Menu Xerais

Poética da indefensión: «Todo OK», a última novela de Diego Ameixeiras. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre sobre Todo OK, a última novela de Diego Ameixeiras.

 

Atrapados e derrotados

Crúa poética da desesperanza

Diego Ameixeiras súmase á nómina de narradores galegos que escriben ficción inspirándose en acontecementos reais. Desta vez,o punto de partida está na aparición dun narcosubmarino cargado de droga na ría deVigo. Aínda que os actantes desta novela breve son enteiramente ficcionais, Ameixeiras tenta esburatar as barreiras entre ficción e realidade. Botando man do narcotráfico como tema de fondo, mais sen ser esta unha novela sobre o mesmo, a narración de Ameixeiras achéganos unha historia de seres atrapados indirectamente nas súas gadoupas. Entre eses personaxes sobresae con forza o de Inés Landeira, unha perdedora que intenta refacer a súa vida e non entrar no cárcere. Ao seu redor,unha manchea de seres superviventes ou derrotados que conforman o mundo da mala: traficantes de mulleres, prostitución, axentes da autoridade corruptos, pequenos traficantes, falsificadores de pasaportes, traidores, existencias esgazadas ás que a vida lles pasou factura.

O escritor nunha crúa poética da desesperanza e da indefensión, mergulla o lector nunha trama de vidas rotas, cun argumento no que dosifica a información de xeito adecuado para crear o suspense que tire do lector. Sen ser a mellor das novelas do escritor, a ficción de Ameixeiras no deixa de ser unha boa radiografía dun mundo áspero e duro onde non é doado sobrevivir no devalar da vida.

Francisco Martínez Bouzas

Deixa un comentario!