Menu Xerais

Debullando as vidas dunha existencia: “As vidas de Nito” de Xabier Paz. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Nove noites unha recensión crítica sobre As vidas de Nito de Xabier Paz .

 

Novela moi rica, escrita cunha lingua envolvente, evocativa, por veces case que luxuriosa.

“As súas vidas, como el lles chamaba, tíñanlle certa semellanza co contido das caixas de zapatos, esa atrapallada miscelánea e confusa morea de papeis na que era tan difícil atopar algo, un fío condutor” (páxina 250). E así, ao chou, sen fío condutor, é como o avó lle conta as súas vidas a súa neta. Son Casiano e Aldara, os dous grandes protagonistas desta novela coa que Xabier Paz regresa aos mundos ficcionais, despois do seu debut, hai agora cinco anos, con aquel fresco renacentista, o acareo e a confrontación co renacentista italiano, Pietro Aretino, no xurdimento dun mundo novo. Mais agora, tanto o espazo novelesco como a trama nada teñen que ver coa efervescencia daquel mundo cambiante, senón cun retrato confesional no que un avó, Casiano, lle conta a súa neta as súas vidas, as vidas que imos acumulando ao longo de nosa existencia. Vidas poliédricas que lle permiten ao narrador achegarnos unha reflexión moi completa sobre a natureza humana a través da experiencia dun home que tivo un lento medrar.

Agora, nunha senectude prolongada en precario nunha residencia, confésalle a súa neta que tivo moitas vidas. O estímulo das visitas que a neta lle fai, empúrrao a contarlle a súa experiencia vital -as súas vidas-, sen convertela nun conto trivial. Debulla así este home as lembranzas dunha existencia condicionada por un medrar vagaroso, que o puña en desvantaxe fronte aos rapaces da súa idade. É a primeira vida de Nito /Casiano na que todo foron desasosegos e desventuras. Entran nela, por exemplo, os libros, nesa lingua que garda misteriosamente dentro de si varios idiomas, a literatura que é capaz de ir desvelándoos. E coa literatura empeza a soñar esperto, a viaxar da man dos autores.

Vidas que se compoñen de miles de detalles. Uns transcendentes como a descuberta do amor, do sexo, os misterios do corpo, o activismo político, o sentido da morte, a desfeita (unha transnominación do fracaso paternal), o desencanto da Transición, o sentido do paso dos anos, da ancianidade e da morte. Outras, porén, intranscendentes, como a preparación do bacallau e moitos outros saberes extraescolares que aprende da súa nai.

O resultado desta amalgama de aconteceres vitais é unha novela de aprendizaxe ou formación, na que saen á luz unha chea de experiencias, acompañadas de xuízos do protagonista sobre as mesmas e os seus coñecementos nunha manchea de saberes tanto científicos como humanistas. Esta continua rememoración achéganos ademais un retrato xeracional dos rapaces educados no tardofranquismo e nos primeiros anos da democracia.

Novela, pois logo, poliédrica, que reflicte as diversas personalidades que van configurando a unha persoa ao longo da vida. Salientable asemade o perspectivismo que nutre o relato que nos permite atoparnos con distintas personalidades en función de quen teña o temón do relato.

Xa que logo, novela moi rica, ateigada de elementos de diversa filiación; escrita cunha lingua envolvente, evocativa, por veces case que luxuriosa. Se algo pexa a novela é o seu ritmo lento porque o relato está lastrado polas abundantes e reiteradas digresións sobre o divino e o humano, unhas eruditas, outras, sinxelas curiosidades que semellan postas no libro para encher páxinas. Aínda que admito que esta é a natureza deste libro rememorativo. Son esas cavilacións coas que o autor semella querer reflectir o fluxo da conciencia do ancián Casiano. Todas as súas vidas dirían o mesmo: que todo canto temos é pasado. Un pasado que nos constrúe a cada pouco e nos converte en moitas outras cousas ao longo da existencia, como se cambiásemos de pel.

Francisco Martínez Bouzas

Deixa un comentario!