Menu Xerais

O roubo do Códice… nos tempos de Xelmírez: «O Códice do Santo Lugar», de Pere Tobaruela. Crítica de Laura Caveiro

O Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publicou unha recensión crítica de Laura Caveiro sobre a novela O Códice do Santo Lugar, de Pere Tobaruela.

 

 

Atracción e seducción

Xelmírez pálido e vermello

Que Pere Tobaruela (Barcelona, 1965) teña tal integración nas letras de noso –e no propio país; na actualidade vive en Rois– como para entregarmos este relato de corte histórico e xeito cinematográfico é un fermoso agasallo literario. Del atraen dende o inicio o roubo do códice, o erotismo histórico dun Diego Xelmírez que percorre coa mirada o corpo da amante, que se pon vermello porque é novo,que se porá pálido para levar adiante o plan do bispo de Iria,o poderoso Páez…

Non ancorou Tobaruela o ritmo do texto con innecesarios datos históricos das andainas daqueles tempos, 1086, senón que pintou, coa naturalidade da escrita que flúe coma as augas dun río de vivas correntes, e tamén con tensión sostida, un ambiente animado polos sentimentos. Como os que fai nacer nun cabaleiro, desfigurado na batalla, unha atractiva curandeira dos camiños que recendía ao salgueiro que empregaba nas súas beberaxes. Porque se ben o protagonismo será de Xelmírez, que arrastra sempre a acción tras de si, non menos insinuantes resultarán outros personaxes, sexan de Compostela ou de Toledo, os dous lugares cruciais da trama.Velaí un Afonso VI, ao mesmo tempo histórico e imaxinario, pero en todo caso sen a entronización que certa historiografía lle emprestou.

As escasas duascentas páxinas do volume deixan, ao rematar a súa lectura, o pouso das narracións de aventuras que, indo ao esencial, procuran a dimensión do heroico. Será que sufrimos a chamada síndrome de Stendhal ante a imaxe da catedral de Santiago, aínda en construción, cos canteiros a traballar nela? Ou ante a beleza da miniatura do pergamiño, coa barca de pedra e mais os corpos mutilados no medio da violencia das augas?

Batallas, romanticismo, asasinatos, amizade, cárcere, desexo, violacións, mortes, e traizón, moita podre traizón arredor dun Xelmírez aínda estudante, clérigo e namorado. Dende a perspectiva da creación literaria espreme Pere Tobaruela un abano de posibilidades que non defraudan ao se converter en ficción.

Que o argumento, insólito de entrada, do roubo dun códice,con bispos, sexo e cobiza, poida resultar tan familiar estes días, non ha de ser senón un acicate máis para ler esta novela que semella buscar a sedución hipnótica das miniaturas medievais. E acádao.

Laura Caveiro

Deixa un comentario!