Menu Xerais

«Martarte lentamente»: morrendo lentamente

Armando Requeixo publica en Praza unha crítica de Matarte lentamente de Diego Ameixeiras.

Tras varias incursións no xénero negro e o thriller político, Diego Ameixeiras ensaia unha outra fórmula na súa última entrega narrativa, Matarte lentamente, onde, sen deixar de imantar no realismo máis cotián e problemático, por descontado de ambientación urbana, camiña no fío de arame dunha sorte de neotraxedia con adobíos tremendistas e violencia a moreas.

Hai en Matarte lentamente un mecano estrutural paralelístico, que no enfoque actualiza as técnicas obxectualistas e na dispositio xoga co paralelismo diexético de diversas fías argumentais para crear un mosaico ao modo das célebres celas dospassianas.

A prosa de Ameixeiras foi fraguando nos últimos anos e alcanza aquí unha factura versátil, que igual lle fai as beiras de lonxe á prosa de esmaltado poético como se manexa con soltura nos diálogos de extracción máis marxinal.

Non cabe dúbida de que Ameixeiras logra transmitir toda a forza da súa mensaxe cargando no relato unha tensión psicolóxica que se mastiga, despenando os personaxes no abismo dos seus límites, enfrontándoos aos peores pesadelos: a soidade do orfo, a impotencia dos pais de fillos discapacitados, o terror da adolescente embarazada, a desesperación da hispanoamericana que se ve obrigada a facer de mula transportadora de coca, a conciencia abouxadora do violador, mortes que matan lentamente o ser, que aniquilan e devastan a psique e, por veces, tamén a materia que a sustenta. Cómpre recoñecer que Matarte lentamente é o mellor texto de Diego Ameixeiras, quen traza con este título un punto e á parte na súa traxectoria que moito promete

Alén dalgúns parlamentos imposibles (non se cre que alguén que acaba de tentar suicidarse chantándose un coitelo na gorxa sexa capaz, acto seguido, de proferir un discurso de oratoria case ciceroniana; nin que unha moza de quince anos como hai tantas se exprese en ocasións coa corrección e elevación estilística dun profesional da palabra) e do esperable de certas solucións narrativas (hai desenlaces que se ven vir demasiado, desregulando a tensión precisa), cómpre recoñecer que Matarte lentamente é o mellor texto de Diego Ameixeiras, quen traza con este título un punto e á parte na súa traxectoria que moito promete.

Deixa un comentario!