Menu Xerais

As riscaduras na pel: «Raíz da fenda», de Berta Dávila. Crítica de Dores Tembrás

Dores Tembrás publicou no seu blog o texto da súa presentación do poemario Raíz da fenda, de Berta Dávila, na feira do Libro da Coruña.

 

 

«Raíz da fenda», de Berta Dávila

Cinco fisuras, cento tres poemas que enfían raíces, que constitúen o itinerario da fenda, o eu poético sobrevive e está de volta para escriturar o que foi. Amosa con inocencia temeraria as riscaduras na pel, pequenas cicatrices cándidas que ofrenda ao lector. E así sabemos que o fogar é espazo que testemuña a perda, logo virá o amor e a palabra.

Quero respetar este itinerario, o mapa que a poeta traza con cálculo exacto para nós. Ela que apalpa na noite latitude e lonxitude para cada poema.

 

Sigo polo máis fondo:

Coma na terra as puntas das raíces

X. Torres (Estacións ao mar)

No comezo a poeta lévanos da man polo fogar, e ensinanos a abaixarnos, a escoitar, a sortear as porcelanas antes de que o seu tintileo nos hipnotice. A casa que é orixe, raíz, onde as presenzas non se manifestan porque viven tatuadas no ar. A poeta escolle o poema coma vinganza, sílaba a sílaba proba a tinta da estilográfica esgallada, e xa non sabemos se era iso ou as amoras o que lle tinguían os dedos.

Observadora que axexa nas pegadas propias e alleas, descobre o futuro nas manchas de humidade, nos muros do santuario.

O regreso era isto, membrana de esquezo, almiscre ou sustancia opaca para anotar uns poucos versos, perseguindo o froito. E chegamos ao oco, á perda, ao preludio doente que anuncia a falta. E todo é en plano de detalle, os ollos, o nariz, as mans. Porque quen observa non quere amosarnos aínda os precipios, quere que nos abismemos así, de súpeto, no último verso de calquera dos poemas, quere que sexamos equilibristas, que arrisquemos onda a súa voz, quere que enmudezamos para recibir a ferida.

E non haberá amparo no anuncio das mandarinas, nin na rebeca tecida a man. É o amor polos obxectos o que me fai escorregar coma polo tobo de Alice. A poeta lévame ás crebas e sospeito carencias antes do loito. O loito. Case sinto no padal o sabor da la das ovellas, da terra que a enterra.

A rapa da culpa é perfecto cobertor, severo adubío para certificar que:

 

amamos as palabras importantes

soamente

o necesario

E xusto agora facemos alto no itenerario. Dous camiños, simetrías, para falar de ti, de min. Coma dous estremos da mesma madeixa. Pouco importa a perfección na caligrafía, se tódolos trazos rematan nun nome propio, se a vertixe comeza na punta de grafito antes de. Nin submisión, nin renuncia, os poemas desta fenda están feitos para resgardar  do vento. Son amparo no encontro do desexo.

Pero eras ti a que lle saías ao paso, e marcabas o compás de cada verso a golpe de veleno ou antídoto. Ir dar ás derrotas era só cuestión de tempo. Chegar para demorarnos cando a poeta di:

Así soubemos que

-xa para sempreeu

habería de amar

o difícil,

e tamén que só restan as derrotas

para os débiles

e os analfabetos.

Severidade, disciplina da palabra que mide a cantidade exacta, escrita desafectada pero emocionante. Porque as traizóns han de contarse de unha en unha, así se borda o encaixe da derrota, demorando o verso para que a poeta diga:

 

Acubillei

cabo de min

o golpe,

coideino moito tempo

para que non se esvaese

a dor,

para que algo me acompañase

cando ti non estiveses.

E chegamos así á fenda última onde a poeta comparte o verbo, é este labirinto onde se permite atravesar poemas. Inventario de nomes inhaprensíbeis, transparentes, pero con arestas.

Teremos que ser búxolas para non extraviarnos no fume, no lume que arde nestas páxinas finais. O contrasinal para regresarnos ao punto de partida será pronunciar calquera verso tres veces. Eran os zapatos de Dorothy inservíbeis, nin rastro do fogar primeiro, agora, e como diría Alejandra:

 cuando a la casa del lenguaje se le vuela el tejado

y las palabras no guarecen

yo hablo

É ela quen fala, Berta Dávila, a súa voz , e nós testemuñas da escrita queimada, en silencio.

Dores Tembrás

Deixa un comentario!