Menu Xerais

María Xosé Queizán: «A Igrexa quere recuperar o poder que tivo no franquismo». Entrevista de Montse Dopico

Praza Pública publicou unha entrevista de Montse DopicoMaría Xosé Queizán.

 

 

«A ideoloxía de que as mulleres estamos para parir non é unha volta a 25 anos atrás, senón a hai séculos»

María Xosé Queizán recibiu hai unhas semanas o premio Irmandade do Libro pola súa traxectoria literaria. Engadiu, así, un recoñecemento máis a un traballo que, ademais de abranguer todos os xéneros, da poesía ou a novela ao teatro ou o ensaio, é un dos alicerces fundamentais do pensamento feminista galego. Falamos con ela de toda a súa obra, aproveitando para preguntarlle sobre un tema moi de actualidade, a reforma da lei do aborto proposta por Gallardón.

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto denunciou que a reforma da lei do aborto “non só é un retroceso de máis 25 anos nos dereitos das mulleres, senón que supón volver a un tempo onde, as que podían, viaxaban ao estranxeiro para abortar ou facíano clandestinamente”. Que pensas sobre isto?

Pois as cousas mudaron bastante, e dubido que todo fose ser igual que hai 25 anos. En calquera caso, co tema do aborto prodúcense certas contradicións. As mulleres temos que reivindicar o dereito ao ensino gratuíto, o dereito á igualdade no traballo… pero ao reivindicar o dereito ao aborto gratuíto non deixamos de presentalo como algo positivo, e non o é. As mulleres non queremos abortar, o que queremos é non preñar se non o desexamos. O que ocorre é que, claro, danse situacións como as violacións, ou que quedes preñada cando non queres, e entón tes que recorrer ao aborto. De todas maneiras, as mulleres de hoxe teñen moita máis información da que tiñamos antes, polo que quedar embarazada tamén pode ser consecuencia dunha insensatez, polo que habería que incidir aí. Máis alá de todo iso, a min interromper o proceso de desenvolvemento dun ovo non me parece nada importante. As mulleres temos dereito a facer o que queiramos co noso corpo. O problema fundamental está na Igrexa, que nos di barbaridades como que un ovo é unha persoa. Acabarán asignándolle un número de DNI a un embrión. O ovo son unhas células que poden chegar a ser un ser humano ou non. E por suposto que estou moi en contra de toda esa propaganda e toda esa ideoloxía da Igrexa que considera que as mulleres están para parir. E iso non é un retroceso de 25 anos, senón de moito máis, de moito séculos.

Os cambios na lei do aborto chegan nun contexto: o da Lei da Familia, os recortes na Lei da Dependencia, o protagonismo dado á Red Madre…

Si, porque todo é parte dun proxecto. A Igrexa quere recuperar o poder que tivo no franquismo, no tempo do nacional-catolicismo. E para conseguilo aproveita o goberno do PP. A idea é manipular as mulleres, convencelas de que están para parir, e de aí a vender bebés hai un paso, tampouco hai que esquecelo. Eu non creo, por outra banda, que a familia estea en crise, como considera a Lei de Familia. Todo o contrario. Cando comezou o movemento feminista falabamos de que a familia tiña que desaparecer. Porque a familia recluía a muller no mundo privado, facendo dela traballadora e paridora gratis, e encargada de que home, que si sae ao mundo público, o faga sempre recuperado física e psicoloxicamente. Este papel tradicional da muller tiña que desaparecer, e por iso a familia é a principal inimiga das mulleres. Pero, claro, a maioría das mulleres non queren aceptalo así, porque están alienadas. Dicía Victoria Sau que “madre no hay más que ninguna” porque a maternidade ficou reducida ao biolóxico. Haberá nais cando haxa dereito a decidir. E o biolóxico conéctanos coa animalidade. Nos nove meses que estás embarazada, somos como animais, corpos nos que se desenvolven procesos que non controlamos. E de todo isto xa falaba Simone de Beauvoir… Eu tiven unha filla, e foi criándoa, e non paríndoa, como lle collín cariño.

Non parece, tampouco, que retroceda a familia como institución cando é unha das principais estruturas que está sostendo a sociedade nun momento de desemprego brutal e desmantelamento do Estado de Benestar. E se cadra iso pode axudar a explicar, mellor que a teoría do diñeiro negro dos parados, por que isto non estourou… Que opinas disto?

