Menu Xerais

Testemuña do exilio interior: «Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida». Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet,  unha recensión crítica sobre o libro de homenaxe Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida, coordinado por Ramón Nicolás.

 

 

Homenaxe necesaria e memoria dunha época

Coordinado polo profesor e crítico literario Ramón Nicolás aparece esta biografía, estudo e homenaxe á figura de Manuel Lueiro Rey. Lueiro Rey é un deses autores que se adoita dicir que aparecen en letra pequena ou mesmo non aparecen nos libros de texto e manuais que estudan os rapaces e rapazas no bacharelato, mais, xa non só a súa traxectoria como escritores, senón o seu labor como intelectuais comprometidos, merecen que a súa vida e obra sexa analizada con obras como esta que coordinou o devandito profesor Nicolás.

Entre os estudos que conforman este volume cómpre salientar o perfil biográfico que de Lueiro traza o propio Ramón Nicolás. Lueiro na época da II República é un militante das Juventudes Comunistas Unificadas que ha de facer a travesía do deserto da Guerra Civil e dos corenta anos de franquismo. Funcionario de Facenda, combina a militancia clandestina antifranquista coa creación literaria en galego e castelán. Participa na Transición e sofre o desencanto, que atinxiu a tantos e tantos militantes antifranquistas.

Un primeiro bloque de estudos analiza a biografía de Lueiro. Neste bloque destaco o artigo de Luca de Tena, que analiza, entre outros temas, a opinión que a Transición lle merecía a Lueiro a través da reunión de artigos deste publicados baixo o título de Crónicas de una Transición Intransigente.

O segundo bloque está constituído por unha serie de estudos sobre a obra literaria de Lueiro Rey, onde destacan o que Fernández Rei lle dedica ao mar de Arousa como tópico da literatura galega e o de Ramón Nicolás ás relacións Lueiro-Lorenzo Varela.

Complétase o volume cos bloque de Varia e Creación onde aparecen desde creacións literarias en homenaxe a Lueiro, como indica o título, ata material de diverso tipo, desde o gráfico ata discursos de homenaxes e similares.

Xa que logo, estamos perante un libro que lle fai xustiza a Lueiro, un deses autores que aparecen nos nosos libros de texto escolares en letra pequena ou que mesmo nin figuran neles, mais que nunca debemos esquecer. É tamén unha testemuña do que se deu en chamar o exilio interior, que viviron os escritores e intelectuais antifranquistas no seu propio país e tamén pode verse como un exemplo do desencanto que invadiu a estes loitadores cando se produciu a tan gabada polo poder e cultura oficiais Transición. A actual crise estanos a demostrar que os desencantados, como Lueiro, tiñan a súa boa parte de razón. Por todas estas razóns resulta moi acertada a publicación deste volume.

Aconsellamos que non quede só nos andeis ou mesas de traballo dos eruditos, senón que os nosos profesores e profesoras de Ensino Medio o utilicen como material de apoio nas súas clases para facerlle ver ao alumnado que non só existen os autores e autoras que aparecen nos libros de texto, pois nestes libros non son todos os que están, nin están todos os que son. Ademais é do melloriño que se pode utilizar para meditar sobre o que supuxo o exilio interior e tamén o chamado Desencanto.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!