote Leo A.», de Rosa Aneiros: a opinión dos estudantes do IES de Silleda

Gracia Santorum publicou en As estelas dos ronseis as opinións dos seus alumnos e alumnas sobre Destino Xalundes, de Rosa Aneiros, o primeiro volume da triloxía Ámote Leo A.

 

Ámote Leo A.

Comentario de Jean Michel Vidal García

Empecei a ler este libro con poucas expectativas sobre el, porque como a miña profesora sabe, non son moi fan das novelas en galego pero as expectativas aumentaron considerablemente mentres lía o libro.  Ámote Leo A. Destino Xalundes  foi un dos únicos libros en galego que lin pero teño que dicir que me gustou sobre todo pola súa tematica.
Ámote Leo A. Destino Xalundes  gustoume moito pola tematica, que ao meu parecer, de seguir os teus soños aínda que as cousas se poñan mal. O libro abreume os ollos e fixome recapacitar sobre o que me gustaría ser ao acabar os meus estudos.
Ámote Leo A. Destino Xalundes  trata sobre unha rapaza chamada Leo que organizou unha viaxe cos seus amigos ao acabar os estudos pero no último momento os amigos bótaronse atrás, pero Leo non renuciou  ó seu soño de facer esa viaxe e decidiu facela ela soa.
Debo dicir que o que máis me gustou de todo o libro foi o final, con esa mensaxe que di “Ámote Leo A.” porque foi un peche perfecto á súa primeira parte e fai que queira ler o segundo libro da triloxía que lerei como libro optativo no terceiro trimestre  (despois de acabar a saga de “Canciones de hielo y fuego” de George R.R Martin)
Recomendaría o libro? Pois se estás pensando en facer algo importante na túa vida e cumprir os teus soños pero non tes valor de facelo recoméndoche rotundamente este libro sobre unha rapaza que quería cumprir o seu soño e foi o que mellor fixo.

Ámote Leo A.

Comentario de Diego Iglesias Montouto

A min o libro de Ámote Leo, gustoume, pero non acabou de conseguir engancharme de todo, porque non son o meu tipo de historias, pero, para non ser un deses libros que non adoito ler, estivo bastante ben xa que nunca lera un libro cuns personaxes tan desenvolvidos, e a súa paixón por viaxar a tantos lugares do mundo o que foi: vivindo, descubrindo e como as vidas dos personaxes son tan reais, como por exemplo os momentos nos que sofre problemas e é traicionado e a forma no que o conta faino sentir máis intensamente.
Despois tamén, a medida que o ía lendo, puiden ver que polo título do libro, que non íia ser o típico libro onde todo sae ben e non ocorre nada malo durante toda a historia, senón que encaixa mellor coa realidade e non o fai tan… fantasioso, e ensina un pouco como é a xente en realidade e que non só van ter boas intencións e que non sempre se pode confiar en calquera persoa, senoón que temos que saber quen é de verdade a persoa na que podemos confiar e saber velo.
É un libro que lle recomendo a xente que estea interesada en ler unha historia apaixoante que reflicte rasgos da realidade que calquera outra historia non podería ofrecer.

Ámote Leo A.

Comentario de David Varela Salgado

Por un lado, o libro gustoume, pero por outro, a historia non me acabou de convencer. A temática en xeral da viaxe e o misterio atraeume, e algunhas das descricións faciante ser ti o protagonista e atoparte na mesma situación. O feito de que a protagonista, Leo, antepuxera o seu desexo de viaxar, de cumprir os seus soños aínda que fose soa, é algo que anima e incita a buscar o que más queiras. Neste caso, lévate a coñecer sitios novos, os cales, se se quedase na casa, xamais coñecería, igual que pasa coas novas amizades.
 Pola outra banda, o feito de que non desvelen ao final quen está tras da mensaxe déixache a mel na boca, e se, como a min, non che gusta ter que esperar para poder ler a continuación de algo, porque se che olvida o anterior, fastidia un pouco.
Desde libro teño pouco máis que dicir, soamente que recomendaría o libro, pero cando a trioloxía estea publicada enteira, xa que, como dixen anteriormente, déixate coa intriga coméndote por dentro, é algo que necesitas ler dun tirón, sen pausa, para non perder ningún detalle polo camiño, xa que todo importa.

