Menu Xerais

Astérix volverá falar galego da man de Xerais. Información no blog Qadriños de Praza Pública

Praza Pública publica unha información titulada «Astérix volverá falar galego da man de Xerais» que remite ao blog Qadriños, da man de Eduardo Maroño.

 

 

Astérix volverá falar galego da man de Xerais

Eduardo Maroño repasa en Qadriños, o blog de Praza Pública sobre banda deseñada, o regreso de Astérix á lingua galega

Unha boa nova para os afeccionados galegos á banda deseñada. Hai uns días Xerais daba a coñecer o seu plan editorial para os meses de setembro e outubro e nel anunciaba a próxima publicación en galego do novo álbum de Astérix, que levará por título Astérix e os pictos. A nova aventura dos irredutibles galos chegará ás librarías de Galicia o vindeiro 24 de outubro, a data sinalada internacionalmente para a saída do álbum, tanto na súa versión orixinal en francés coma traducido a máis de vinte idiomas. A versión en galego correrá a cargo de Xavier Senín e Isabel Soto, que tamén se ocuparon da tradución para o castelán que editará Salvat-Bruño.

A aposta de Xerais por Astérix chega nun punto de inflexión na historia da cabeceira, xa que Astérix e os pictos será a primeira aventura dos personaxes na que non participa ningún dos seus creadores. Lembremos que tras a morte do escritor René Goscinny en 1977, o debuxante Albert Uderzo asumiu en solitario a elaboración das aventuras dos galos ata que o pasado 2011 anunciou a súa retirada. O propio Uderzo foi quen seleccionou os que serán os continuadores da serie, o guionista Jean-Yves Ferri e o debuxante Didier Conrad. Sen ser primeiras figuras, ambos son autores veteranos e con carreiras consolidadas. Ferri é coñecido sobre todo polas súas colaboracións co debuxante Manu Larcenet en series como Le retour à la terre ou Le sens de la vis; pola súa banda, Conrad debe a súa sona a dúas series desenvolvidas co guionista Yann, Les innommables e Tigresse blanche. A continuación das aventuras de Astérix por autores novos ten sido acollida con esperanza por un sector importante dos seus seguidores, moi descontentos co traballo de Uderzo nos últimos anos. Axiña poderemos comprobar se o labor de Ferri e Conrad responde ás expectativas creadas.

Deixa un comentario!