Eu creo que o pouco desenvolvemento da revolución proletaria en Galiza ten que ver co que xa dixo Lenin: é unha sociedade simbiótica, na que se ten unha casa cunha horta e animais ao mesmo tempo que se traballa nunha fábrica. Eu digo de broma que en Vigo temos Vigo Hills, que é máis interesante que Beverly Hills. A sociedade galega, que é aberta, tolerante, progresista e avanzada para unhas cousas, tende a ser conservadora á hora de votar. E ten que ver con iso: a xente proletaria tamén é propietaria. Os traballadores teñen propiedades, casas non precisamente pequenas. E moitos votan conservador.

Todos os teus ensaios, e en xeral todos os teus libros, -por exemplo, a túa última novela, Meu pai vaite matar,- reivindican un feminismo racionalista fronte ao patriarcado. A razón fronte á opresión. É un proxecto ilustrado, -moderno e non posmoderno-, pero focalizado sobre as mulleres, que foron esquecidas pola maioría dos autores da Ilustración…

A Ilustración foi un fracaso no sentido de que non tivo conta as mulleres. Pero foi un éxito no sentido de que houbo persoas coma Mary Wollstonecraft que partiron dos valores da Ilustración: a razón, a liberdade, a igualdade… para reivindicar os dereitos das mulleres. E así naceu o feminismo, que é pensamento ilustrado. Hoxe fálase de feminismos, en plural, e a min paréceme un erro, como me parece un erro falar de marxismos. O feminismo é un, aínda que logo teña derivacións. E debe ser racionalista.

Non hai tanto que Afonso Becerra levou a escena o teu texto Neuras. Nel falas da obxectualización do corpo das mulleres, que é un dos temas que o feminismo sempre tivo presentes. Segue a ser unha das túas principais preocupacións actuais?

O personaxe transexual de Neuras decátase, ao comezar a vivir como muller, de que as mulleres son tratadas como corpos sen cerebro. As mulleres respectamos aos homes e non se nos ocorre facer chistes sobre os seus órganos sexuais. Hai homes que din que as mulleres están para ser violadas, ou que lle chaman chochito de oro a unha ministra. E este comportamento degradante e espantoso non é considerado por algunhas persoas motivo suficiente para a dimisión dun político. Porque, no fondo, pensan o mesmo. O que ocorre é que as mulleres conseguimos que, polo menos, haxa unhas normas no espazo público. Unha cousa é a moral privada e outra a pública, pero se conseguimos que se respecten unhas normas polo menos no ámbito público, irán cambiando as mentalidades tamén no ámbito privado. Por iso é moi importante o que se diga en público. Outro problema fundamental, na miña opinión, é que as mulleres están moi influenciadas polo sentimentalismo, pola ideoloxía do romanticismo. Mesmo se di “sentir” en lugar de “pensar”. En realidade, os sentimentos son algo moi primitivo, e e maioría deles son negativos: rabia, odio, envexa… Pois en lugar de decatarnos disto idealizamos os sentimentos. Por outra banda, os sentimentos son variables, a través da historia e do mundo. E o que fai que avancemos non son os sentimentos, senón a razón. É a razón a que debe decidir que é o “normal”. No pasado fixéronse auténticas barbaridades consideradas no seu tempo normais, como levar os nenos ver as execucións públicas en primeira fila.

A crítica do sentimentalismo é, de feito, un dos principais obxectivos dos teus libros. No limiar de A orella no buraco dicías que era propio de colonizados. En Ten o seu punto a fresca rosa unha muller enferma porque era tal a súa dependencia do amor que a súa perda destrúea. Nesa novela falas do modelo do amor místico que se impuxo: a entrega absoluta, o baleirado de si, a identidade propia que se constrúe arredor del… Segue a ser tanto así?  

É certo que se construíu unha idea do amor como algo feminino, cunha imaxe da muller entregada e abnegada que lle vén moi ben aos homes maltratadores, pois dicíase que a entrega tiña que ser total malia que te tratase mal ou que estivese con outra muller, porque o amor tiña que podelo todo. Aínda que creo que agora a xente á máis sensata e non se deixa levar tanto por esas cousas. No tempo que agora se pasa de noivado, na miña xeración xa estabamos divorciadas e con fillos! Creo que, agora, en xeral, hai outro concepto.