Ámote Leo A.

Comentario de Cristina Cabaleiro

Catro amigos e unha apaixonante aventura, ou polo menos este era o maior soño de Leo antes de que Martiño, Aldara e Inés romperan en mil anacos a promesa que fixeran anos antes.
A pesar de todo, Leonor debe tomar unha difícil decisión: desistir da viaxe ou afrontar os seus medos e ir soa. As dúbidas son demasiadas, pero ten tanta ilusión por coñecer novos lugares e culturas, que decide coller a mochila e embarcarse nunha emocionante travesía de seis meses arredor do mundo. Lisboa, Granada, Marrakech, O Cairo e Istambul son uns dos moitos destinos que toma. Ademais, na súa estancia en Barcelona coñece a Ruth e a cía, que rapidamente lle encontran un oco no seu peculiar grupo.
“Ámote Leo A.”, esta pintada tamén a acompaña a cada paso que realiza.
Quen será o autor desa enigmática mensaxe? Esta é unha das moitas preguntas que nos podemos plantexar coa primeira entrega desta triloxía de Rosa Aneiros, pero que soamente poderá ser resolta se acompañamos a Leo ata o final da súa gran aventura.
Persoalmente, o libro fascinoume, era como se puidera viaxar (cousa que me encanta) ao mesmo tempo que a protagonista, como se os seus pasos fosen os meus. Asemade, aprendín moitas cousas novas que descoñecía sobre estes lugares, as súas tradicións e as súas culturas. Pero sen dúbida ningunha a mensaxe máis valiosa desta narración é que debemos afrontar os nosos medos, pois ás veces pode atopemos novos horizontes ao atravesalos.
Recoméndolle o libro a todas as persoas que teñan un anaquiño libre do seu tempo para poder facer unha profunda viaxe pola imaxinación.
Espero con afán as seguintes aventuras de Leo, para poder resolver dunha vez por todas o emblemático enigma. Ogallá que as saboree tanto ou máis cá primeira!

Ámote Leo A.

Comentario de Alejandro Camanzo Mariño

Ámote Leo, escrito por Rosa Aneiros, é un libro peculiar. É un libro que transmite sensacións… dende o depresivo e frustrante ambiente lisboeta ata o axetreado balbordo das rúas de Marrakech. A historia de Leo, que pese a deixar aos seus amigos e familiares atrás para emprender soa esta aventura arredor do mundo, é canto menos absorbente, páxina tras páxina non podes deixar o libro, que desde o episodio de Cádiz, onde aparece a primeira pintada dicindo “Ámote Leo A.”, engánchate de tal xeito que non es capaz de cerrar o libro ata acabalo. Ademais, a descrición da cidade turca de Istambul é… abraiante canto menos.
Persoalmente, encantáronme as descricións das cidades que ía visitando a rapaza, cada unha deixábache unha pegada no corazón, coma se realmente foses ti quen estivera visitando eses lugares.
Realmente, podo dicir que é un libro que me gustou moito, non se me fixo pesado en ningún momento da lectura, e animábame a ler sen descanso ata rematalo. Aínda así, teño que admitir que o final deixoume coas gañas, quizais un final demasiado aberto para o meu gusto.

Ámote Leo A.

