Menu Xerais

Os escritores escollen os seus antepasados: «A Galicia máxica de García Márquez», de Carlos G. Reigosa. Reportaxe de Camilo Franco

Camilo Franco publicou en La Voz de Galicia unha reportaxe sobre o libro A Galicia máxica de García Márquez, de Carlos G. Reigosa.

 

Reigosa revisa a ascendencia galega de García Márquez

Recolle nun volume a investigación sobre a «avoa» do escritor

«Os escritores escollen os seus antepasados». Así define Carlos G. Reigosa o xeito en que Gabriel García Márquez falaba da súa avoa galega, un personaxe perdido na bruma da xenealoxía e, quizais, na fantasía do escritor colombiano. Un personaxe investigado polo xornalista galego nun proceso contado en forma de reportaxe narrativa nun libro que foi presentado onte en dous idiomas.

A Galicia máxica de García Márquez, en Xerais en galego, en Auga Editora en castelán, naceu en 1968. Mentres os escritores franceses perseguían unha revolución, o autor de El otoño del patricarca repetía que a súa maior influencia literaria era «mi abuela gallega». Díxoo unha e outra vez e tamén foi declarado nunha entrevista a Carlos G. Reigosa. García Márquez dixo máis. Segundo o xornalista galego, o colombiano aseguraba que a súa avoa galega «contaba coa mesma cara de pao o que fixera de xantar e que durante a noite se lle presentara un seu tío morto hai 20 anos». Reigosa explica que para Márquez ese «mesmo xeito de contar era unha parte fundamental da verosimilitude».

Ao escritor galego picoulle a curiosidade por ese antepasado que tivera máis influencia nun premio Nobel que todo o resto da literatura xunta. García Márquez aseguraba que en Cien años de soledad había moito máis de galego do que parece: «A maneira de contar é galega», explicaba o colombiano tal como recolle Reigosa. Un xeito que viña directamente de como contaba as cousas a súa avoa.

Pero co pasado e coa fantasía as cousas nunca son sinxelas. Carlos G. Reigosa aproveitou cada encontro que tivo para preguntarlle ao autor de El amor en los tiempos del cólera se soubera algo máis sobre esa avoa galega. Esa investigación que apunta, en realidade, cara a unha tataravoa galega do escritor, de nome Josefa Vidal e que, segundo Reigosa, podía ter procedencia ourensá, é a que conta neste volume. Unha investigación xornalística que se foi prolongando ao longo dos anos, en parte porque García Márquez «non tiña ganas de falar da súa avoa» e porque «xa a súa irmá toleara un pouco tentando encontrar datos certos dela».

Tanto Manuel Bragado, director de Xerais, como Xosé Antonio Perozo, que dirixe Auga, definiron este libro como «un exercicio canónico de xornalismo». Reigosa sinalou que o libro era xornalismo escrito coa estratexia da ficción, «unha historia real contada como ficción no que dos datos son rigorosos como era absoluto o convencemento de García Márquez sobre a influencia galega».

Camilo Franco

Deixa un comentario!