Menu Xerais

Portentosa capacidade narrativa: «Faneca brava», de Manuel Portas. Crítica de Xosé Manuel Eyré

Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia Confidencial unha recensión crítica sobre a novela Faneca Brava, de Manuel Portas.

 

 

Toda a verdade sobre a faneca brava

Faneca Brava, de Manuel Portas, é a crónica do esclarecemento dunha verdade oculta que conleva dinamitar a imaxe social dunha familia cuxa adhesión á causa franquista lle dá unha impronta de respetabilidade social. Cróncia de X.M. Eyré.

A terceira entrega narrativa de Manuel Portas, esta Faneca Brava da que falaremos hoxe, a pouco de saír do prelo xa pasou a encabezar as listaxes de libros máis vendidos. Hai máis razóns e a seguir verémolas, mais non pode esquecerse nunca o feito de que xa nos dous anteriores títulos (Denso recendo a salgado e Un dedo manchado de tinta) Manuel Portas demostra ser un deses narradores que goza contando, e velaí unha garantía para o lector, pois en casos así raro é que non se goce coa lectura. E non cómpre para iso ningunha competencia en teoría narrativa, abonda con abrir o libro, a novela, e deixarse levar. Por parte do lector. Porque ao autor si lle cómpre un absoluto dominio da arte narrativa, como nesta novela de demostra.
Faneca Brava é a historia do clan dos Pereira, revelada a partir de que un membro, Fernando, se interesa por coñecer máis cousas de Concha, tida unanimemente como a “ovella negra” da familia. A dos Pereira é unha familia fachendosa, extremadamente rigorosa, altiva e iflexíbel, carca, en lingua vulgar, e nin atura, nin moito menos comprende, a aparición dunha Concha que xoga cos rapaces, que non se amosa submisa ás normas familiares e convencións sociais, e que, por riba non refuga as arelas de xustiza social que se poñen de manifesto no incendio da escola, episodio dunha trascendencia moi grande e que vai para alén do anecdótico. Para alén da anécdota, que no incio da novela ten tanta importancia, pois precisamente a novela quere ser, e é, unha análise que revele qué hai debaixo da anécdota, desa anécdota familiar que ás veces fai rir a partir de comportamentos incomprendidos pola moral da época, desa época na que aínda se herdaba a roupa, e na que conflúen as radionovelas de Sautier Casaseca coas historias televisivas de Pipi Clazaslongas, a época dun tardofranquismo que mantén intactas as divisas de miseria social, económica e política que caracterizaron cada un dos días e dos anos da ditadura.
En definitiva, Faneca Brava é a crónica do esclarecemento dunha verdade oculta, esclarecemento que conleva dinamitar a imaxe social da familia Pereira, imaxe social que tiranizara toda a vida do clan e que pretendía dúas cousas: establecer unha impronta de respetabilidade social ( e de adhesión á causa franquista) e agachar os “trapos suxos”, as condutas reprobábeis segundo a moral da época e que fan caer noutras aínda máis denostábeis. Curiosamente, esa moral recta, altiva, inflexíbel, a novela demostará que en realidade era un pozo de ignominia, un abominábel pozo de hipocrisías, e que a moral que máis iteresa, a autenticamene humana, é a de Concha, a indómita Faneca Brava. Porque o proceder vital seu é menos hipócrita, e porque non hai ninguén completamente inocente. Todos, desde Concha a Fernando, agachan algún “pecado”, máis ou menos grave. Nin tampouco nas personaxes de proceder máis censurábel deixa de haber algúns aspectos positivos, particularmente na avoa. Non é que se pretenda igualación entre as personaxes, nin moito menos, senón consecuencia dun realismo incontestábel.
Nesta crónica do desvelamento da verdade oculta, a dosificación da intriga está moi estudada, moi calculada, de xeito que o lector fidelice a lectura, e é, evidentemente, un aspecto moi salientábel da novela. Porén querémoslle antepoñer outros dous, que esgallan un do outro e elevan a novela á verdadeira cota narrativa que a caracteriza. Se antes mentamos xa a figura dun narrador moi competente e que goza contando, é agora momento para completar esa información, indicando a grande habilidade coa que incorpora discursos de personaxes, por exemplo, pois manifesta igual grao de competencia tanto se trate discursos en terceira persoa como estilo indirecto ou indirecto libre, en calquera rexistro narrativo se acha igual de cómodo e  resulta igual de efectivo. E este contínuo reinventarse do narrador camiña paralelo ao contínuo reinventarse da novela, a súa capacidade para trascenderse e  redimensionarse. Poi se ben comeza próxima ao costumismo, a un costumismo contado con certo grao de desenfado que non exclúe lingua que poida ser culta, despois confirmará certo ton detectivesco sen deixar tampouco de ter moito de novela sentimental…e todo iso sen esquecer xamais a finalidade de análise social que dá uniformidade á novela.
Esta portentosa capacidade narrativa que exhibe Manuel Portas está ao alcance só de autores tocados coa variña máxica da competencia narrativa case innata, concluirá o lector. Porén, sen querer negalo, si cómpre avisar que nestes casos por detrás sempre hai un mundo de lecturas moi ben feitas, e outro de ensaios narrativos previos, ambos os dous moi ben aproveitados.
Xa para  remate, non cómpre esquecer nin o carácter coral da novela, con tantas personaxes en xogo e a habilidade do narrador á hora de deixarlles saír a súa voz propia, que non entorpece ou estorba o protagonismo central de Fernando e as súas pescudas para tratar de averiguar todo o que non se lle contou de Concha, a Faneca Brava, ese espírito indómito que unha vez tivo que desaparecer, e tras do cal se agacha un drama de moi fondo calado. Nin tampouco a reinterpretación da Historia que esta novela de Manuel Portas exemplifica. Unha reinterpretación que esmague as hipocrisías sociais e morais detrás das cales se desenvolveu unha traxedia humana da que aínda descoñecemos as verdadeiras dimensións. Cando as coñezamos ficaremos estarrecidos, pois o que imos sabendo así o indica. Igual que o lector cando lle sexa desvelada toda a verdade sobre a Faneca Brava.

Deixa un comentario!