Menu Xerais

«Un rato díxolle á lúa», de Antonio G. Teijeiro: un agasallo para a literatura. Texto de Fran Alonso

Antonio García Teijeiro publicou unha anotación no seu blog sobre a presentación de Un rato díxolle á lúa, que inclúe o texto lido por Fran Alonso.

 

 

Fran Alonso fala e escribe sobre «Un rato díxolle á lúa», de Antonio G. Teijeiro.

Tras vinte e cinco anos de publicacións poéticas dirixidas aos nenos e á mocidade, precisaba  eu dunha escolla deses poemas que foron nacendo, a través dese tempo, para que a rapazada tivese un referente poético máis. Nunca sobran as referencias. Máis ben, enriquecen.

Así xurdiu o proxecto desta antoloxía. A recepción por parte de Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, foi incriblemente decisiva. Non poderei esquecer, endexamais, a ilusión coa que acolleu o proxecto.
Dado ese paso, tiña que convencer a persoa que máis axeitada me parecía para realizar este traballo. Sempre pensara en Fran Alonso, magnífica persoa, excelente escritor tanto como narrador como poeta. Ademais, a súa antoloxía  de poesía galega para todas as idades, POETÍZATE, foi, para min, un dos grandes acertos dos últimos anos no eido da edición.
Sei que o atraquei. Son consciente. Pero era a persoa que vivía na miña mente dende o primeiro momento. El, tan xeneroso comigo coma sempre, aceptou. Deume unha grande alegría. Pediume que lle prestase os libros que lle faltaban e quedamos que sería unha antoloxía cronolóxica. Non me gustan demasiado as antoloxías temáticas. Cumpren certas funcións, pero eu prefería que se presentase a miña obra poética ano a ano. Fran entendeuno perfectamente. Así comezou o seu traballo, serio, rigoroso, sabendo moi beno que tiña entre mans. E o resultado non puido ser mellor. No libro están moitos tipos detemas, de estruturas, de poemas. Existe unha riqueza poética que nin eu mesmo era consciente de que se dese. E foi el quen, tras escoitar na miña casa as gravacións informais con Paco Ibáñez en Barcelona, propuxo a inclusión deses poemas cantados e recitados nun CD que acompañaría o libro. Outra vez Manolo Bragado accedeu á nosa petición e o proxecto enriqueceuse.
Xenerosos Paco e Xulia permitindo a divulgación das cancións, só faltaba un prólogo. Pedinllo ao meu fillo Antón, profesor na Universidade de Tennessee en Martin e escribiu unas emocionantes palabras, desas que che fan sentir ben orgulloso cando as les.
A parte da ilustración,algo fundamental, ía correr a cargo de Xosé Cobas. Propúxenllo xa antes de presentar o proxecto. Xosé, un artista excepcional  e amigo de verdade, compañeiro noutros libros, un poeta da ilustración, aceptou decontado. E fíxoo, ademais, coa felicidade no rostro. O resultado resulta evidente no libro.
Fran foi, tamén, quen me comentou o título. Vino ben dende o primeiro momento.
E así naceu Un rato díxolle á lúa. Anaír completou o excelente traballo na edición.
Na presentación multitudinaria na Casa do Libro, Fran Alonso leu un fermoso texto.
É este que se pode ler deseguido.
Gozade del, porque a min me conmoveu fondamente.
Grazas, Fran, polo traballo tan intelixente que fixeches,  e polo agarimo que me amosaches e me amosas dende que te coñecín.
Un rato díxolle á lúa tamén é teu.