Comentario de Carmen Villanueva Ansedes

Ò principio, a historia foime difícil de pillar xa que andaba xogando no tempo, pero unha vez que me decatei como a escritora organizou a historia, gustoume. Tamén me gustou moito o detalle, en determinados momentos, de como se fora o diario de Leo, xa que fai que a historia sexa moito máis personal e moito máis crible.
O principio desta viaxe de seis meses de Leo encantoume, xa que me gustan moito os libros que conseguen transportarme de cheo ao lugar dos feitos. Para min é unha desas historias que conseguen que lle collas cariño as personaxes,e que fan que non poidas deixar de saber con que se atopará o no próximo capitulo.
Eu recomendaría este libro, está claro, e máis para a xente que lle gusten os libros de viaxes, os cales deixan fluír a súa imaxinación.

Ámote Leo A.

Comentario de Leticia Couto

A verdade é que non me gusta demasiado ler e cando vin o grosor de Ámote Leo A, impactoume moito! É certo que non conseguiu engancharme porque non é un xénero que me atraia, pero si que houbo moitas cousas que me gustaron. Teño que confesar que antes de comezar o libro e nas primeiras páxinas pensei que Leo era un rapaz e non unha rapaza. Se hai algo que deba destacar é a maneira de escribir de Rosa Aneiros, gustoume moito. Paréceme que o fai dunha forma moi clara e precisa. Para min o mellor momento foi esa especie de “romance” que houbo entre  Leo e Andrés. A súa forma de exteriorizar serviume para ver que non sempre te podes fiar de calquera persoa ao 100%, sexa quen sexa.
Impresionoume a iniciativa que ten a protagonista para lograr cumprir o seu soño a pesar de que os seus amigos a deixaran tirada, de que súa nai non estaba de todo de acordo, de que todos os seus coñecidos tiraban máis para atrás que para diante… Leo é unha rapaza medio independente que non lle importa andar soa polo mundo e demostrou saber defenderse. Resultoume abraiante a súa responsabilidade. Non lle supuxo ningún problema ter que durmir nunha pensión de mala morte con corenta mulleres máis na mesma habitación, como é a pensión de Clotilde. Algo que Rosa Aneiros me fixo pensar moito é que podes lograr calquera cousa que te propoñas, sempre que queiras.
 Quedei intrigada coas pintadas que poñían “Ámote Leo A” e tamén con esa “A” que pensei que ao final do libro revelaría.
Agradoume moito saber que estaba a ler un libro nun entorno tan actual, co uso do twitter, do skype ou mesmo dos correos electrónicos.
Sen dúbida recomendaría este libro porque a pesar de que a min non conseguise engancharme si que me fixo reflexionar sobre moitas cousas. Por exemplo, na ignorancia que podemos ter ás veces as persoas fiándonos de quen non debemos ou, simplemente que, querer, é poder.

Ámote Leo A.

Comentario de Diego Pérez Rodríguez

A min o libro gustoume a pesar de que ao principio lino de mala gana porque pensei que ía ser un libro de amoríos e non un de aventuras. A historia é algo estraña porque Leo quería ir cos seus amigos pero despois abandónana e ela soa ao principio vese coma nun mundo moi grande, pero a medida que vai indo dun sitio a outro vaise facendo como máis independiente e tomando decisións por ela mesma, sen se deixar influír por outra xente, coma por exemplo pola súa nai, quen lle dixera “nada de Oriente Próximo” e aínda así foi ata alá.
A historia pareceume un pouco difícil polos cambios que fai ao principio, máis que ao final do libro, sobre o seu pasado e as cousas que lle foran pasando. O momento que máis me gustou foi cando ela e Andrés entran “en contacto” e os seus pensamentos nel cando ve as pintadas alá onde vaia.
A miña cidade favorita das que saen no libro é Barcelona, porque é o momento no que ela coñece a panda de Ruth e cia e é cando Leo parece estar máis feliz e alegre, tamén é onde, segundo a miña opinión, o libro pasa máis tempo. Gústame a maneira na que mentres está facendo calquera outra cousa ou está falando con alguén describe a esa persoa no medio da conversa, como fai con Cayetana en Marrakech ou como describe os sitios nos seus chíos no Twitter.
Espero poder ler os outros dous libros da triloxía se teño oportunidade e espero que sexan iguais que o primeiro, ensinándoche os lugares para que ti sintas coma se estiveras de lado de Leo véndoo todo.

