Menu Xerais

Sentir o frío. Unha proposta diferente: «O bosque é grande e profundo», de Manuel Darriba. Anotación en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha anotación crítica sobre sobre O bosque é grande e profundo, de Manuel Darriba.

 

 

O bosque é grande e profundo

Unha recomendación diferente na nosa literatura moi a ter en conta: O bosque é grande e profundo de Manuel Darriba publicada por Xerais. Por que diferente? Propón o autor unha prosa apocalíptica que nos lembra novelas como A estrada de Cormac McCarthy ou os recentes Intemperie de Jesús Carrasco e El niño que robó el caballo de Atila de Iván Repila. Unha desfeita humana -na primeira parte sen ningún nome- que provoca que as persoas teñan que volver ao bosque, aprendendo a sobrevivir nun lugar cheo de misterio e perigos. Vivir coma os homes primitivos é a única posibilidade de salvación.
Na segunda parte temos a outra cara da moeda: como é a supervivencia nunha cidade en guerra. A fame é a verdadeira protagonista deste anaco da novela. Por iso, o único obxectivo dos personaxes é conseguir algo que botar á boca para chegar a mañá. E o día seguinte, outro tanto do mesmo.
É dicir, se na primeira parte tiñamos a apocalipse rural, na segunda témola urbana.
Pero… é posible a ética neste estadio de cousas?
Deixando esta pregunta no ar, que nos cuestionaremos mentres o autor nos propón unha lectura áxil con frases curtas e cun narrador coa perspectiva de cámara fotográfica, esvaécese o noso concepto de civilización. E sentiremos moito frío, no medio dun bosque ben profundo. Unha sensación de cataclismo que logra maxistralmente o autor coa súa proposta.
Desolador.
Como o momento que vivimos.

Deixa un comentario!