Menu Xerais

Manuel Veiga: «A miña novela é a memoria dos que nos fixemos adultos na Transición»

La Voz de Galicia publicou unha entrevista a Manuel Veiga, pola súa última novela Os xornalistas utópicos.

 

Manuel Veiga: «A miña novela é a memoria dos que nos fixemos adultos na Transición»

-¿Que supón este libro no conxunto da súa obra?

-A visión do autor con respecto aos seus libros é máis subxectiva e tamén máis arriscada, pero creo que esta é a miña obra máis elaborada e a que máis satisfeito me deixou ata agora. A fin de contas, escribir non deixa de ser un oficio e como en todos os oficios, cos anos aprendes a profundizar e a facer mellor as cousas, e creo que iso se nota nesta novela. Espero que sexa un salto na miña obra, por dicilo así.

-É unha obra con moito contido autobiográfico, pero tamén é a biografía dunha época.

-A parte autobiográfica é máis verídica cando falo dos anos que pasei estudando en Madrid. Outras partes son máis imaxinarias e menos realistas. Un crítico dixo que esta novela é a memoria dunha xeración e dunha época histórica e penso que iso é certo. É como unha memoria da xeración dos que chegamos á idade adulta no momento da Transición política. Pero non se limita a ese período, porque o libro abranxe desde o final da ditadura ata os inicios da crise económica actual.

-¿Que perspectiva adoptou para esa revisión da historia recente?

-O libro é unha especie de historia dos últimos trinta anos contada desde un punto de vista moi persoal e subxectivo, pero tamén desde a perspectiva dos que vivimos a historia desde abaixo. É como unha historia da Transición que non se centra nos partidos e nas siglas, nin en personaxes como Adolfo Suárez, Santiago Carrillo ou Felipe González, senón nas vivencias da xente común. É a mirada dun espectador xove, dun estudante de a pé. A novela baséase tamén en boa parte na miña experiencia como xornalista nun medio de comunicación pequeno, que ten que enfrentarse a dificultades de mercado e outros problemas que non son os mesmos que os dos grandes medios.

-Unha característica especial da novela é a variedade de estilos e a mestura da narración con reflexións que ás veces parecen de tipo ensaístico.

-Si, hai partes que son como un diario ou un dietario e outras son como un documental de televisión. A idea é romper a monotonía e ofrecer máis variedade ao lector. E por outro lado hai moitas reflexións, ás veces tomadas doutros escritores, que aparecen case como personaxes secundarios. Pero tamén hai ideas e observacións tomadas non de escritores e intelectuais senón da xente da rúa, de veciños e coñecidos. A min interésame a mestura da chamada alta cultura e da cultura popular, porque penso que no fondo non están tan alonxadas. Nesas partes, o libro explícase un pouco a si mesmo. Ese aspecto reflexivo creo que ten moita relación coa situación actual. Estamos nun momento de moita reflexión, no que todo o mundo fala de economía e política cando vai comprar o pan, algo que hai uns anos non pasaba. O libro é tamén como un repaso dos defectos e limitacións que tivo o réxime democrático durante estas décadas e que estamos pagando agora mesmo.

-¿Volverá abordar esa época noutras obras?

-Nunca teño unha idea preconcebida de como será o meu próximo libro, non os planifico, así que aínda non o sei. Escribo sobre o que me interesa e que me inquieta e para responderme a certas preguntas, a cuestións que non acabo de entender e que procuro ir entendendo a medida que avanzo.

 

Así mesmo, F. Albo publicou unha información sobre a novela Os xornalistas utópicos e a súa presentación na Feira do Libro de Monforte.

 

Manuel Veiga presentou «Os xornalistas utópicos»

A Feira do Libro foi onte escenario da presentación de Os xornalistas utópicos, a última novela do escritor monfortino Manuel Veiga, na que participaron o propio autor, o editor Manuel Bragado e o xornalista César Lorenzo. Bragado, director de Edicións Xerais, abriu as intervencións expresando o convencemento de que o novo libro de Veiga «probablemente poida ser considerado como a súa mellor novela ata hoxe» e de que con esta obra se sitúa na liña da «ficción radical» de escritores como Enrique Vila-Matas, Roberto Bolaño ou Ricardo Piglia, «capaces de fundir a súa escrita ficcional coa súa vida».Pola súa parte, Lorenzo opinou que a novela deixa percibir «que o propio escritor madurou e cambiou no proceso da escrita» da mesma maneira que «o lector non é o mesmo logo de ler esta novela». Ao seu xuízo, Os xornalistas utópicos reflicte a vontade de «buscar a verdade» acerca da época histórica que recrea -desde a morte de Franco ata os inicios da actual crise económica-, «pero non dunha maneira retórica e ampulosa, senón chea de matices e de humor».O autor do libro explicou que segundo o seu criterio a función da novela é simplemente a de «coñecer a vida dos demais dunha maneira sintética e escollida» e «cambiar a nosa percepción da realidade, incluso desa realidade que coñecemos moi ben». A súa intención ao escribir o libro -engadiu Veiga- foi a de abordar os anos da Transición política desde o punto de vista «dun estudante que percorría as rúas con moitas ganas de descobrir cousas e un grande descoñecemento de moitas cousas». O escritor dixo ademais crer que esta obra pode ofrecer algunhas explicacións acerca «das limitacións e deturpacións que se produciron nesa época e que precisamente agora mesmo están abrollando entre nós».Por outro lado, Manuel Veiga apuntou que a actual situación social e económica pode ser moi frutífera para a literatura e o xornalismo por tratarse dun dos periodos históricos que o escritor italiano Erri de Luca denomina «momentos acelerados», nos que «a vida toma outra velocidade e a sociedade se pon en tensión». Neste sentido, o escritor monfortino comparou a etapa actual coa da Transición, sinalando que «en poucas épocas como estas se viven cousas tan interesantes desde o punto de vista do debate das ideas».

F. Albo

Deixa un comentario!