Menu Xerais

Homenaxe a Cameselle

Manuel Bragado, director de Xerais, publica no seu blog unha crónica da presentación do libro Cameselle. Crónica fotográfica de Vigo (1975-2005) celebrada o mércores 18 de decembro no Club Faro de Vigo.

presentación do libro Cameselle. Crónica fotográfica de Vigo (1975-2005) no Club Faro de Vigo constituíu unha homenaxe moi emocionante ao fotográfo Guillermo Cameselle. Gustoume o retrato humano que do fotógrafo de Lavadores perfilou o seu compañeiro o xornalista Luis Piñero, que revelou o carácter aprensivo de Guillermo, con quen compartiu reportaxes inesquecibles. Foi moi oportuna a reclamación de Piñero para que o concello de Vigo incluíse no seu rueiro o nome de «Fotógrafo Guillermo Cameselle». Pola súa banda Ceferino de Blas, director e responsable de Faro de Vigo durante máis de dúas décadas, encadrou a Cameselle como o cabezaleiro da terceira xeración de fotógrafos de Faro de Vigo. «Cameselle foi fotógrafo e fotógrafo de Faro de Vigo, con todo o qu eiso supón de continuidade e legado. Tras a primeira xeración de fotógrafos do xornal, á que vai de 1920 ao final da guerra, formada por Gil, Ksado, Pacheco, Llanos (pai), Sarabia e Pintos; despois da segunda, comprendido entre 1940 e 1970, da que formaron parte Llanos (fillo), Tomás Siorty, Bene e Magar, Cameselle iniciou na década de 1970 a terceira». «Cameselle foi un fotoxornalista integral, o fotógrafo dos luns ao sol, o que se ocupou do proceso de reconversión industrial». Pechou a quenda de intervencións, Fernando Cameselle, o fillo máis novo de Guillermo, que fixo un retrato moi emocionante do seu pai. Pechou o acto a proxección dun centenar das fotos publicadas no libro e uns minutos da gravación da cerimonia de entrega do Premio Galicia Comunicación que recibiu Cameslle en 2005. Gran Cameslle!!!

Deixa un comentario!