Ámote Leo A.

Comentario de Román Estévez Tallón

Dende o meu punto de vista, o libro Ámote Leo A. resulta moi entretido, pero custoume “engancharme” a el, xa que o comezo era difícil de entender. A  medida que ía pasando as páxinas foi conseguindo atraparme.
 O que máis me gustou e  logrou manter o meu interese foron os lugares tan diferentes que Leo ía visitando. A visita a Granada foi a que máis me impactou. Nese lugar, coa compañía dun grupo moi entretido e xeneroso chamado Ruth e cia ó que se unira en Barcelona, ocorreu de todo. Dende berros e discusións, que nalgún momento me facían sentir enfadado durante a lectura,  ata o amor que xurdiu entre Leo e Andrés. A súa separación e despedida fixome sentir pena.
Houbo un lugar que non me gustou. Os días que Leo pasou en Lisboa foron tristes e moi desorientados, e nesa parte o libro pareceume máis monótono e aburrido. Nembargantes,  o resto dos lugares que visitou eran moi entretidos e sempre ocorría algo que me facía tremer, coma as revoltas no Cairo, Libia, etc… E outros  momentos da súa viaxe fixéronme cavilar e atrapábanme máis no libro, como as mensaxes que poñían “ Ámote Leo A.” que ía atopando en todos os lugares que visitaba. Pero ao final do libro leveime unha gran decepción ao non saber quen as escribía, e tamén  quen foi a persoa que atopou Leo na porta da súa casa.

En definitiva o libro gustoume xa que me fixo sentir diferentes sensacións de medo, tristeza, enfado, etc… E me deixou con ganas de ler os seguintes libros da triloxía para resolver algunhas dúbidas coas que me quedei ao final.

Ámote Leo A.

Comentario de Rocío Fernández Cuíña

Ámote Leo A, verdadeiramente, foi un dos mellores libros que podía ler arestora, cheo de frases que me fixeron pensar e cambiar a miña forma de ver a situación nun momento no que considero que o precisaba. O libro fixome sentir identificada en certos parágrafos, que non foron poucos, e iso sempre é de agradecer xa que tanto consegue intruducirte máis no personaxe e este procura mergullarte  na lectura e que pasasen as horas sen apenas darte conta como darche consellos indirectamente ou indicarche o que pode ser unha opción a ter en conta, unha boa opción.
   O certo é que xa me sorprendeu dende o comezo, cando vin que Leo era certamente unha rapaza e non un rapaz como me imaxinei ó ver o título, e no momento en que lin que súa nai lle falaba con certo… non sei, dun modo co que só quería conseguir facela sentir culpable por querer irse e darlle dalgún xeito pena cando probablemente ela o que quería era despexar a súa mente  e gozar da viaxe que tanto tempo levaba planeando, e a pesar de que tamén os seus amigos incumprisen a promesa e a deixasen soa, pero que aínda así ela foise convencida a non recuar e disposta a pasalo ben. Aí, xusto aí tiven claro que o libro e o tempo que lle adicase ían valer moito a pena e que case era seguro xa que me gustaría, e así foi: gustoume. Gustoume moito.
    Sorprendeume tamén dende o punto de que sempre dende un principio me levou a contraria, cando eu pensaba “e agora este vaille dicir que blablaba” acontecía algo co que non contaba e era como que me descolocaba sen perder o fío da narración. Xa empezando no momento da mensaxe na que Martiño lle mentiu e ocultándolle que realmente estaba no aereoporto, que por certo foi un dos personaxes que a pesar das relativamente escasas aparicións, para min, máis esencia ten no libro. Outra cousa que podería comentar foi que en calquera momento eu esperaba unha aparición, máis ben desexábaa, valíame de calquera, de Martiño, de Andrés ou incluso de Rubén, algo que lle dese á escena o toque que abrandase á que parecía por momentos a frialdade de Leo.
 E… ben, do final, que dicir, eu esixo un final! Non vexo o momento de confirmar se as miñas sospeitas da persoa que apareceu son as acertadas, se continúa a historia de “amor” ou do que fose que descubreu durante a súa viaxe con Ruth e cía ou se comeza a historia que dunha forma ou doutra sempre existiu, que sempre a mantiveron intacta, apartada, pero sempre aí.

