Menu Xerais

Carta dunha libreira a Pedro Feijoo por «A memoria da choiva»

A libreira de Cronopios fíxolle chegar este escrito a Pedro Feijoo sobre a súa novela A memoria da choiva.

 

Meu admirado Pedro, seguro que onte a túa presentación foi un éxito. Quería contarche que nesta pasada noite asaltoume un insomnio repentino e testudo, así que collín un dos libros dos moitos que conviven na miña mesiña, -imaxínate a mesa dunha lectora irredenta convertida en libreira- e resultou ser A memoria da choiva. Fuxín a outro cuarto por aquilo de non espertar o santo que dorme ao meu carón, e comecei a ler… En fin, que che podo dicir… que bo, que orixinal, que diálogos máis hilarantes, por deus! Si, hai moito sangue, pero nas conversacións entre Aquiles e o Casaperda case non podía deixar de rir a cachón… as catro da mañá! É todo tan natural, tan crible, nada impostado nin cargante, co difícil que iso é, e dígocho eu que, como non nos está oíndo ninguén, che podo dicir que me teño por lectora esixente… Por suposto, Morfeo chegou cando eu andaba pola páxina cen, pero esta mañá mentres tomaba un café nunha rúa de Santiago seguín a ler e cheguei ao momento no que aparece o fillo morto de Rosalía, e viñéronme á mente aqueles fermosos versos, “era apacible el día, y llovía y llovía, callada y mansamente” e as miñas emocións tórnanse a un lugar un tanto gris e pecho o libro pensando nas diferentes emocións que me chegan e non podo esperar a rematar a lectura para dicirche algo tan banal e inútil para ti pero tan certo para min: A miña máis rendida admiración (léase isto con reverencia incluída).

Merce

Libreira. Librería Cronopios de Pontevedra e Santiago

Deixa un comentario!