Menu Xerais

Un bo entretemento para aprender: «Marcopola 2. Os piratas da lúa», de Jacobo Fernández Serrano. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica de Marcopola 2. Os piratas da lúa, de Jacobo Fernández Serrano.

 

Nova aventura de Marcopola

Despois de A illa remeira chega aos nosas mans, e tamén aos nosos ollos, unha nova aventura de Marcopola, a illa aventureira, e mais o seu compañeiro Libro. Os máis novos, que acaban de chegar á lectura, teñen aquí un bo entretemento, mais tamén un medio axeitado para aprender e afinzar o seu galego, así como para aprenderen uns valores moi distintos dos dos cómics do noso tempo, baseados os de agora na solidariedade ou no refugamento do machismo.

A historia repite un tema moi do gusto dos cativos e cativas, a aventura dun tesouro e mais os piratas que o procuran. Pero introduce elementos novos que cómpre comentar. Malia que Marcopola e Libro sexan ricos, cando atopan o tesouro, e non desprecen os bens, consideran un valor por enriba do da riqueza o da aventura. Coma quen non quere a cousa, os nenos e nenas, neste mundo de tiburóns financeiros, aprenden que a aventura é máis importante ca os cartos.

Así mesmo se atopan cunha banda de piratas dirixidos por unha dona que no canto de perseguiren tesouros, procuran festóns. Tamén resulta entrañable a figura do pirata xubilado, unha homenaxe clara aos avós e avoas que hoxe, por mor dos amplos horarios da xente moza, se teñen que ocupar dos netos e netas.

Acerta o autor cando reconverte o tópico literario do pirata deste personaxe. Hai piratas bos, coma o xubilado, que non busca apoderarse dos tesouros coa violencia, senón co estudo, a través do estudo de mapas sobre tesouros agochados. A súa decisión cando se xubila de pirata é un canto á xenerosidade. Parece que estamos perante unha reactualizacion dos nosos devanceiros que facían o mesmo, só que na terra, seguindo os consellos do Ciprianillo. Mais non cae a historia na mexericada e tamén hai piratas malos, violentos, que cómpre vencer.

No aspecto visual nada temos que engadir ao que comentamos ao nos referirmos, hai aproximadamente un ano, ao dar conta de Marcapola 1. Cómpre salientar neste eido as 28 e 38-39, onde desaparece o texto escrito e só a ilustración cumpre a función de comunicar, e ben que o consegue.

Xa que logo, moi boa lectura para os primeiros lectores, mais tamén, como xa dixemos a propósito de Marcopola. A illa remeira 1, moi bo material para a prelectura, pois os maiores poden ir léndolles aos cativos e cativas, que aínda non entraron nos eidos da lectoescritura, o texto, mentres eles van contemplando as imaxes. Quen isto escribe, avó canguro, fixo a experiencia co neto e mais coa neta, ambos os dous prelectores, e certamente que esta experiencia resultou. Só nos queda desexar que a serie de Marcopola continúe, como así parece que será, pois na lapela deste número 2 xa se anuncia o 3.

No aspecto lingüístico, o autor emprega un galego acaído, con expresións que pertencen ao que se deu en chamar galego identificado e con palabras e locucións que cómpre espallar entre os máis pequenos. Así acontece co emprego de se cadra, a utilización do adverbio ú- (u-lo parche?) ou co uso da locución esmendrellarse de risa. Non obstante, atopo algún erro, que cómpre corrixir en edicións futuras, como é a forma verbal de pretérito movistes (páx. 21) ou a escrita sen acento gráfico diacrítico de ven (do verbo vir, páx. 31).

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!