Menu Xerais

«Dragal», o dragón de Elena Gallego que se converte nun proxecto multimedia

Diversos medios de comunicación, como La Voz de Galicia ou 20Minutos, informan hoxe sobre a adpatación da triloxía Dragal de Elena Gallego Abad, ao cine, cómic e videoxogos. Reproducimos a información de Xornal 21.

 

A triloxía Dragal mudará en proxecto multimedia

Adaptación ao cine, videoxogos e banda deseñada serán as primeiras accións do proxecto sobre o dragón galego

Ficción Producciones aposta pola fantasía galega e asume o reto do dragón. A escritora mostrouse encantada de que a súa obra captara a atención dunha produtora audiovisual galega coa capacidade de explotar todo o potencial que ofrece a triloxía.

Como di a autora nos seus libros, o dragón é símbolo de cambio, de renovación e este é o camiño que toma Dragal. A triloxía está experimentando unha metamorfose grazas á man de Ficción Producciones, que se fixo cos dereitos dos libros e planea metela de cheo no mundo crossmedia. O proxecto inclúe a adaptación ao cine da triloxía, o desenvolvemento de videoxogos para varias plataformas, cómics e a creación dunha comunidade de fans a través das redes sociais, a “Fraternidade do Dragón”. Na presentación marcáronse as primeiras datas para a publicación das novelas gráficas de Dragal, que estarán nas librarías antes da fin de 2013.

Con Dragal atopámonos ante un auténtico reto para o equipo de Ficción Producciones. Debuxantes, animadores, artistas gráficos, produtores e editores están traballando en bocetos baseados nos escenarios descritos na triloxía, modelados 3D, a adaptación do texto para o guión dos filmes e outros materias que neste momento estanse a desenvolver. Dragal únese a outros proxectos con vocación internacional da produtora galega, como o proxecto transmedia Tutu e a largometraxe Schimbare, que serán presentados os próximos días en varios festivais audiovisuais na Arxentina e Alemaña. Elena Gallego Abad deu xa o primeiro paso para exportar as novelas fóra das fronteiras da nosa comunidade coa súa tradución ao castelán.

Julio Casal, director xeral de Ficción Producciones asegurou que “Dragal é un proxecto cun gran potencial e un longo percorrido, que pon en valor o patrimonio cultural de Galicia. Os mozos empatizan con Hadrián porque sofre unha metamorfose, un cambio que perciben próximo porque é similar ao que se produce durante a adolescencia (…) En Ficción estamos encantados con Dragal porque é da clase de retos que nos levaron a fundar a empresa fai 10 anos”. Ademáis  “contamos coa tecnoloxía de vangarda e o equipo humano necesario para a integración de efectos visuais e captura de movemento. Queremos que a maxia trascenda á pantalla nun proxecto da magnitude de Dragal. O resultado será espectacular, e para ir abrindo boca xa podemos ver as primeiras imaxes do medallón de Dragal en 3D”.

A data da cita, como todo en Dragal, ten un significado máxico. A presentación coincide co equinoccio de primavera, que ten un gran peso para a saga tanto na ficción como na realidade. Fai catro anos, o primeiro libro foi inscrito no rexistro da propiedade intelectual, segundo a escritora “é a data de nacemento de Dragal”. As coincidencias non acaban ahí, tamén a data de formación de Ficción Producciones foi un 20 de marzo, pero de hai 10 anos. Semella que a maxia do dragón xa sobrevoa o proxecto.

Elena Gallego Abad decidiu escribir o seu primeiro libro para animar a ler ao seu fillo, un adolescente ao que lle encantan os dragóns. Co éxito de ventas da primeira novela, Dragal I: A herdanza do dragón (Premio Frei Martín Sarmiento 2012), chegaron as primeiras comparacións coa escritora J.K. Rowling, creadora de Harry Potter. Cando se apuntan estas semellanzas, de forma cada vez máis recurrente, ela contesta que “(Rowling) tivo que inventar Hogwarts, para Dragal só necesitei Galicia. Escribín Dragal pensando nos mozos aos que non lles gusta ler, aínda que está dirixido a todo tipo de públicos”. A segunda entrega, Dragal II: A metamorfose do dragón, e o terceiro libro, Dragal III: A fraternidade do dragón, confirmaron que nos atopamos ante unha saga que fai furor entre os mozos, e non tan mozos.

As novelas sumérxense na historia de Hadrián, un adolescente que acaba de mudarse a Galicia despois dunha traxedia familiar. A través dun estrano medallón, herdanza do seu defunto pai, descobre a existencia de Dragal, un animal mitolóxico que anidou fai séculos na zona. Coa axuda dunha compañeira de clase, Mónica, as súas indagacións levarano a investigar a historia da igrexa de San Pedro, un templo que esconde a verdade sobre o dragón, o Camiño de Santiago e o Códice Calixtino.

Pero os libros son moito máis que simple ficción. Para escribir as aventuras de Hadrián a autora realizou un encomiable traballo de investigación sobre a historia galega, os seus mitos e lendas. É moi posible que isto influíra no éxito colleitado entre a comunidade de docentes de secundaria, que introduciron as novelas no programa lectivo de varios institutos. Entre outros elementos é interesante como enlaza a existencia do mítico reptil coa tradición da nosa rexión, recollida no Códice Calixtino. O incunable, que foi noticia pola súa recente sustración, recolle entre os seus pasaxes a existencia de, polo menos, un dragón en Galicia, estirpe da que descende Dragal.

Deixa un comentario!