Menu Xerais

Unha nova mostra do saber facer dun novelista consistente: «Faneca Brava», de Manuel Portas. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica da novela Faneca Brava, de Manuel Portas.

 

Segredos de familia

Unha novela consistente

O bo viño precisa o seu tempo, tamén algúns escritores. Houbo que agardar a que cumprise o seu primeiro medio século para que se nos revelase como narrador de valía o recoñecido ensaísta Manuel Portas, quen nos últimos tempos deu á luz títulos de tanto interese como Denso recendo a salgado (2010), Un dedo manchado de tinta (2011) e, máis recentemente, o que agora nos ocupa: Faneca brava, novela coa que na convocatoria de 2012 foi finalista do Premio Xerais, a casa que leva editado ata agora toda a súa obra.

Faneca brava é o pseudónimo da protagonista do libro –cumpriría mellor dicir dunha das protagonistas, aínda que é innegable que a súa sombra transversaliza toda a trama señoreándoa–. Unha historia de segredos de familia que traumatizan a vida dalgún dos seus membros e que deixan cicatrices indelebles para o resto dos seus días.

Arquitecturizada a partir dunha xenuína ensamblaxe subxenérica a medio camiño entre o introspectivo psicolóxico e o detectivesco, Faneca brava é tamén un remol de brasas ardentes da memoria, dos ángulos escuros e as zonas de sombra que alimentan os rancores, as desconfianzas, os misterios e os remorsos que en todas as familias fan presa.

Relatada cun intelixente manexo das voces narradoras, que entrelazan a primeira e a terceira persoa con patente oficio, a historia que Portas nos propón irradia espiral dende a súa Compostela referencial ata o resto do territorio estatal, especialmente Barcelona,un outro lugar tamén de relevo para o narrador, quen vai debuxando como pano de fondo desta historia todo un fresco da Galicia (e a España) da Posguerra, a Transición  e os nosos tempos, unha viaxe espazotemporal que dota de profundidade de campo as vivencias dun personaxes atrapados no remuíño da conciencia.

Hai en Faneca brava discutibles casualidades, tamén predicibles lecturas, mais todo fica compensado pola súa capacidade para levar da man o lector por unha trama inzada de referencias metaliterarias e multiartísticas (de Martín Santos a Rosalía, de Fausto a Donato-Lenzi) e ese seu pasar dos relanzos líricos a os treitos de diálogos punxentes, onde a historia estoura en faíscas reveladoras que gañan a complicidade de quen con ela camiña.

Faneca brava é unha nova mostra do saber facer dun novelista consistente, que sabe contar coma poucos as vidas insospeitadas que agochan os segredos de familia.

Armando Requeixo

Deixa un comentario!