Menu Xerais

«Un rato díxolle á lúa»: as mellores esencias da obra poética infantil de Antonio García Teijeiro. Artigo de Carlos Negro

Carlos Negro publicou en Praza Pública un artigo titulado «De cando Rosalía era pequeniña e viu un rato que lle falaba á lúa» no que fala de Un rato díxolle á lúa, a antoloxía poética de Antonio García Teijeiro feita por Fran Alonso e ilustrada por Xosé Cobas, con música de Paco Ibáñez.

 

(…)

O segundo vén sendo a antoloxía poética Un rato díxolle á lúa, editada por Xerais, na que Fran Alonso escolma con acerto as mellores esencias da obra poética de Antonio García Teijeiro adicada a nenas e nenos. Unha caixa dos tesouros que pon en evidencia o compromiso vital de García Teijeiro coa creación de textos poéticos para públicos de todas as idades, sen renunciar nunca ao espírito lúdico, á paixón musical, á brincadeira da imaxe, á denuncia da inxustiza. Unha poesía xunguida desde a cerna á sonoridade e ao ritmo, tanto nos moldes métricos como nos motivos temáticos, e que rende sentida homenaxe ás mellores voces da lírica universal, desde as campás de Bastavales ata os acordes de guitarra de Bob Dylan. E tamén neste caso, como prendas de amizade, gozamos das ilustracións de Xosé Cobas e da voz fonda de Paco Ibáñez a recitar na nosa lingua O vento dorme / nun dos piñeiros, / lume na noite, / lume nos beizos.

Ambos os dous proxectos, tan agarimosos como suxestivos, poñen de manifesto unha vez máis o talento creativo que se agocha nese caixón de cores diversas que denominamos literatura infantil e xuvenil, e que, nos últimos vinte e cinco anos, vén dando mostras dun pulo imaxinativo que merece, máis que nunca, o apoio explícito da sociedade galega. Pois cativo favor lles faremos ás crianzas do século XXI se lles ateigamos o cuarto de trebellos tecnolóxicos ao mesmo tempo que lles baleiramos o corazón de versos nos que os ratos soñan coa lúa ou de meniñas gaiteiras que, ao cantaren, afogan as penas.

Daquela, non permitan esmorecer estes libros no andel dunha libraría, e deixen que as súas fillas e fillos se acheguen a eles como a unha horta onde agroman as palabras.

Carlos Negro

Deixa un comentario!