Menu Xerais

María Reimóndez: «Os feminismos son a maior fonte de innovación da humanidade». Crónica en Brétemas sobre a presentación de «Feminismos», de Olga Castro e María Reimóndez

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación do libro Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez.

 

«Feminismos»

Resultou moi interesante a primeira presentación de Feminismos, o ensaio de Olga Castro e María Reimóndez, celebrada ontre na Libraría Lila de Lilith de Compostela. A glosa do libro correu a cargo de Belén Martín Lucas, tamén a súa prologuista, que comezou salientando que era «unha aposta necesaria». «Enche un oco importante en lingua galega xa que non existía ningunha obra que falase de todos os feminismos». Sinalou a actualidade da obra cando «vivimos os retrocesos promovidos polo capitalismo ultraliberal», así como o seu «ton moi positivo» e de lectura moi amena, recollendo »estratexias de mulleres de todo o mundo para modificar o mundo e a planeta». Belén Martín insistiu na importancia dun libro que «desmonta prexuízos sobre o pensamento feminista, un movemento que defendeu temas que afectan a toda a sociedade, problemas de todas as persoas». «A través dos feminismos podemos transformar a sociedade. Non se pode saír da crise sen pensar coas lentes violetas postas», rematou.

María Reimóndez relatou a orixe do libro. «Cando queriamos facer un libro sobre tradución feminista, pensamos que antes habería que falar de feminismos. Comprobamos que había un baleiro de textos e que había que saír do occidental. Aí naceu Feminismos, coa intención de ofrecer unha obra dirixida a persoas que xa teñen coñecementos como aqueloutras que teñan prexuízos sobre os feminismos». »As teorías feministas non poden ser consideradas só dende occidente, xa non é lexítimo falar só dos feminismos occidentais, xa que as experiencias máis interesantes proveñen hoxe doutros lugares». Confesou as dificultades para acceder a textos en linguas como o xaponés. «Fixemos un grande esforzo de recollida de información e de síntese, xa que quixemos ofrecer un texto accesible». Rematou María Reimóndez salientando que «os feminismos son a maior fonte de innovación da humanidade. O feminismo sempre ten un carácter innovador».

Olga Castro explicou a estrutura dunha obra coa que «pretendimos saír da perspectiva occidental, esculcar outras fontes». «Abordamos unha viaxe multilingüe por todos os continentes para detectar as utopías que parecían inalcanzables e agora forman parte da normalidade» «Intentamos recoller unha pluralidade de achegas feministas sobre temas transversais como a maternidade, sexualidade ou ciberfeminismo, así como desvelar discriminacións e desigualdades, propoñendo estratexias de igualdade, razón polas que procuramos a contribución dos feminismos en diversas ciencias e disciplinas«. «Buscamos que o feminismo adquirise un papel máis central na educación institucionalizada. Moitos dos avances que hoxe temos se deben aos feminismos, sen que se diga», rematou Olga Castro.

Manuel Bragado

Deixa un comentario!