Menu Xerais

Antonio Manuel Fraga: «Creo que lle collín gusto a escribir». Entrevista de Bea Abelairas co gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2013

La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Bea Abelairas a Antonio Manuel Fraga sobre o libro O Castañeiro de abril, Premio Merlín de Literatura Infantil 2013.

 

 

«Os meus primeiros libros sairon da biblioteca de Pontedeume»

O gañador do Premio Merlín presentou a obra na súa vila natal

 Antonio Fraga (Pontedeume, 1976) presentou onte a súa segunda novela infantil en Pontedeume, a súa vila natal e tamén una das súas musas. Fraga elixiu a Casa da Cultura para a primeira presentación de O castiñeiro de abril, que lle valeu o premio Merlín de Xerais, pero tamén da súa forte vinculación coa Biblioteca Municipal eumesa: «Os meus primeiros libros saíron desta biblioteca», di.

—¿Que conta a obra que gañou o premio da editorial Xerais?

—En principio parece unha historia moi triste, porque é dun rapaz que fica orfo de nai e que ten o pai lonxe, inda por riba cóidano unhas tías que o maltratan. Todo lle vai mal ata que entra na súa vida un personaxe máxico, o castañeiro, o rapaz duda da realidade porque o ve en pleno mes de abril.

—¿Aparece Pontedeume na obra?

—Neste caso non, pero na miña primeira obra estaba, serviume de inspiración para crear unha vila mariñeira moi parecida a esta na que me criei. Eu nacín na parroquia de Nogueirosa, despois vivín en Pontedeume e sigo indo moito inda que agora vivo na Coruña.

—Entón Pontedeume inspirao…

—Moito máis, as miñas primeiras lecturas de neno, os meus primeiros libros sairon da biblioteca de Pontedeume. E participei no certame de relatos para que teñen, gañei o segundo premio e creo que lle collín gustiño a escribir inda que eu son inxeniro industrial.

—¿Que significou o premio?

—Pois a confirmación de que podo seguir escribindo de xeito máis ou menos profesional, xa que o primeiro libro naceu casi por casualidade: meu irmán tivo un cativo e ocurriuseme regalarlle un conto, que finalmente se publicou e ao que lle seguiu o meu segundo libro que xa gañou o Merlin.

—¿Como ve a literatura infantil galega?

—Hai variedade e calidade, pero ainda temos que facer unha labor para agochar certas barreiras que fan que se siga a facer menosprezo deste xénero.

Bea Abelairas

Deixa un comentario!