Menu Xerais

«O anxo de Eva», crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado, 22 de xuño, no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica da novela de Marina Mayoral O anxo de Eva:

Polas páxinas d´O anxo de Eva, última novela da escritora mindoniense Marina Mayoral, circulan personaxes de  carne e óso e outros que non o son pero ben parecen selo. Son estes últimos os que, xustamente, formulan ou esixen un pacto de complicidade de alta intensidade para avanzar con paso firme ata a conclusión dun argumento que, a priori, pode semellar sorprendente mais que vai  afortalándose e cobrando sentido conforme se coñecen as súas claves. Como novela de filiación realista que é aliméntase de referentes, contextos e actitudes contemporáneas e verosímiles mais como exercicio de ficción que tamén é abre a posibilidade para que aquilo situado nos ámbitos da mente humana e das crenzas persoais, aquilo  que adoita considerarse imposible, estraño ou irreal, poida acontecer.

Afirmo o devandito porque O anxo de Eva pode desconcertar ao propor adentrarse nunha historia na que un anxo dialoga cunha protagonista adolescente chamada Eva. As repercusións simbólicas deste comezo son evidentes, mais non se pense que esta é unha novela abeirada a asuntos doutrinarios ou relixiosos, antes ben afonda nesas realidades que se perciben como soños, fantasías, mesmo alucinacións e como se vehiculizan e consideran nunha sociedade como a actual, que os entende como problemas psicolóxicos ou delirios precisados de rápida solución médica.

Teño para min que esta novela formula moitos elementos de interese, e non é menor o intento de espellar realidades tanxibles no que se refire ás relacións que xermolan  en ámbitos familiares sometidos a un cúmulo de cambios que resultan difíciles de asumir para algúns  dos seus membros, alén de afondar no contraste ou modificación de condutas que atinxen á descuberta e á transformación do propio corpo, ás inseguridades, ás convencións sociais, aos baleiros, ás ausencias ou mesmo aos conflitos edípicos…, elementos que van sempre de man dadas ao se internar no territorio dos sentimentos.

Óptase aquí por escoller un patrón concreto como é o de fusionar o diálogo como elemento técnico que implica unha inequívoca axilidade narrativa con monólogos que se reflicten quer en forma de diario quer como discursos a seres máis ou menos imaxinados, dominados sempre por un evidente ton confidencial e confesional, no que un dos focos de interese –cal é a verdade que agocha ese ser alado?- non se desvela ata o final. Con estes esteos Mayoral constrúe un fresco que é tamén o da sociedade contemporánea, deseñado sempre cunha linguaxe directa e polo cal transitan personaxes sólidos e individualizados nunha novela que entendo como acaída para un amplo espectro de lectores.

Cunqueiro referiuse durante un tempo, no que hai anos chamei “libros soñados”, ao que consistiría nun dicionario de anxos; apelaba a el con profusión de datos coma se estivese a piques de publicalo cando era algo que se cadra só alentaba na súa imaxinación. Gústame trazar unha liña de empatía entre algún que vivira naquel libro imaxinado e o protagonista innomeado que circula por este libro de Marina Mayoral. Talvez sexa así.

Deixa un comentario!