Dar as grazas tanto a profesora pola escolla como a escritora por tan xenial libro, sei que me faltan cousas por dicir, pero non vou extenderme máis, agardo o segundo libro e tamén que sexa dentro do posible, axiña.

Ámote Leo A.

Comentario de Alberto Fariña Toimil

Dende o comezo, dende a primeira palabra,o libro Ámote Leo A., sinxelamente, encantoume. Principalmente encantáronme dúas cousas do libro: a forma que escolleu a autora de escribilo, mesturando o pasado e o presente, facendo unha especie de flashbacks, que nas primeiras páxinas me resultaron un pouco complexos, pero pronto me acostumei a eles e gustáronme moito. E a segunda cousa é a historia que conta o libro; Leo tiña un plan que era marchar de viaxe con 3 amigos ao acabar os estudos, pero antes de marchar os seus amigos bótanse atrás e Leo decide marchar ela soa, a historia encántame por iso, por esa valentía que mostra Leo ao marchar soa 6 meses e porque eu tamén comparto ese soño con Leo, o cal espero cumprir algún día.
Ámote Leo A. enganchoume dende o principio, supoño que pola intriga de que vai pasar no capítulo seguinte, o que facía que cando empezaba a ler me custase despois parar. Tamén saco unha cousa positiva do libro, xa que aprendín cousas das cidades polas que pasa Leo. Quedei moi intrigado coa mensaxe “Ámote leo A.” que supoño que Rosa Aneiros nos descubrirá nos seguintes títulos da triloxía e que agardarei impaciente.

E a gran pregunta, eu recomendaría este libro? Pois claro que si, recomendaríao a todas esas persoas que como a min lles guste viaxar, ou viaxaran as cidades das que fala o libro xa no libro e descubrirán outro punto de vista desas cidades, moi afastado do que vemos cando as visitamos, xa que non se mostra o punto de vista consumista que vemos cando viaxamos a cidades turísticas.

Ámote Leo A.

Comentario de Carlos Mato Rodríguez

Ámote Leo A. foi un libro que dende o comezo pensei que non me ía gustar, pero cando se di o de “non xulgues un libro pola portada” boa razón levan. Os primeiros capitulos xa me empezaron a enganchar bastante polo tema da organizacion da viaxe, os problemas coa familia, cos amigos, son temas que, a min polo menos, resúltanme bastante familiares. Pero cando de verdade me enganchei foi cando o seu amigo a fora a despedir ao aeroporto e ela xa marchara pensando que a abandonaran completamente, dende aí devorei as páxinas coma se de comida se tratase.
Ademais, este libro ten algo moi especial, o detalle da descrición, cada parada, cada situación estaban descritas cunha precisión equivalente a unha imaxe, iso faino un libro moi recomendable de ler. Ruth e cía foi a guinda do pastel, Leo estaba soa sen saber a onde ir e arrepentíndose da viaxe, foi entón cando os atopou e se uneu formando unha especie de familia, unha familia con diferentes opinións e maneiras de pensar, en conxunto era perfecta, pero por separado sempre había algunha que outra liorta, ben se demostrou nos capítulos de Granada.
E no Cairo cando quixo visitar as pirámides, o atasco ese, gustaríame que tivese sido unha revolta, ao meu parecer daríalle máis vida a esa parte pero… para gustos cores!
O único que lamento é que os seguintes libros da triloxía aínda non se publicasen, así que esperarei ata que saia o resto da triloxía.

