Menu Xerais

Ás visitas á vida digredida: “As vidas de Nito” de Xabier Paz. Crítica de X. M. Eyré

Xosé M. Eyré publicou en Galicia Confidencial unha recensión crítica sobre As vidas de Nito, de Xabier Paz.

Unha obra de reflexións sobre moi diversos aspectos e ópticas, desde a filosofía á bioloxía, a poesía, relixión, metapoética, historia ou os xogos tradicionais. Crítica de X.M. Eyré.

Non é extensa a narrativa de Xabier Paz, son poucos os títulos deste coruñés afincado en Vigo, só Renacer (Xerais 2008) se conta na narrativa de ficción, mais non é calquera título senón unha das mellores novelas históricas que teña lido nunca. E aparece agora o segundo título, esta As vidas de Nito, novela que cómpre ler en varias dimensións, por riba e por baixo da anécdota narrativa que as sustenta, ou  ao revés sendo a anécdota o obxecto sustentado pola suxeito polas digresións explícitas no texto ou implícitas. É dicir, esta de de Xabier Paz é narrativa do seu tempo, vista con ollos diacrónicos, pois se observan varias das características da narrativa contemporánea. O autor esfórzase por construír a vida dunha personaxe, unha biografía, porén o resultado é unha reconstrución xa que a exposición o discurso desa vida se ve continuamente interrompido ou complementado por reflexións relativas a cada unha das paisaxes vitais evocadas ou ao propio concepto da vida. De xeito que a narrativa tradicional, a narrativa moderna, baseada na anécdota narrada, fica destruída; de xeito que a personaxe, basilar no concepto tradicional da narrativa, tamén fica destruída. Porén hai novela, porén hai personaxe, mais nunha nova dimensión, nunha nova forma, cun novo sentido no cal o lector é protagonista e non espectador,  e sendo o autor o seu primeiro lector de maneira moi marcada.
Casiano, pois súa é a vida relatada, é un ser peculiar, mais sendo un ser peculiar é tamén persoa que identifica un tempo, todos somos persoas dun tempo e el tocáronlle aqueles anos onde o raquitismo máis tinxían o almanaque da vida. Por iso el non é quen di o seu pasaporte, el non é quen din os documentos que testifican a súa vida. A súa vida ou as súas vidas. A Casiano dálle por visitalo a súa neta, Aldara, coa que tivera moi pouca relación, sáibase que xa tivera moi pouca co seu propio fillo. E estas visitas constitúen da neta son o catalizador das continuas visitas que o propio Casiano realizará á súa propia vida, tratando de lembrala, tratando de reconstruíla, tratando de explicala para si e para a neta. Tratando de explicala para si e para a neta desde unha visión periférica, este afastamento á periferia da vellez permítelle ler a súa vida dun xeito moi similar ao do lector que lea unha novela. Le a súa vida e desintégraa para explicala e desa maneira acada a totalidade. Se pensamos que ben puidera ser ilustración práctica de O desintegrista de Xurxo Borrazás ( Xerais, 1999), moi desencamiñados non imos, pois a finalidade de explicar/reflexionar a vida, como biografía humana e como discurso, é a mesma.
Despréndese disto algo fundamental para entender ben este tipo de narrativa, e é a consideración da digresión reflexiva como materia narrativa. Se antes se narración e digresión ou reflexión se opoñían mesmo como termos antitéticos, hoxe é tempo xa en que a digresión reflexiva forma parte da propia materia narrativa. Hoxe é tempo xa, porén igual non está demais lembrar como n´ As viaxes de Gulliver (1726) Jonathan Swift xa avisaba de que anécdota en si, as diferentes aventuras, fican coxas se non se entenden como as áncoras desde as cales se deben proxectar reflexións acaídas a cada unha e á vida en si. Resulta acaído lembralo porque As vidas de Nito si inclúen esas reflexións, mais non de xeito maximalista, non de xeito concluínte ou sentencioso senón como propostas desde as cales o lector as acompaña coas súas propias achegas. Deste xeito, a novela enténdese como unha confidencia, de feito é un ton moi presente no relato desde o momento en que esa confidencia ten como primeiro destinatario a neta, como primeiro dunha cadea na que se inclúe o propio autor e, naturalmente, o lector.
As vidas de Nito son, pois, o luar onde concorren reflexións a cerca de moi diversos aspectos e ópticas, desde a filosofía á bioloxía, a poesía, relixión, metapoética, historia ou os xogos tradicionais. E, por moito que a de Casiano sexa unha vida peculiar xa desde o seu nacemento (seca unha fonte), a peregrinación que é a súa vida de ser diferente ( de lento medrar) que non encaixa nos cánones sociais e onde atopamos intres que van desde o humor á reivindicación do compromiso social, de pouco serviría a súa anécdota vital se non dá lugar a consideracións sobre a escola, sobre o mundo natural, sobe a mitoloxía, sobre o fútbol, sobre a poesía existencial, sobre a narrativa da experiencia…a peregrinación que é a súa vida, co seu letargo corporal, coa súa claustrofobia, coas súas casualidades, teñen un valor moito menos por si soas que integradas nun proceso reflexivo.
Nesa integración, nese proceso reflexivo, resulta fundamental a figura do narrador, un narrador en primeira persoa, como é de agardar, mais que sabe dar paso á reflexión e mesmo narracións máis propias da terceira persoa, nunha sorte de metamorfose narratatorial operada desde unha transición entre ambos tan natural que só se percibe se está ben atento.
Son moitos e moi diversos os xuízos e consideración que habitan a novela. Permítaseme, para rematar esta crónica libresca, botar man dun deles que acae moi ben como ilustración da finalidade da novela: “Escribimos para ver o oculto. O que non se pode ver pode lerse” (96).
X. M. Eyré

Deixa un comentario!