Antonio García Teijeiro

TEXTO LIDO POR FRAN ALONSO NA PRESENTACIÓN D´UN RATO DÍXOLLE Á LÚA

Hai aproximadamente dous anos e pico, Antonio García Teijeiro pediume que fixese unha antoloxía da súa obra poética infantil. Foi unha mañá en que se achegou por Xerais, cando faltaba pouco para que se cumprisen 25 anos do comezo do seu labor escribindo e publicando poesía. Loxicamente, non podía haber nada máis oportuno que a edición dunha antoloxía para a obra quen se configurou ao longo destes anos como o poeta infantil galego máis recoñecido, prolífico e de maior proxección pública.  Se alguén encarna a poesía infantil en Galicia é, sen dúbida, Antonio García Teijeiro. Vinte e tantos poemarios publicados e destinados ao público máis miúdo certifican este xigantesco labor.
Debo recoñecer que cando Antonio me solicitou a min que fixese unha antoloxía da súa obra poética infantil quedei desconcertado. Non é que o labor me resultase estraño: eu ideara e fixera Poetízate e estaba a traballar diversas antoloxías para outros tramos de idade. Pero unha cousa era  configurar unha antoloxía diversa e ampla, con determinados criterios que sempre tiven moi claros, e outra moi distinta era asumir a responsabilidade de realizar unha antoloxía monoautorial, é dicir, unha antoloxía de obra pertencente a un único autor, que ademais era un autor tamén con criterio propio e que estaba vivo e coleando. Por outra banda, eu non son un antólogo nin me considero tal.
Sospeito que nos primeiros días estiven evasivo. Á marxe da carga de traballo que eu puidese arrastrar, encarar aquel proxecto era unha cuestión que me ofrecía moitas dúbidas e, sobre todo, ninguén me podía garantir que o meu criterio non acabase friccionando co do propio Antonio que, en definitiva, era o autor e, daquela, dono e señor da súa obra, como é lóxico.
Supoño que aqueles primeiros días de estado evasivo fronte á decisión de asumir ou non a responsabilidade que se me solicitaba foron necesarios para ir afacéndome á idea de vagariño.
Do que non había dúbida era de que eu sempre tivera en moi alta estima a poesía de Antonio, a elegancia da súa aparente sinxeleza, o seu poder deslumbrante, a súa eficacia. E, por se iso non abondase, sempre sentín un enorme aprecio pola súa persoa e mantiven con el unha magnífica relación. Xa que logo, que desculpa podía aducir para darme de baixa de semellante expedición literaria?
Era evidente que non a había. Se Antonio tiña tanto interese en facerme partícipe dun proxecto tan especial e significativo era porque estaba depositando en min unha confianza relevante. E, desde logo, constituía un todo un reto, que me ofrecería unha a oportunidade de abordar o conxunto dunha obra de trascendencia na poesía infantil.
Ora ben, xa dixen antes que eu non son antólogo nin me considero tal cousa. Sobre todo, porque se fago unha antoloxía poética non a fago con criterios de antólogo senón con criterios de animador poético. Eu síntome moitísimo máis cerca do animador que practica o fomento da lectura que do antólogo. Non concibo unha antoloxía de poesía infantil como unha recolleita para e plasmar ou establecer o canon nin para mostrar a traxectoria nin as liñas evolutivas do antologado; pola contra, unha antoloxía constitúe para min un valiosísimo instrumento de animación poética, unha oportunidade para trasladar o corazón da poesía aos lectores e lectoras coa finalidade de que a aprehendan, con h intecalado, é dicir, que lles invada agarimosamente as entrañas, que a fagan súa, que pase a formar parte da súa experiencia vital.
Xa que logo, díxenlle a Antonio que aceptaba facer a antoloxía da súa obra poética a partir deses criterios. Pero sospeito que Antonio García Teijeiro non esperaba outra cousa de min. El sabe moi ben de que se fala cando se fala de fomento da lectura. E debo recoñecer que eu o tiña doado, porque se trataba dun autor que me proporcionaba unha materia prima de primeira calidade, fresquísima, con versos tan vivos que non paraban de mover a cola entre os fentos das palabras.
Acometín o labor que Antonio me solicitou coa conciencia de quen se mergulla nunha obra poética brillante, enorme, flexible, perenne e fermosa. Así que non resultaba nada difícil artellar unha antoloxía na que os lectores e lectoras gozasen dos poemas, facendo fluír as súas emocións, as súas risas e evocacións; a través da que enredasen coas palabras, coas frases e cos versos, potenciando a capacidade da súa poética para mostrar a vida a través da creación literaria.
Claro, abordase como abordase o asunto da antoloxía tiña a encomenda de darlle forma a un libro de poemas alleos, que faría baixo os meus propios criterios, pero ao mesmo tempo recaía sobre min a responsabilidade non explícita de que Antonio se sentise necesariamente cómodo e identificado co resultado. Non podía ser doutro xeito. Daquela, dado que eu ía empregar os meus propios criterios –estou certo que el non espera outra cousa de min– nun dos primeiros encontros que tivemos na súa casa a petición miña, soliciteille que, título por título, me fixese unha valoración de cada un dos seus libros. Eu precisaba ver, e contrastar coa miña propia opinión –que non era necesariamente coincidente coa súa–, que cousas eran as que el máis valoraba ou salientaba da súa propia obra. E esa conversa, que se demorou ao longo dunha tarde, abondou para cerciorarme de que se ía sentir cómodo co resultado do meu traballo.
Noutro deses encontros na súa casa escoitei por primeira vez os seus poemas musicados por Paco Ibañez, que podía constituír unha banda sonora excepcional para a antoloxía. Alí barallamos por primeira vez a idea de incorporar o CD ao libro.
A lectura sistemática e continuada de todos os seus poemarios ofreceume unha nova dimensión da súa obra poética e mostroume un Antonio García Teijeiro medrado, desbordante, como un río arrebatador, de augas claras, que anega as beiras porque é caudaloso, contundente e, ao tempo, conserva as formas do que flúe de xeito natural. Eu xa levaba moito tempo recitando algúns poemas de Antonio polas bibliotcas, escolas e institutos, pero esa lectura fíxome reconstruír tamén o meu propio traballo de animación.
Para realizar a selección dos poemas de Un rato díxolle á lúa non puiden proceder por elección, e fíxeno por eliminación, que me parece o xeito menos probable de equivocarse, a forma en que un queda entre as mans sen decatarse coa esencia do que busca.
Non vou dicir a penas nada sobre a poesía de Antonio porque xa o fixen no limiar do libro. Pero si que hai algo que me gustaría significar: a maior parte dos seus poemas teñen o ritmo certeiro, eficaz e melodioso da chuvia. E ese ritmo, que varía segundo o vento e a intensidade das nubes, que é irrenunciable en toda a súa poesía, enchoupoume de arriba a abaixo. A medida que ía lendo, o ritmo impregnábaseme nos beizos, con ese sabor ancestral que posúen os seus versos, que é un sabor de berce, con ese sabor á lúa, que nos ilumina e se nos mete dentro. E, sobre todo, con ese sabor que, repousado sobre o padal, ofrece un clarevidente e amoroso regusto a infancia. Eis o seu segredo. Eis o segredo do seu inequívoco éxito.
En fin, os poemas de Un rato díxolle á lúa constitúen un agasallo que Antonio lle fai á literatura galega e sobre todo, un verdadeiro agasallo que Antonio García Teijeiro lle ofrece á poesía e á infancia. Ilustrados pola man agarimosa e poética de Xosé Cobas, e coa banda sonora de Paco Ibañez, estes poemas son dunha delicadeza e eficacia sublime.

Sen dúbida, estamos de celebración.

Fran Alonso

Deixa un comentario!