Ámote Leo A.

Comentario de Isidro Gil Pallares

Teño que confesar que o libro non foi do meu agrado e que se me fixo bastante pesado, xa que non me conseguiu “atraer” dende un principio e non comparte moitos gustos comigo. Tamén levei un “chasco” xa que o que me causou intriga para seguir lendo non se desvela no libro (a mensaxe “Ámote Leo”).
Inda así isto non quere dicir que non sacase cousas positivas del, xa que así foi. Principalmente dúas:
  • Que calquera ilusión ou soño que teñas e que perdas doutros soños para poder conseguilo, nunca o abandones. Xa que por exemplo, no caso de Leo que lle fallaron os amigos, iso non foi impedimento para perder algo polo que levaba tanto tempo agardando e aforrando. Ela fixo o que tanto soñara soa e pasouno moi ben de todos modos (con momentos malos tamén, pero a maioría eran bos), cousa que igual se fose cos seus amigos non sería así. Polo tanto, ti se desexas algo lánzate a por el, que nada te free.
  • Que nunca te fíes completamente de ninguén, procura desconfiar sempre un pouco (que non se che note claro), pero ata que non a coñezas moi ben a esa persoa, non te fíes dela. Xa que pode ter outras caras que non che ensina que te poden prexudicar, como lle pasou a Leo con Edmundo (ela foi lista e non se fiou completamente del e librouse antes de que a puidese prexudicar).
Para rematar quixera dicir que me encanta dous detalles que ten a autora. Un é a súa forma de facer enumeracións, é especial xa que a min ocasionábanme algo de desorde e picaresca que me gustou. É outro é o da elección de nomes para as personaxes, xa que a min me resultaron estraños e graciosos.

Ámote Leo A.

Comentario de Antía Buján Dobarro

Quedei engaiolada con Ámote Leo A. dende que comecei a ler o primeiro capitulo. No momento en que a autora deu a coñecer a idea de que Leo viaxaría ao redor do mundo visitando os lugares máis inhóspitos, descubrindo culturas, persoas e aprendendo como vivir co mínimo posible, sabía que me ía namorar.

A iniciativa de Leo a pesar de ser arriscada, e con moitos perigos, gustoume. Sentín cada lugar que viaxaba e cada sentimento que a protagonista viviu.
Cando Leo saíu do seu fogar e comezou a viaxar resultoume monótono pero ao coñecer ao grupo Ruth e Cía sabía que Leo comezaba unha aventura que me espertaría moitas dúbidas. Ao longo da historia, cando decide marchar para Marrakech pregunteime por que a autora escolleu un país coma ese onde hoxe en día hai tantos problemas e tantas dificultades, xa sexa cos gobernos ou coa poboación. Tamén, entre outras moitas cousas que me agradaron da autora é que mostra que temos que seguir os nosos soños aínda que sexan erróneos, pódennos valer de experiencia ou para non repetir os erros pero sempre servirán para descubrirnos a nós mesmos. Desta forma Leo ao ir soa descóbrese a si mesma e a desenvolverse soa pola vida.
Rosa Aneiros ao longo da historia fíxome pensar moito en como somos as persoas dependendo das situacións. Por exemplo, se estamos sós queremos compañía e se estamos en compañía queremos estar sós.
Para rematar, o libro mantén a intriga da frase “Ámote Leo A” en cada momento e no meu caso pensei que ao rematalo desvelaríame quen se esconde detrás desta, pero non.
Gustoume moito e espero con moitas ganas ler o seguinte.

Ámote Leo A.

