Menu Xerais

O libro de homenaxe a Manuel Lueiro Rey presentarase nas festas de Fornelos de Montes

Carme Vidal publica en Sermos Galiza unha reportaxe sobre o libro Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida, que será presentado o venres 9 de agosto, ás 12:00 horas no salón de plenos do concello de Fornelos de Montes.

Son as festas de San Lourenzo en Fornelos de Montes e o programa de celebracións deste ano recolle a presentación dun libro. Non é habitual que aconteza. Tampouco o libro. Trátase de Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida (Xerais), o volume homenaxe ao escritor que naceu nas terras que rega o río Oitavén.

Unha das primeiras imaxes que relatan a vida do escritor no volume Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida está tomada un 10 de agosto. Estamos no 1932 e o escritor, aínda novo, posa canda un grupo de amigos vestidos para a ocasión e con cara de felicidade. Tiña dezaseis anos e, daquela, vivía xa no Grove mais mantiña relación co concello no que nacera en 1923, un contacto que non perdería xamais.

Nas festas parroquiais, nas que na torre da igrexa ondean as bandeiras de todos os países aos que emigraron as xentes de Fornelos, preséntase este día 9 o volume colectivo Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida. Para a veciñanza de Fornelos non é un acto calquera. Estará presidido polo alcalde, Emiliano Lage e contará coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que regresa a Fornelos despois de que no verán pasado presidira a primeira homenaxe que ao escritor e tamén amigo persoal se lle tributou no seu concello natal, tarde de máis, case cen anos despois de que nacera neste territorio de montaña. Tamén participará Carme Carreiro, presidenta da AA.VV O Cruceiro da Laxe, verdadeira impulsora do recoñecemento a Lueiro na súa terra natal.

O Salón de Plenos do concello é o lugar onde se celebrará o acto, na mesma praza na que se situaba a casa familiar do autor. O editor Manuel Bragado, o colaborador do libro Modesto Hermida e o coordinador Ramón Nicolás intervirán na presentación dun libro que contribúe ao recoñecemento persoal e literario de Manuel Lueiro Rey e nos achega á unha figura na que o compromiso persoal e político e o traballo literario se dan a man nunha aperta fonda.

Máis de medio cento de colaboracións 

Que a figura de Manuel Lueiro Rey merece subir chanzos na súa consideración na nosa historia literaria contemporánea queda á vista nos traballos recollidos no libro. Algún deles reivindican para o autor un próximo Día das Letras Galegas e o seu nome comeza a se sentir nas nóminas de aspirantes que cada ano chegan á Academia. Coordinado polo crítico e investigador Ramón Nicolás, o volume recolle colaboracións de máis de medio cento de autores, escritores, investigadores e persoas con presencia na biografía do escritor.

Os obxectivos que Ramón Nicolás describe no inicio do volume están cumpridos. Buscaba un libro que “lembrase, para as xeracións máis novas, o seu compromiso cívico, a súa obra literaria e o seu percorrido vivencial”. De todo iso dan conta as súas máis de duascentas páxinas. A través de retratos de persoas que o coñeceron como Herminio Barreiro, Xesús Alonso Montero, Francisco Lores, Isaac Díaz Pardo, Gustavo Luca de Tena, Xosé Luís Méndez Ferrín ou o propio fillo Manuel Lueiro Lores achegámonos á figura do home de claro compromiso social, de ideario comunista que o levará á militancia do PC e de combate antifranquista que marcará a súa biografía. Coas achegas sobre a súa obra de Ramón Nicolás, Luis Mera, Fernández Rei ou Alonso Montero descubrimos pasaxes, algúns case descoñecidos, dunha traxectoria literaria singular que camiña entre a narrativa, a poesía e o xornalismo e que deixou páxinas aínda por descubrir, como o relato inédito ou o poema case descoñecido que se publican á maneira de peche do volume.

Canda ese material, colaboracións literarias de escritores e escritoras renden homenaxe ao autor que dá nome a un premio de narrativa convocado desde O Grove e un novo premio de poesía que naceu o pasado ano en Fornelos. Anxo Angueira, Fran Alonso, Marilar Aleixandre, Rosa Aneiros, Xosé Carlos Caneiro, Ramón Caride, Delfín Caseiro, Francisco Castro, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Vázquez Pintor, Xesús Rábade Paredes, Mariña Pérez Rei , Xosé M. Eyré, Inma López Silva ou Antón Lopo son algúns dos autores que renden tributo ao escritor que naceu entre os montes retratados en Manso.

Manuel Lueiro Rey marchou de Fornelos de Montes en 1923 para se dirixir ao Grove, concello ao que está vencellada boa parte da súa biografía. Aínda non tiña nin unha década de vida. Sen embargo, o seu concello natal aparece de novo trece anos máis tarde na súa cronoloxía vital. En setembro de 1936, Lueiro diríxese a Fornelos para se agochar da represión franquista e pasa a residir na casa dunhas tías ate maio de 1937, para logo se dirixir ao lugar de Portovilán -do mesmo termo municipal- xusto á beira do Río Oitavén. Un concello entón apartado do mundo, illado por uns montes que fan del o de maior chuvia de toda a península, mais, ao tempo, amábel para o escritor tiña que ser o mellor acubillo para fuxir das gadoupas do franquismo. Nunca máis Fornelos aparecerá de forma expresa na súa biografía, sen embargo, os viciños e viciñas do concello saben que Lueiro Rei nunca esqueceu a súa orixe e, cada ano, regresaba e a súa presenza recoñecíase en actos compartidos polos que habitan estas terras e tamén polos que, coma el, marcharon a unha emigración próxima ou, maiormente, moito máis lonxana.

A tal hora ondean na torre da igrexa de Fornelos as bandeiras de destino de tantos emigrantes do concello. De maneira especial, a de Portugal e Brasil, privilexiados na busca de futuro para os que naceron no tempo de Lueiro. A carón de alí, na Casa do Concello, en plenas festas do San Lourenzo, preséntase Manuel Lueiro Rey, a liberdade ferida, un novo regreso do escritor a súa terra, un recoñecemento dos moitos que quedan a unha figura de relevo na literatura contemporánea. En plenas festas, cando a poboación de Fornelos se multiplica e as casas se abren con veciños e veciñas que se viron na obriga de abandonar a súa terra. O de Lueiro está a ser, no día de festa, un regreso máis aos que Fornelos está tan afeito.

Deixa un comentario!