Os conflitos do personaxe transexual de Neuras non teñen que ver cos de Juanjo de A semellanza. As túas obras foron das primeiras en falar, na nosa literatura, de sexualidades non heteronormativas. En Meu pai vaite matar aparece o lesbianismo, e non problematizado. Mudou a túa visión sobre estas cuestións ou só queres reflectir o que a propia sociedade cambiou?

Juanjo era un personaxe que tamén estaba influenciado polo sentimentalismo, coa súa parte de entrega total… De todas maneiras, o que quixen subliñar en A semellanza foi que para comportarse como home ou como muller non é necesario ter órganos sexuais masculinos ou femininos. Ter relacións sexuais con homes ou con mulleres é unha cuestión de atracción e non de se unha persoa ten uns órganos sexuais ou outros. O personaxe transexual de Neuras é outra cousa: o seu problema é como o tratan como muller. Porque esa é a cuestión, e é social e non biolóxica, física. Non é que eu mudase de opinión. Si é certo que a sociedade avanzou, pero eu penso que niso até a lei pode estar máis avanzada que as persoas. A lei española permite cambiar o nome no DNI sen necesidade de demostrar se tes un pene ou unha vaxina.

En todos os teus libros hai protagonistas femininas que se rebelan contra os roles que lles impoñen. A túa Antígona galega enfróntase co poder, Diana de Meu pai vaite matar líbrase dun home que a maltrata, igual que a moza de Ten o seu punto a fresca rosa se enfronta co seu pai pederasta. A idea é, supoño, que si se pode…

É que para iso escribo. E falo de mulleres que existiron no pasado ou de mulleres do presente, pero mulleres que si, que se rebelaron contra o que lles era imposto. É certo que os homes non adoitan facer a mulleres protagonistas das súas novelas. Ou que cando o fan o fan moitas veces seguindo un paradigma determinado de muller. Falabas antes do meu modo de tratar o tema do lesbianismo. En Meu pai vaite matar a cuestión non é que Diana e Odile sexan dúas mulleres. Non é que a parella de Diana sexa un home ou unha muller. A cuestión non é esa, senón ter unha relación igualitaria ou non. O que ocorre é que, como na literatura, en xeral, parece que as lesbianas non existen, eu fago que existan, e fágoo deliberadamente. Parece que na vida real só existen as parellas heterosexuais, e desde logo non é así.

En relación con iso, o teu proxecto poético ten moito que ver con recuperar a palabra das mulleres. A palabra que se lles negou na historia. Os homes como donos da palabra están en Fóra de min, como en Metáfora da metáfora está o falso amor a mulleres inventadas, idealizadas, mitificadas pero negadas como suxeitos.

É que así foi na historia. Os homes eran os donos da palabra. A palabra da muller era desprezada, considerada cháchara… Porque a palabra que se valoraba era a palabra pública, a das leis, a do espazo público que lles era vetado ás mulleres. Ás mulleres correspondíalles só a palabra dirixida ao marido, aos fillos, a da expresión dos sentimentos. A palabra foi masculina e temos que recuperala. Pero creo que niso o feminismo non vai por bo camiño. Creo que non é necesario dicir “nenos e nenas” cando podemos dicir “infancia”. Non fai falta dicir “boas tardes a todos e todas” cando podemos dicir “boas tardes”. Mesmo antes se dicía máis “médica” que agora. Non sei cal pode ser a solución, pero a min o a/o non me convence.

Outra cuestión que trataches moito nos teus libros foi a loita antifranquista e a represión, como en Cólera e Sentinela alerta!. En Amor de tango falas dun xeito de represión que sufriron as mulleres tras o golpe do 36, que foi obrigalas a volver ao rol tradicional de esposas e nais despois dos avances da República…

Que é o que quere Gallardón: que as mulleres volvan para atrás.

Ese é o tema. Amor de tango resulta moi actual nese sentido. A dobre moral da sociedade, as prostitutas explotadas e culpadas da súa situación, a trata de brancas da emigración e en xeral a sensación das mulleres de estar sendo obrigadas a volver atrás…