Comentario de Sonia Troitiño Loureiro

Ámote Leo A, un libro que se quedou con un chisquiño do meu corazón.
Amote Leo A. é un libro un tanto especial. Conta a historia dunha rapaza que soubo tomar as súas propias decisións a pesar das circunstancias e das opinións que o resto podían ter por un só motivo: un soño. Atópase soa durante 6 meses en lugares moi afastados da súa casa pero a ansia de coñecer mundo e máis forte ca todos os problemas que iso poida supoñer. Loita contra todos os impedimentos que se lle cruzan no camiño e a pesar de en ocasións querer botarse atrás e optar polo fácil, consegue superalos e gozar da verdadeira maxia dunha viaxe.
Este foi un libro que me engaiolou por completo e me envolveu de tal maneira que cheguei a sentir en ocasións o mesmo ca os personaxes e  a pesar de que  ao comezar a súa lectura, a verdade, non me pareceu que fose a clase de libro que esperaba, axiña me decatei de que me enganaba. Pareceume un libro moi interesante xa que ademais de contar unha historia fixome aprender un pouquiño máis de cada unha das cidades polas que a protagonista viaxa, moitas das cales eran case descoñecidas para min. En ningún momento da miña lectura sabía o que podía acontecer no capítulo seguinte e iso foi algo que me fixo interesarme cada vez máis por cal sería a seguinte aventura de Leonor.
Foi un libro que me fixo reflexionar sobre moitas cousas e co cal me identifico bastante. As mensaxes dedicadas a Leo que aparecen ao longo da lectura teño que admitir que me desconcertaron bastante xa que aínda non lle atopei o sentido completo  pero iso non é algo que me entristece, ao contrario, foi algo que conseguiu que non perdese en ningún momento o fío da historia, unha historia entretida e interesante que me fixo sacar mais dun sorriso.
Xa para rematar, recomendo este libro a todos aqueles e aquelas que lles encanten as aventuras. Espero ansiosa a segunda parte da triloxía  que sei que me encantará tanto ou máis ca a primeira. A pesar de que non acostumo ler demasiado, este será un deses libros que recordarei durante moito tempo.

Ámote Leo A.

Comentario de Denise Varela

Ámote Leo A. de Rosa Aneiros, narra a peculiar viaxe ás cidades máis extrovertidas  do mundo que realiza Leo, unha rapaza que non lle teme a nada. Leo leva querendo facer esa viaxe ó rematar os estudos dende hai tempo, pero no último momento os seus compañeiros déixana plantada. Polo que Leo, sen medo ningún, decide facela ela soa valéndose por si mesma. Sen rumbo ningún, querendo descubrir novas cousas, vai coñendo amizades, anécdotas, amores dunha noite, pelexas, alegrías, revoltas… e atopa a Ruth e cía, unha banda coa que Leo encaixa perfectamente e realiza parte do traxecto con eles.
Este primeiro volume da triloxía a min encantoume. Ó comezo da lectura resultábame algo difícil de ler, debido a que ás veces falaba noutro tempo, cando ela recordaba, pero logo resultoume moi fácil de ler. En todo momento compréndese a lectura moi ben, o que che resulta máis fácil para non perderte. Gustoume moito esa maneira coa que detalle a detalle vainos narrando cada unha das cidades que Leo visita. Esa precisión coa que a escritora nos describe eses remotos e estraños lugares e, de certa maneira, achéganos a coñecer dende outro punto de vista esas cidades, ou polo menos no meu caso.
Quedei bastante intrigada coa parte final e a frase que Leo vai atopando a medida que visita novos sitios, pero supoño que a todos nos ocorrerá e isto é algo que a escritora xa espera que lle comenten, así que só me toca esperar a que saia a segunda parte desta triloxía e que esperarei impacientemente.
Poñendo fin ao meu comentario, recomendo a todos aqueles que lles guste a viaxe  que se animen a ler esa gran lectura de Rosa Aneiros.

Deixa un comentario!