Menu Xerais

Marina Mayoral: «Eu deixo sempre que o lector interprete»

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado, 22 de xuño, no suplemento «Culturas» dLa Voz de Galicia esta entrevista con Marina Mayoral autora da novela O anxo de Eva:

Marina Mayoral  (Mondoñedo, 1942) presentará  este vindeiro mércores O anxo de Eva nunha libraría compostelá, xunto con Xesús Alonso Montero e Manuel Bragado, onde Berta Dávila e Alberto Ramos darán lectura a un capítulo da obra. Mayoral adianta para Culturas algunhas das claves desta novela e fala tamén de Rosalía de Castro, autora que a ocupou e preocupou ao longo da súa vida académica.

-Que hai da autora de O reloxio da torre (1988) nesta última novela?

-Non son consciente dos cambios, supoño que si os hai, pero eu non me decato. Nesta última, por exemplo, si que hai moito máis diálogo.

-Por que un protagonismo compartido entre un anxo e unha adolescente?

-O anxo está moi presente na miña obra. Hai algo moi curioso no proceso de creación é e que os personaxes actúan pola súa conta…, e este anxo apareceu e era cousa de deixalo pasar…, as razóns que explican a causa pola cal se xuntaron é un misterio. Si podo dicir de onde procede: vén dunha novela anterior titulada La sombra del ángel…, pero de onde saíu? Cando eu era nena o bispo de Mondoñedo saía a pasear e as nenas corriamos para bicarlle o anel. E algunhas veces dábanos estampas e a min unha vez regaloume unha estampa dun anxo, cunhas enormes ás, que ía protexendo unha nena de caer un precipicio, e era fermosísimo. Eu coido que me namorei daquel ser que protexía aquela nena. Son cousas que, nun intre dado, agroman.

-Hai, logo, un diálogo con esa novela…

-É curioso porque este anxo apareceu como personaxe literario nun conto que un personaxe escribe. Nesa novela hai unha escritora que escribe contos que teñen que ver con cousas que lle ocorren a amigos seus pero que aparecen transformados. Daquela a aventura dunha amiga súa que ten cun noruegués transfórmase nun conto no que esa muller burguesa ten un encontro cun ser excepcional que é ese anxo.

-Concretaría as diversas interpretacións que se poden facer d´O anxo de Eva

-Hai algúns temas nos que opino o mesmo que di don Quixote cando lle preguntan se Dulcinea existe: ¡Deus sabe se existe ou non!”, e tamén di: “no es desas cosas cuya averiguación conviene llevar hasta al cabo! Hai cousas nas que é mellor non remexer…, eu deixo sempre que o lector interprete. Na novela só cren que o anxo é un anxo a nena e mais a súa avoa…, e ninguén máis, na familia tanto a nai como o pai cren que ten outro tipo de problema.

-Neste ano rosaliano como ve a significación e actualidade do legado de Rosalía de Castro?

-Eu penso que Galicia nunca lle pagará a Rosalía o que ten feito por ela. A lingua galega, cando chega Rosalía, é unha lingua esquecida…, desde Afonso X o Sabio, que cando escribía poesía o facía en galego, ata ela a lingua galega vai decaendo e practicamente desaparecera como lingua literaria. E Rosalía pon de novo o galego na literatura universal e iso faino cun libro que teóricamente era un libro folclórico, que non tiña maior trascendencia, pero si a tivo porque conseguiu darlle ao galego outra vez entidade literaria e deulle fondura. Os grandes temas de Rosalía xa están  no seu primeiro libro. Ademais, ela desaparece detrás dos “cantares”. Onde está Rosalía, pois? Alí aparecen as rapaciñas, as mulleres que están soas, a meniña gaiteira…, ela está no feito de que é capaz de recoller a dor allea e facela propia. Ela deulle voz a un pobo que non tiña voz.

Esta entrevista, acompañando á recensión sobre O anxo de Eva, publicouse tamén no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 22 de xuño de 2013.

Deixa un comentario!