Menu Xerais

«Pegadas», proxecto de materiais curriculares de Lingua e Medio para 1º e 2º de Educación Primaria

A comezos do mes de maio, Xerais presentará «Pegadas» un completo proxecto de materiais curriculares en lingua galega destinado ao 1º e 2º cursos de Educación Primaria nas áreas de Lingua e Coñecemento do Medio. Ofrece materiais curriculares para o alumnado, propostas didácticas para o profesorado e recursos didácticos para a aula.

O material básico do alumnado componse dun único libro de texto de 15 unidades por curso no que se reúnen os contidos das áreas de Lingua Galega e Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, ademais doutros relacionados coa literatura (popular e de autor/a), a música, a iniciación á informática e a educación viaria.

O material complementario do alumnado para cada curso componse de dous cadernos de traballo para desenvolver, ampliar e reforzar os contidos do libro básico, ademais dun libro de lecturas (O libro de Merlín) con actividades de comprensión lectora.

O material para o profesorado ofrece unha proposta didáctica na que se inclúe a programación das áreas de Lingua Galega e Coñecemento do Medio, así como o desenvolvemento didáctico dos materiais básico e complementario do alumnado.

Os recursos didácticos da aula, na fase de lanzamento do proxecto, consisten na versión para encerado dixital interactivo do material básico para cada curso e nun espazo web con materiais de apoio para o profesorado participante no proxecto.

O profesorado interesado en coñecer os materiais do proxecto pode escribir á editorial: xerais@xerais.es

 

 

 

Deixa un comentario!