Menu Xerais

Pulsión inequivocamente literaria. Presentación hoxe de «Retallos daquela infancia», de Bautista Álvarez

Galicia Hoxe publica unha información sobre a presentación, esta tarde en Compostela, de Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez.

 

Bautista Álvarez presenta este xoves o seu libro ‘Retallos daquela infancia’, nun acto organizado polo Galo

Participarán tamén Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Manuel Bragado, director de Xerais

A Agrupación Cultural O Galo organiza a presentación do libro ‘Retallos daquela infancia’ de Bautista Álvarez nun acto no que estará o propio Bautista. Sera mañá, xoves 12 de decembro, ás 20.30h no Espazo Enocultural Vide, Vide (na Fonte de Santo Antonio, 10) e participarán tamén Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais de Galicia, editorial que publica a obra.

Bautista Álvarez, membro da xeración Brais Pinto e veterano político nacionalista, recolle neste seu primeiro libro de narrativa, que confesa “anda cerca das memorias”, un monllo de relatos ambientados nos anos da súa infancia nas terras natais de Las, Eiras e Loucía, no concello ourensán de San Amaro.

Acontecementos relevantes daquela comunidade aldeá dos anos trinta e corenta recuperados do esquecemento con memoria fotográfica e relatados con pulsión inequivocamente literaria, non exenta de retranca, intriga e doses de tenrura. O cadáver dun mozo acoitelado, atopado na Telleira, xusto no lindeiro que separa a parroquia de Eiras da de Las, do que nunca se soubo a súa identidade. A procesión do santo Antonio de Las que tras os primeiros foguetes rematou en delirio colectivo e con san Roque feito un espantallo. Os amores do cabalo Mourego e a mula do Hixinio, que chegaron a compartir a morte. As lembranzas da escola de Andrade, de mestres de Falange como don Gabino, na que a mellor disciplina era o recreo e na que todos os días antes de saír pola tarde os alumnos tiñan que cantar o Cara al sol e o Oriamendi. A historia de Severo, o frustrado estudante de medicina polo que degoiraban as mulleres. Ou aqueloutra tan noxenta de Gaudesio, o carniceiro de Figueroa, o vingador de roxos, responsable de tantas mortes e outras atrocidades…

Escritos con vontade literaria, utilizando unha lingua de raíz popular, estes retratos e relatos populares de Bautista Álvarez emparentan con páxinas de Ánxel Fole, Castelao e outros autores da tradición do mellor relato galego do século XX.

O acto é público e gratuíto e desde a agrupación cultural O Galo convidan a todas e todos os interesados a acompañalos neste acto no que poderemos escoitar de primeira man a Bautista Álvarez falar da súa obra.

Deixa un comentario!