Menu Xerais

Unha novela que se le con satisfacción: «Faneca Brava», de Manuel Portas. Crónica en Tempo de Lecer Ourense

A revista Tempo de Lecer Ourense publicou unha información sobre a presentación da novela Faneca Brava, de Manuel Portas.

 

Faneca Brava é o título da última novela de Manuel Portas. A obra foi presentada na libraría Torga o venres, día 25 de outubro, acto que contou coa presencia do autor arroupado por Fran Alonso e Xosé Manuel Eyré, que deron mostra do seu saber facer envolvendo coas súas palabras ao público que non quixo perderse este evento.

Foi Fran Alonso o encargado de dar comenzo á presentación de Faneca Brava, louvando “o dominio da narrativa e escrita que se pode ver nas técnicas empregadas por Manuel Portas e nos seus rexistros lingüísticos. É un autor moi solvente, que escribe por pracer e eso transmiteo e consegue empatizar co público”.

Os segredos familiares

Debullando un pouco o libro, “xira en torno á familia Pereira e a un gran segredo que gardan relaccionado con Concha, ’Faneca Brava’, e, como sempre ocorre con algo que se quere agochar, a curiosidade turra e, neste caso, un curmán da protagonista, Fernando, investiga ese tabú. Con ’Faneca Brava’ como protagonista, o autor fala da discriminación de xénero, do rol da mulleres na sociedade, da época franquista, da rebeldía, das apariencias, da vergoña, da mentira…”.

Como invitación a ler o libro, Fran Alonso destacou a historia, “que engancha dende as primeiras páxinas e que emociona ao longo de todo o libro. Está narrada con moita sensibilidade, é actual, fresca… unha magnífica obra da madurez creativa de Manuel Portas que axuda a engrandecer o patrimonio cultural da literatura galega”.

Os libros, “sacos de ideas”

Xosé Manuel Eyré comezou a súa intervención facendo un alegato aos libros e a veneración que por eles sentía de pequeno, ”porque cando era cativo había poucos, e quen tiña un libro, tiña un tesouro. Hoxe a consideración que ten un libro para a maioría da xente é de escaparate ou snobismo puro. De momento, aos que seguimos lendo non se nos desconsidera… pero pouco lle falta”.

Segundo Eyré, os libros “son sacos de ideas, o mellor invento da humanidade. Hai moitos inventos e moi bos que nos fan a vida máis funcional, cómoda… pero, cantos melloran a vida intelectual das persoas e fan pensar?”.

“A faneca aguilloa, pica, incomoda”

Entrando en Faneca Brava, “a novela é moi parecida a ese peixe que aguilloa, pica, incomoda, espabila da despreocupación, da mera contemplación e remove conciencias. Hoxe en día é común que a maioría da xente non viva na historia, que mire a historia vendo o que pasa por diante sen participar. As fanecas na praia, se te pican, xa che fan cambiar o día e reaccionar. Todo cambia a partir dese momento”.

Finalmente destacou que “esta novela está escrita por un amante das palabras, que goza escribindo, e os que lemos, facemolo con satisfacción. É unha novela integradora de diferentes rexistros e recursos, que empeza beireando o costumismo, que cambia de rexistro e que inclúe algo de novela sentimental e tamén algo da detectivesca. E, como non, destacar a sensibilidade do autor, só esa sensibilidade garante que o que escribe se fixa no que ocorre no seu entorno e o plasme”.

Un corte narrativo diferente

Manuel Portas, o autor, foi o último en tomar a palabra e “aínda que pouco podo decir tras esta presentación, teño que resaltar que ten un corte narrativo diferente ás anteriores novelas. Quixen xogar coa protagonista, Concha, ‘Faneca Brava’, incluso tapándoa xa que, en certo momento, a protagonista ponse en ‘off’”. No que atinxe á trama, Manuel Portas explicou que “xira en torno as apariencias e tabús polo que se rixe a sociedade e como, ao caer os muros levantados coas mentiras e os encubrimentos, todo o mundo creado se tambalexa”.

Portas recoñece que “escribir é un pracer, ao igual que a lectura. Un pasao ben, a verdade, non hai ninguén que o pase mal escribindo”.

Finalmente o autor quere resaltar a importancia que se debería dar a “vencellar a literatura á música e incluso ao cine, integrando todas as artes. Eu xa o fixen en Un dedo manchado de tinta, integrando un disco con seis cancións inspiradas noutros tantos personaxes do libro, interpretadas polo grupo Loaira, e penso que é un boa iniciativa”.

Deixa un comentario!