Menu Xerais

Francisco Fernández Naval: «A min interesábanme os soldados da División Azul, non os oficiais. A socioloxía está na tropa». Entrevista de Lourdes Varela

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo publicou unha entrevista de Lourdes Varela a Francisco Fernández Naval sobre A noite branca.

 

 

 

«O escritor non debe renunciar a ningunha fonte histórica»

En A noite branca (Xerais), o escritor ourensán, residente na Coruña, Francisco X. Fernández Naval, debulla un conxunto de historias entretecidas, protagonizadas por galegos e galegas que tiveron que ver coa División Azul: aquela tropa, pola que pasaron arredor de 3.000 concidadáns nosos, e coa que Franco quixo axudar a Hitler nunha “conquista” da Unión Soviética que rematou en desastre para o exército alemán.

– A da División Azul, é unha temática bastante estraña, por non dicir case allea, á narrativa galega sobre a guerra e mais a postguerra civil. Por que se decidiu a escribir esta novela: por ocupar ese “oco” que estaba baleiro, por curiosidade persoal ou porque realmente tiña unha boa historia que contar?

– Nunca antes pensara en escribir sobre a División Azul, nin tampouco unha historia de guerra. Foi o destino, a xeito de caixa de marmelo, quen me puxo nas mans esa historia. Aínda que me resistín, finalmente non me quedou outra que aceptala, porque foi medrando dentro de min, a partir da fotografía de María Luísa, a nai de Alfredo, o rapaz que se alista voluntario na División. É certo que a División Azul e mais a II Guerra Mundial non son asuntos frecuentes na literatura galega. Poderiamos afirmar que non estaban tratados. Porén, foron moitos os galegos que viviron e sufriron nos campos de concentración ou nas frontes de batalla.Galegos á División Azul foron arredor duns 3000. Hai interese no lector por todo isto. Ademais da miña, está tamén a novela recente Laura no deserto, de Riveiro Coello. Por certo, o 5 de xullo estaremos xuntos, dialogando sobre as dúas novelas, na feira do libro deVigo.

– O caso é que A noite branca xa é, por crítica e vendas, unha das novelas do ano en Galicia. A que atribúe este éxito de crítica e, sobre todo, de público?

– Pois quero pensar que é porque a novela está ben escrita e que conta algo cunha tensión e unha paixón que engancha o lector.Tamén importa o tema, claro. Penso que está documentada dende o punto de vista histórico e quero crer que, sendo unha novela de guerra, non deixa de ser unha proposta de paz. Ademais, ten un certo valor moral, no sentido expresado por Coetzee, de que os libros deben facer mellores as nosas vidas. Iso quixera que fose A noite branca.

–Para resultar máis críbel, tivo Vde. que documentarse historicamente sobre a División Azul. Resultoulle doado atopar documentación “neutral” e non contaminada polos intereses ideolóxico/partidarios fosen dun bando ou doutro?

– Atopei documentación neutral, sobre todo pola axuda impagable do historiador Núñez Seixas; pero tamén atopei outra, ideoloxicamente contaminada. O escritor non debe renunciar a ningunha das fontes, incluso a partidaria. Outra cousa é que un precise fortalecer o ánimo para defenderse da linguaxe extrema,sobre todo da fascista.O esforzo maior de documentación foi a viaxe en autocaravana que fixemos Maribel Longueira e mais eu, entre os meses de marzo e abril de 2011, entre A Coruña e Novgorod, seguindo exactamente a ruta que fixeron os divisionarios galegos da primeira quenda.

–As personaxes que protagonizan a súa novela son soldados; pero na División Azul houbo galegos con cargos militares: dende Quintana Lacaci a Alfonso Armada, daquela dous oficiais con moitas ambicións. Pódese dicir que a División Azul era, en gran medida, unha tropa de fanáticos ou máis ben un reximento de xente desinformada que, realmente, non sabía onde ía e onde se metía?

– A min interesábanme os soldados, non os oficiais con mando.A socioloxía está na tropa. Gústame escribir da xente. Ademais, na caixa de marmelo, o que había eran as cartas e fotografías dun soldado, Alfredo Rodríguez, que nunca deixou de selo e que non mereceu condecoracións.

– Por que decidiu recobrar nesta novela personaxes que xa apareceran en O Bosque das antas? Quixo facer unha especie de “unidade” entre estas dúas obras?

– O contido da caixa era real e reais eran as persoas das fotografías e das cartas. María Luísa, a protagonista de A noite branca, era a miña tía avoa, irmá de Claudio Naval,meu avó, protagonista do Bosque das antas. Alfredo, o voluntario divisionario, era o seu afillado. Podía ter cambiado todo, prescindindo desas relacións, pero pensei que,traballando este material dun determinado xeito, podía afirmar e enriquecer un territorio literario, o do do Bosque das antas. María Luísa era o nexo e ela permitíame, ademais, cambiar o punto de vista con respecto ao Bosque. Penso que, para un escritor, poder traballar máis dunha vez un territorio e uns personaxes, é unha enorme riqueza á cal non debe renunciar.

– Un dos seus primeiros éxitos literarios foi o Premio Cidade de Ourense de Poesía e, de feito, Vde. alterna a lírica coa narrativa. De que maneria xorde a súa creación poética? Escribir poesía resulta para Vde. unha necesidade vital ou soamente literaria?

–A poesía é algo imprescindible na miña vida. Non sempre estou en condicións de escribila,pero procuro lela todos os días. Leo poesía polas mañás, antes de ir ao traballo, procurando crear dentro de min e ao meu arredor, un territorio de sensibilidade, non sei se de inocencia, que me axude a vivir. Escribila é outra cousa. Hai momentos nos que necesito expresar algo que bule ou ferve dentro de min e só podo facelo a través da palabra poética. Daquela de nada me vale a narración. Sei que se me quero achegar a iso que sinto, só me podo valer do verso.

– Algunha das súas novelas tamén foron traducidas a outros idiomas, entre eles o castelán. A este respecto decía hai pouco nunha entrevista o escritor vigués Pedro Feijoo, que “parece que se non te traducen ao castelán non existes”. Comparte Vostede esta opinión?

– Isto precisa moita matización. Existo por ser e por escribir na miña lingua, aquela pola que optei, coas súas cousas boas e malas, que de todo hai. Na miña opinión, o que sucede é que un escritor necesita dialogar con outros lectores e con outros escritores, tamén noutras linguas. O problema do galego é que para atopar saída a esas outras linguas, debe pagar a peaxe do castelán. Accedemos ao mundo polo castelán e iso é tremendo. Quizais sexa a isto ao que se refire Pedro Feijoo. Eu considero que un dos esforzos das administracións, tiña que ser o de crear canles estables de comunicación da cultura galega con outras do mundo, sen necesidade de peaxes.

– Permítame, por último, unha curiosidade. Aínda que reside hai moitos anos na Coruña, Vde. é ourensán. Mais aló de xeográfico, existe un fío invisíbel que une os escritores ourensáns nados no século XX que escriben en galego? É dicir, dentro da narrativa galega, dicimos ben se dicimos que existe unha narrativa ourensá ou un modo de contar ao “xeito ourensán” da que o mestre viría ser Eduardo Blanco Amor?

– É posible. Pero non é só Blanco Amor, principalmente A esmorga. Hai que lembrar Arredor de si,de Otero Pedrayo,ou O porco de pé, de Vicente Risco. Penso que todos bebemos diso e que algo dos tres autores e dos tres libros asoma en case todos nós. Coido que si que hai un fío entre esas novelas e os autores máis contemporáneos.

Lourdes Varela

Deixa un comentario!