Menu Xerais

Dragóns (con Elena Gallego Abad) e piratas (con Xosé Mª Lema). Anotación en Brétemas

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre o salto da triloxía Dragal de Elena Gallego Abad, aos soportes multimedia e da presentación da novela Costa do Solpor, de Xosé Mª Lema, en Compostela.

Dragóns e piratas

Foi a de onte unha xornada de presentacións en Compostela. Pola mañá acompañamos a Elena Gallego no acto no que se anunciou o salto da triloxía Dragal aos soportes multimedia. No serán fixémolo con Xosé María Lema que, acompañado por Xesús Ferro Ruibal, presentou en Couceiro Costa do Solpor. Día, pois, de dragóns e piratas, mundos ficcionais diferentes, mais ambos os dous enfiados pola tradición galega e polo seu carácter universal.

O salto da triloxía de Elena Gallego ao audiovisual (adaptación cinematográfica, web, videoxogos, cómic e creación dunha comunidade virtual…) amosa que as boas historias para o audiovisual galego tamén están na nosa inagotable fonte literaria. Julio Casal, o produtor de Ficción Producciones, entendeu a potencialidade do mundo ficcional creado por Elena Gallego para desenvolver un ambicioso proxecto transmedia coas marcas da literatura fantástica e do noso patrimonio de dragóns, serpes, cocas e tarascas. Unha iniciativa moi innovadora destinada ao público mozo na que temos grandes esperanzas.

Na sesión de tarde, Xesús Ferro Ruibal encadrou Costa do Solpor “como unha desas grandes obras que están no mínimo común múltiplo da comunidade galega”. “Unha novela de autoría inesperada, repentina, dun autor de quen coñeciamos os seus traballos lexicográficos, etnográficos ou artísticos, mais de que non sabiamos a súa actividade como narrador”, mais tamén que contén unha segunda sorpresa “a do seu tamaño, as súas 664 páxinas, quizais debido a que en tempos de fame gustan as novelas longas”, comezou salientado Ferro Ruibal.  Despois, sinalou como terceira marca da novela “ser debedora doutra, A illa do tesouro de Stevenson”. “Isto pasoulle a outras obras clásicas, como a Eneida de Virxilio, que é unha prolongación dalgún episodio que a Homero lle quedara por contar na Ilíada. Neses episodios condénsase a filosofía da sociedade clásica, como a novela de Lema quere ser unha filosofía da sociedade galega do século XVIII”. A verosimilitude do relato foi outra das características gabadas polo presentador, que definiu a obra como “unha novela de cociña lenta”, ademais do seu “carácter non maniqueo, xa que aquí a bondade e maldade están ben repartidas”. Atención especial mereceu para o académico a lingua “especialmente coidada”. “Toda a novela está cociñada con galego vivo, diferenciando entre a lingua do narrador e a lingua dos personaxes”. Puxo exemplos moi significativos sobre a fraseoloxía utilizada por Lema, considerando que “nesa pulcritude fraseolóxica está o nivel C2 de calquera lingua”. Para rematar, Ferro Ruibal atreveuse a facer dúas predicións. Primeira: “esta novela será traducida ao inglés pola necesidade da cultura inglesa de coñecer como rematou a Illa do tesouro“. Segunda: “A Costa da Morte terá unha rota turística que será denominada “Costa do Solpor” que percorrerá os espazos da novela de Lema”.

Manuel Bragado

Deixa un comentario!