Menu Xerais

O esforzo titánico dunha novela de piratas na tradición universal: «Costa do Solpor», de Xosé Mª Lema. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre a novela Costa do Solpor, de Xosé Mª Lema.

Continuando A illa do tesouro

Todos sabemos que un gran clásico universal da literatura de aventuras é A illa do tesouro. Na novela de aventuras predomina a acción e nela sucédense acontecementos inesperados e mesmo extraordinarios dos que o heroe ou heroes sempre saen vitoriosos e rematan por acadar o seu obxectivo. Dentro da novela de aventuras atopamos un apartado, o da chamada novela de piratas, que podemos considerar fixado definitivamente por A illa do tesouro de R. L. Steveson, publicada en Londres en1883. A novela de Lema é unha novela de piratas, posto que pretende nada menos que continuar a obra de Stevenson, mais tamén é unha reconstrución histórica da Costa da Morte e, por extensión, da Galicia do século XVIII.

As novelas de piratas contan con certa tradición na literatura galega. Benito Soto, o pirata da Moureira, e o seu barco Burla Negra forman xa parte do imaxinario popular galego, especialmente desde que en 1994 Parada Mejuto publicou o seu O pirata da Moureira (Xerais). Recentemente a novela de piratas foi tocada na nosa literatura por María Reimóndez na súa moi orixinal Pirata (2009 e comentada tamén no seu día neste blog) ou, de xeito máis tradicional, por Hixinio Puentes en Monbars, o Exterminador (2006 e así mesmo comentada no seu día aquí). Agora Lema incide no mesmo subxénero novelesco da aventura de piratas, mais de xeito moi ambicioso, continuando e ata reescribindo a obra que fixa este subxénero, A illa do tesouro.

O autor utiliza a técnica do manuscrito atopado para presentar o seu relato, que supera as seiscentas páxinas. Preséntase como un simple tradutor dun manuscrito en inglés que lle envía un correspondente desde a Gran Bretaña e investigador dos faros coma el. Limitarase a traducilo. Nese manuscrito refaise o desenlace de A illa do tesouro, pois, antes de chegaren a Bristol, os heroes da Hispaniola viviron unha aventura extraordinaria na Costa da Morte, aquí Costa do Solpor, que case os deixa sen o tesouro e incluso sen a vida. A través do relato en primeira persoa de Jim, mais tamén do doutor Livesey, asistimos ás aventuras que corren na Costa da Morte os heroes de Stevenson, antes de chegaren a Bristol ao caeren nas mans do pirata francés René de Saint-Syr, o Denociña, asociado co home de negocios establecido na Coruña e dedicado tamén ao corso Gerónimo de Hijosa.

A aventura da Costa da Morte ten os ingredientes propios da novela de piratas: o capitán pirata cruel e ata caricaturesco René de Saint-Syr, abordaxes, persecucións, enganos e un feixe máis de elementos propios deste tipo de relato. Este subxénero da novela de piratas alíase co da novela sentimental-amorosa ou mesmo bizantina ao presentarnos os difíciles amores entre o Chavín, rapaz do pobo, e a fidalga Mariña, onde nin sequera falta a anagnórese dos personaxes. A novela tenta tamén ser unha recreación, como xa dixemos, da Costa da Morte e mesmo da Galicia do século XVIII, cos seus fidalgos, foros, imaxineiros, perseguidos pola Inquisición, burgueses da Coruña, fidalgos racionalistas ou brutáns e ata cregos iluminados que defenden a colectivización das propiedades privadas ou a independencia de Galicia. Mesmo, como se pode ver no apéndice de tipo histórico que o autor sitúa no remate do texto, hai personaxes históricos que son recreados nesta novela ou que se utilizan trazos seus para llelos aplicar a personaxes da novela, aínda que mesturando as épocas, desde o padre Sarmiento ao rico armador e corsario Gerónimo de Hijosa ou o propio pirata Benito Soto, pasando polo mítico xa Manfred Gnädiger, Man o Alemán de Camelle.

Ás veces o autor abusa un pouco para inserir no relato informacións históricas, descricións xeográficas, mitos e lendas populares e ata propostas sobre a suposta liberación de Galicia, que non son esperables nunha novela de aventuras nin actual e que nos achegan as novelas de teses ou aos folletíns ideolóxicos do século XIX. A referencia a Breogán ou mesmo a historia fantástica da orixe dos Mariño de Lobeira resultan un tanto cargantes, mais non se pode acertar en todo na primeira novela que se escribe, como parece ser o caso do autor. Pero consegue, malia estas eivas, dar unha boa imaxe da Costa da Morte e da Galicia do século XVIII.

Outro acerto do autor é incardinar a tradición universal da novela de piratas, mesmo aproveitando os personaxes de Stevenson e continuando-alterando o seu argumento, coa tradición literaria galega, tanto popular oral como culta e escrita, posto que a novela constitúe tamén unha homenaxe á literatura de tradición oral da Costa da Morte e á literatura xa culta sobre esta mesma zona xeográfica, de xeito que se inscribe na liña temática, por exemplo, dun López Abente (repárese na importancia dada por Lema á lenda de Buserana ou Buxerán ) ou tamén do recente Cita en Fisterra (Xerais e xa comentado neste blog) de Luís Rei Núñez. Incluso poderiamos invocar neste sentido a novela castelá de Rosalía La hija del mar.

Xa que logo, esforzo titánico en certo xeito o que fixo nesta súa primeira novela o historiador, etnógrafo, xeógrafo e lexicógrafo Xosé Mª Lema. Non sempre acerta, o que é normal nunha primeira novela, como xa indicamos, pero no seu conxunto o resultado é mellor ca bo. De falarmos en termos do Ensino, merecería un notable. Algúns dos seus parágrafos son máis ca acaídos, tanto os de puras aventuras coma os de información histórica e etnográfica, para seren comentados nas aulas. E tamén unha invitación para acceder á lectura dese clásico universal que é A illa do tesouro e que a propia editorial Xerais ten publicada en tradución do gran novelista Xavier Alcalá.

Afeccionados ás películas e literatura de piratas hainos aos feixes. Moitos de nós nos tempos da nenez ou da adolescencia fomos lectores de A illa do tesouro, aínda que fose na versión reducida e ilustrada de Bruguera, que tanto circulou alá polos cincuenta e sesenta. Polo tanto, estes lectores e lectoras pódenlle meter dente a esta novela nestas vacacións de Semana Santa ou nas do verán. Son máis de seiscentas páxinas, pero lense ben. Aprenderán así mesmo moitas cousas sobre a historia de Galicia ou, polo menos, lembraranas os que xa as saben, o que nunca vén mal. Incluso as propostas do crego Sabio poden ser moi aproveitables nestes temos de asoballamento centralista e neoliberal.

(…)
Volvendo ao rego, boa novela de aventuras, aínda que ás veces faga pesada a súa lectura tanta información xeográfica, histórica ou etnográfica. Encomiable é esta maridaxe entre un clásico das aventuras como é A Illa do Tesouro e mais a literatura popular e culta galega, como xa dixemos. Así mesmo resulta moi boa a visión que nos ofrece da Costa da Morte e da Galicia do século XVIII cos seus fidalgos -ilustrados e brutáns-, labregos, mariñeiros, comerciantes e ata corsarios.

Xosé Mª Lema

Deixa un comentario!