Menu Xerais

Unha Galicia de noso, progresista, culta e aberta ao mundo: «Inmateriais», de Suso de Toro. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Inmateriais, de Suso de Toro.

 

Apuntamentos biográficos melancólicos

Suso de Toro reúne neste volume un feixe de apuntamentos biográficos sobre figuras galegas que publicou na hoxe desaparecida páxina Luces da edición galega de El País, baixo o título de Xente de aquí. Os trinta persoeiros aquí retratados ocupan un espazo temporal que vai desde a Idade Media (Xelmírez ou Afonso X) ata case a actualidade, pois o máis novo destes personaxes é Benito Varela Jácome, nado en 1919.

A través destes apuntamentos biográficos, De Toro dános a imaxe dunha Galicia que puido ser e non foi, progresista e universal, mais sen perder as características de noso. De Toro, cuns breves e para el datos biográficos relevantes, valora a achega de cada un destes trinta personaxes a esa Galicia progresista que puido ser, mais que, ata hoxe, non foi. De aí que o texto se tinxa de melancolía, mais tamén de esperanza, posto que eses persoeiros amosan un ideal de Galicia de noso, como xa dixemos, progresista e universal, que é a desexada por moitos galegos desde os tempos de Carral ou os ilustrados.

Entre as trinta figuras recreadas figura como non podía ser menos o mítico e misterioso Xelmírez ou tamén Afonso X. Cómpre ler a desmitificación  acaída que realiza do monarca castelán. Como non podía ser doutro xeito interpreta apropiadamente as figuras dos ilustrados Feijoo e Sarmiento. Resulta acertadísima a elección de Domingo Fontán, o grande autor do mítico mapa de Galicia, que lle fai tomar ao protagonista de Arredor de si conciencia da súa patria. O mapa, xunto co dicionario ou a gramática da lingua de noso, son símbolos nacionais tan importantes coma a propia bandeira.

Fronte á visión tópica do catolicismo tradicional ultraconservador, en Concepción Arenal traza a figura dunha católica progresista. Como non podía ser doutro xeito, non falta Faraldo, presentado como progresista e galeguista. No tratamento de Murguía, xa desde o título, De Toro salienta o seu carácter de cidadán galego, entendido este termo na acepción que lle achegou a Revolución francesa de Persoa que posúe determinados  dereitos e deberes civís e políticos como membro dunha comunidade. Ben é certo que agocha outros aspectos da personalidade de Murguía non tan exemplares ou a miseria de quen tiña que pedir a protección dos caciques da Restauración para poder sobrevivir ou mesmo para que lle publicasen a súa Historia de Galicia.

Trata acaidamente a figura de Rosalía, xa lonxe dos tópicos da santiña e outros semellantes. Cómpre que en futuras edicións se corrixa na páxina 43 Follas novas por Cantares gallegos.

As figuras de Pablo Iglesias e da Pardo Bazán resultan en certo xeito antitéticas, un o desherdado, a outra a nena rica. Interpreta axeitadamente o autor a elección da Pardo Bazán a prol do castelán, pois non se pode triunfar como figura da literatura escribindo nunha lingua sen Estado.

Perante os nosos ollos, seguen a pasar figuras emblemáticas galegas, como Valle, Cabanillas, Castelao ou Otero Pedrayo. Castelao co seu Sempre en Galiza será considerado como a gran figura do nacionalismo, fronte a un Risco conservador de máis e colaborador dos franquistas. Mais a lingua e cultura galega non serían nada sen un empresario que editase os seus libros: de aí o acertado do tratamento da figura do grande editor Ánxel Casal.

Non falta tampouco nestas figuras galegas aquelas, á parte de Risco, que pasaron do galeguismo ao falanxismo fascista como Cunqueiro ou Torrente. A achega do exilio, tantas veces agochada polos que só consideran que existiu Galaxia, aparece valorada en persoas como Bay y Gay, Carlos Velo ou Luís Seoane. O rupturismo e anticonvencionalismo, que por iso chocou co nacionalismo ortodoxo, está ben representado a través de figuras como Blanco Amor, Maruja Mallo ou o gran Manoel Antonio.

Non podía faltar entre estas trinta figuras Ramón Piñeiro, coa súa célebre decisión de enterrar o Consello e o Partido Galeguista a prol da galeguización dos chamados partidos estatais. A situación actual do galego constata, como deixa ver o libro, o fracaso desta política de Piñeiro. Mesmo o ton melancólico do libro (a Galicia que puido ser, mais que non foi) é outra proba deste fracaso.

O derradeiro destes trinta persoeiros pódelle chamar a atención a algúns: Benito Varela Jácome. Varela Jácome foi, basicamente, un profesor de instituto nos anos sesenta e setenta. No instituto de Santiago e nas clases que daba no ICE para o certificado de aptitude pedagóxica que se lles solicitaba aos licenciados que querían opositar a cátedras de instituto este home humilde e afable analizaba e comentaba obras e textos de literatura contemporánea ou ata divulgaba as modernas teorías estruturalistas ou de socioloxía da literatura tan de actualidade nos anos sesenta e setenta. Eu tiven a sorte de ser alumno seu no ICE e creo que resulta de xustiza lembrar figuras como as de Varela Jácome que, na época do franquismo, nos poñían en contacto coa literatura e a crítica que se facía daquela en Europa, mentres na Facultade de Filoloxía aturabamos en Crítica o Lorenzo que só repetía a Introducción a los estudios literarios de Lapesa, o García González que non pasaba do Vidos, o infumable Moreno de Nosotros y nuestros clásicos ou a Bobes Naves que se alporizaba perante o acento galego do alumnado. Xente como Varela Jácome ou mesmo Eduardo Estévez, o Xudío, fixeron máis pola modernización da literatura e da crítica literaria galegas que a Facultade de Filosofía e Letras, sección Románicas, do tardofranquismo. Un dos males da lingua, da cultura e mesmo a liorta que houbo hai pouco na Academia Galega está en que son os discípulos de García, Bobes e Moreno quen as controlan!  Por iso, a homenaxe a Varela Jácome é todo un símbolo, e unha esperanza de que en Galicia é posible outra cultura, distinta da oficial e subvencionada.

En fin, non me queda máis que recomendar a lectura deste libro. Revindica unha Galicia de noso progresista, culta, aberta ao mundo, que resulta o mellor antídoto contra a imaxe creada, na mellor liña da imagoloxía imperialista, do galeguismo como atrasado, reaccionario e ata racista, que espallan os de FAES ou a caverna mediática madrileña e tamén galega (inclúo, por exemplo, La Voz de Galicia neste grupo). Estes apuntamentos biográficos ou semblanzas, entendidos estes termos como descrición dunha persoa tanto física como psicolóxica-ideolóxica dentro do seu contexto histórico-político-cultural e cunha certa dose de subxectivismo, deben ser utilizados polo profesorado de Secundaria como recurso para encetaren as súas leccións sobre o Rexurdimento, Rosalía ou calquera dos grandes temas ou figuras da nosa historia e mais da nosa literatura. Por exemplo, que mellor introdución a Rosalía na ESO que comezar por ler o apuntamento que De Toro lle dedica á poeta. O mesmo poderiamos dicir de practicamente todos os que aparecen entre estes trinta persoeiros.

Manuel Rodríguez Alonso

 

 

Deixa un comentario!