A situación non é igual. Agora as inmigrantes chegan cunha carreira, non teñen as mesmas posibilidades de acabar sendo prostitutas. Pero si creo que hai unha volta atrás, en xeral, no tema da sexualidade. Era unha cuestión fundamental cando comezou o feminismo, e creo que despois foise torcendo. Kate Millett falaba de liberación sexual, pero eu creo que foi a sexualidade masculina a que finalmente prevaleceu. Só hai que ver o que está a pasar coas rapazas de trece anos. Parece que para elas o coito é unha obriga, para non seren rexeitadas. Fálase de poñer vacinas contra o papiloma, pero só ás mozas… Creo que as relacións sexuais seguen a entenderse en termos patriarcais. Chegan mozas aos hospitais con esgarros, e non se atreven nin a contarllo aos seus pais. O que chaman educación sexual redúcese a aprender a usar un condón e a non quedar preñadas, como se coito fose igual a procreación. E, non sei, ou se produciu un cambio entre clítoris e vaxina, ou non entendo como se pode falar de pracer se se entenden as relacións sexuais ao xeito patriarcal. Parece que dicir “yo me follo a ese tío” é máis progresista e máis moderno. E eu pregúntome se o que non estará a facer quen fala así é poñerse para ser follada. Como as mulleres que finxen orgasmos, pois parece que é peor recoñecer que non se sente pracer que que se ten relacións só para satisfacer ao outro. Non sei, creo que niso non avanzamos nada, e que o feminismo tería que reformular o seu discurso.

Cando escribiches nos anos 70 A muller en Galicia causaches máis dunha polémica ao comparar a opresión das mulleres coa da lingua e coa do país. Desde entón publicaches moitos ensaios e nalgunhas cousas o teu pensamento foi mudando. Cales son as principais cuestións que fuches revisando co tempo?

Hai cousas que dixen nos meus libros que quedaron desfasadas, como a propia descrición da vida das mulleres galegas que facía nese libro. Hai aspectos que cambiaron e outros que non. Pero, en xeral, creo que me enganei cando me acheguei ao feminismo da diferencia. Cando comezamos coa Festa da Palabra Silenciada tamén tivemos algunhas diferencias. Eu pensaba que tiñamos que facer unha revista, saír á rúa, legalizarnos como asociación e así poder recibir apoio para facer a revista… Funme decantando polo feminismo da igualdade. Temos que reivindicar os mesmos dereitos, unha equiparación. A diferencia si está ben para reivindicar a lingua, por exemplo, pero iso é outro tema…

Cando antes falabas da familia, lembrábasme os discursos da teoría queer e outras correntes de pensamento coas que non te identificas para nada, e que revisaron aspectos concretos do feminismo. Pero si que podes compartir cousas con eles, como a reivindicación doutras formas de relacionamento, alén da familia tradicional.

En realidade os homes tiveron sempre outras opcións. Os reis e aristócratas podían ter outras mulleres, ademais daquela coa que casaban. E os homes de clase baixa recorrían á prostitución. Eran as mulleres as que non tiñan outras opcións. Hai que lembrar que no franquismo unha muller podía ir ao cárcere por adúltera. Pero iso non lles pasaba aos homes. E pasaba, e segue pasando, que o home era adúltero e a muller non. A cuestión é que podes amar a quen valoras e respectas. E ese é un dos motivos polos que o feminismo reivindicou o lesbianismo: se valorizas unha muller podes namorar dela, e ter unha relación baseada na igualdade e no afecto. E eu creo que iso é moito máis pracenteiro, ademais.

A manifestación polo tema do aborto é unha das propostas comúns que artellou o heteroxéneo feminismo galego. A Marcha Mundial das Mulleres funcionou como aglutinadora, pero o feminismo está agora, parece, máis organizado como pequenos colectivos que aparecen e desaparecen. Algúns especialmente valentes: mesmo enfróntanse con violadores con nomes e apelidos…

Eu creo que a Marcha Mundial tiña un gran potencial, pero metéronse os partidos políticos polo medio e iso non foi bo. Tamén hai aspectos da Marcha Mundial que teñen que ver co feminismo da diferencia e que eu non comparto. Somos asociacións diferentes con criterios diferentes, e vexo normal que cada unha traballe segundo os seus criterios e en áreas específicas. Pero claro que podemos confluír en proxectos conxuntos, como a Plataforma polo Dereito ao Aborto. E si é certo que hai xente nova facendo cousas, e eu estou encantada, pero creo que moitas veces fáltalles memoria do que xa se fixo, e entón parécelles que están descubrindo o que leva xa moito tempo descuberto. E si é verdade que fan cousas que nós nin nos atrevíamos a facer. Pero tamén é certo que internet cambiou moitas cousas, e que permite facer cousas antes impensables.

Montse Dopico

 

 

Deixa un comentario!