Menu Xerais

Antonio Fraga e Xabier López, premios Xerais 2013

Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 8 de xuño, ditamináronse a XXXª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e a XXVIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros.

Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón, ao que seguiu unha merenda nos xardíns da illa. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre as que se atopaban Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia; ademais de escritores, editores, libreiros, bibliotecarios, profesores e colaboradores da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.

Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada lembrando a importancia da celebración do trinta aniversario destes premios literarios, creados por Luís Mariño, para logo dar paso a primeira intervención dos Irmandiños de Vincios, a agrupación de música tradicional convidada deste serán musical e literario.

O xurado da XXVIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron e no que concorreron trinta e nove obras, formado por Rocío Carballeda Alonso (profesora), Mar García Pérez (licenciada e filoloxía hispánica e bibliotecaria), Isabel Mociño González (doutora en filoloxía galega e docente na Universidade de Vigo), Montse Pena Presas (licenciada en filoloxía galega, profesora da Universidade de Santiago e crítica literaria), Antonio Seijas Cruz (ilustrador e deseñador) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas «O corazón da maxia»«O fío vermello»«Sochantre de Pontivy» e «Thomas Lang». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Sochantre de Pontivy», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Antonio Manuel Fraga Allegue e corresponde ao título O castañeiro de abril.

O xurado da XXX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorreron no que concorren corenta e unha obras, formado por Cristina Domínguez Baños (xornalista), Elisa Iglesias Gil (licenciada en tradución e interpretación), Ramón Rozas (xornalista), Iago Martínez (xornalista), Raquel Feijoo Casas (xornalista) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas «Amor en alpargatas»«Bela Czarda» e «Cadeas». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Cadeas» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Xabier López López e corresponde ao título Cadeas.

 

Hai 2 comentarios. Engade o teu.

Deixa un comentario!