Menu Xerais

O símbolo das liberdades perdidas: «Winnipeg» de Hixinio Puentes. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre a novela Winnipeg de Hixinio Puentes.

«Guerra, memoria e mar»

Winnipeg, do escritor Hixinio Puentes, autor que goza xa dunha incontestable traxectoria no  ámbito narrativo como demostran O bandido CasanovaMonbars o  Exterminador ou Aguillóns de Ortegal entre outras pezas literarias, achégase outra volta ao espazo xeográfico do   Ortegal, concretamente a aquela  puxante vila que era o Cariño das primeiras décadas do século XX, lugar desde o que comeza un discurso memorialístico nucleado nas vivencias dos irmáns Manuel, Pepe e Vicente Pita Armada, fillos dun fomentador cariñense, e que se relata a través da óptica do primeiro deles, Manuel, baixo o obxectivo de redactar unhas memorias biográficas que deixen constancia para a posteridade cales foron as reviravoltas da súa vida e, por extensión, as tensións sociais e políticas que cruzaron a época que lle tocou vivir.

      As memorias, se se quere crónicas, peneiradas por unha inequívoca vontade literaria, arrincan nas datas previas ao estoupido da guerra civil, cando Manuel se converte nun activo sindicalista que abraza a ideoloxía anarquista, e discorren até a implantación da ditadura chilena logo do golpe de estado contra Salvador Allende, converténdose o período da estadía no país americano nun tempo no que se intentou normalizar a vida dos tres irmáns, quen xa deixaran outros tres irmáns asasinados en Galicia. Entre a saída de Galicia e a chegada a Chile, entre outros acontecementos,  cobra especial relevancia o vector argumental  centrado no buque Winnipeg, aquel que fletou Pablo Neruda para salvar un continxente importante de exiliados e que zarpara do porto francés de Paulliac para chegar trinta días despois a Valparaíso, converténdose nun foco de interese fulcral da proposta pois, alén de vehiculizar materialmente a fuxida dos tres irmáns, o barco e o xesto solidario converteranse nun símbolo das liberdades perdidas e nunha invitación para abrir unha porta á esperanza.

       En Winnipeg reulta salientable, ao meu ver, a tonalidade que adopta discurso para testemuñar con plasticidade, acontecementos históricos que, como resulta evidente, non resultan estritamente locais senón que se proxectan máis alá dun espazo particular. En cada páxina déixase sentir un intenso labor de rigorosa documentación previa, suturada con axilidade e fluidez no argumento desta novela-crónica e que, malia esa sempiterna voz en primeira persoa que ofrece a súa visión dos feitos, os acontecementos desfilan e descríbense, un tras outro, con acerto e acaídas doses de verosimilitude.

        A presenza de motivos verídicos como son os da guerra civil, a memoria das experiencias vividas e o mundo do mar son os tres pés temáticos desta novela, na que, como manifestou o autor, hai ben pouco espazo para a fantasía pois a vontade da realizar unha crónica da historia queda explícita desde as primeiras páxinas. En Winnipeg hai, quen o dubida, un pouso de tristeza e amargor inevitable pois son vivencias duras, en moitos casos extremas e tráxicas, as que se rescatan e, dalgún xeito, ás que se lles volve dar vida.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!