Menu Xerais

«Presente continuo»: un texto fascinante e sorprendente

Ramón Nicolás publica nos eu blog unha crónica da presentación de Presente continuo de María Reimóndez celebrada o xoves 20 de decembro na libraría Andel de Vigo.

Onte compartín o espazo da renovada libraría viguesa Andel xunto con María Reimóndez para presentar o seu poemario Presente continuo publicado por Xerais. Xa me referín con anterioridade a el, a carón da miña visión arredor dos seus outros dous libros que estes días tamén se poñen en circulación: kleinigtkein/cousiñas e mais Moda galega (reloaded).

Con todo, quixen orientar a miña intervención sobre unha valoración global, á forza breve, das achegas literarias que a autora ofreceu até hoxe e sobre o que en Presente Continuo hai tanto da experiencia vital da autora na iniciativa que provocará o nacemento de Implicadas no Desenvolvemento como do  «diálogo» que eses poemas establecen, con certeza, con fragmentos tirados dun manuscrito memorialístico inédito da autora e que tiven a fortuna de consultar.

Extracto aquí tan só dúas pasaxes que lin onte,  ao que logo seguiron as palabras a cargo da autora, que deu lectura a algúns poemas ao tempo que se visionou unha escolla de fotografías que fixeron entender mellor, e con maior pertinencia, moitas das claves deste libro. Grazas, de novo, á autora por contar comigo para esta presentación, á libraría Andel e a todas as persoas que, nun bo número, asistiron a esta sinxela e emotiva presentación.

este poemario non se pode entender sen a persoa que o escribe e non é doado lelo sen advertir que forma parte dun universo literario propio e solvente,  construído con vagar pero sen pausa e que, ao meu ver, talvez sexa aínda hoxe non sexa xustamente recoñecido pois a autora posúe inequivocamente unha traxectoria marcada pola solidez; unha solidez que abraza ou magmatiza  calquera irrupción creativa que leve a cabo, adopte esta a forma de narrativa para adultos, narrativa infantil ou xuvenil, poesía ou ensaio. Non se dá facilmente o caso de que unha escritora galega, cunha presenza pública con libro independente desde o ano 2002, ofreza xa unha obra marcada pola orixinalidade, polo vontade expresa de internarse en historias, argumentos e asuntos nada comúns nin tratados anteriormente na nosa narrativa, ou cando menos non tratados exactamente tal e coma ela o fai, sempre cunha inexcusable visión crítica, sen  abdicar  da intención de cuestionar moitas cousas, algo  tan preciso tamén para ampliar a nosa  base lectora e fidelizar lectoras e lectores como as reedicións das súas obras testemuñan.

(…)

[O caderno azul] é un texto fascinante e sorprendente, sobre todo se se apunta a data da súa redacción: xuño de 1994. Naquela altura, a autora, sen chegar aos vinte anos, deixa constancia das impresións que esa primeira viaxe á India lle suscita. Esta precocidade en abrazar causas xustas e poñerse a traballar e mans á obra non era, nin é, nada habitual, de aí a miña  devoción pola iniciativa que dalgún xeito puxo en marcha Implicadas e que fai dun soño algo posible. E sinalo que fascinante pois á precocidade en adoptar decisións que comprometen o futuro, a autora deixa, no relato das experiencias cotiás, reflexións que non deixan de sorprender en tantas ocasións pola intensidade do que queren transmitir, en tantas outras pola pasmosa madurez que atesouran, e xa non só pola solidez do seu pensamento solidario e comprometido senón e tamén polo atractivo que, desde o punto de vista estritamente literario, esta sorte de diario amosa.

Deixa un comentario!