Menu Xerais

Unha obra que ten cautivado a parte do público adolescente galego: «Dragal. A fraternidade do dragón». Crítica de Xosé Manuel Eyré

Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia confidencial unha recensión crítica sobre Dragal. A fraternidade do dragón, de  Elena Gallego Abad.

 

Terceira entrega de Dragal

Complétase a trioloxía da historia do dragón galego. Unha obra que ten cautivado a parte do público adolescente galego desde a primeira entrega en 2010. Crítica de Xosé Manuel Eiré.

O nome de Elena Gallego Abad converteuse nun dos que os adolescentes galegos agardan novidades nos trinques desde a publicación de Dragal. A herdanza do dragón, aló polo 2010. E logo da segunda entrega ( A metamorfose do dragón, 2011, Xerais) chega por fin a terceira parte das andanzas do dragón galego. A novela transcorre no mesmo clima, entre aventuresco  e de misterio, que caracterizara os anteriores títulos, onde os amuletos, os libros antigos e misteriosos, a simboloxía arcana, os estraños poderes…caracterizaban o desenvolvemento das historias. Cunha salvedade ben importante, desde o remate da segunda entrega, Dragal áchase liberado despois do incendio da igrexa de San Pedro, que actuaba como inhibidor dos poderes do dragón. E, en xeral, as personaxes seguen a ser as mesmas, con algunha incorporación, como o de Iria Fariñas, a conservadora do museo, que terá unha clara incidencia do desenvolvemento desta nova historia de Dragal. Polo demais, o que si é salientábel é que algunhas das personaxes sopresivamente mudarán de rol, tanto a favor de Dragal como en contra, de xeito que esta é a meirande novidade con respecto aos outros dous títulos, saber quen é quen e para que.
Nesta ocasión trátase de reunir a fraternidade do dragón a fin de que Dragal poida tomar plena posesión dos seus poderes e saberes, pois ambas cousas van indisolubelmente unidas: poder e saber, ou saber e poder. Constituíndo un primeiro punto de reflexión, unha primeira proposta reflexiva ao  lectorado. Que non será a única, porque ao seu carón sitúase outra de moito interese: a posibilidade de que a historia, da que somos herdeiros, non sexa como nola teñen contado. Núcleo temático do que esgalla a necesidade de protagonizarmos nós a nosa propia historia. A necsidade de protagonizarmos nós a nosa propia historia, para o que se precisa, como na ficción que estamos lendo, poder e saber. Cómpre dicir que estas propostas reflexivas en ningún caso aparecen salientadas na ficción novelesca, o seu illamento é da nosa responsabilidade e obedece ao feito comprobado de que este tipo de ancoraxes temáticas reflexivas funcionan moi ben con este tipo de lectores. Por unha banda sobredimensiónanlles a historia, a trama, ofrecendo focalizacións que fagan máis completa a lectura. E por outra permiten unha meirande familiarización coa historia relatada, pois é meirande o impacto na mente lectora e tamén a cantidade de tempo empregada na súa consideración.
Eis, pois, unha historia entre dous mundos. O mundo real, coa súa crise económica, de valores, social e cultural. E o mundo de Dragal, os seus poderes e a Ciencia Secreta. Dragal, o noso dragón, neste mundo cun imaxinario poboado por vampiros e demais seres entre dúas dimensións vitais. Polo menos. Dragal non é sospeitoso de perepetuar o rol dependente da muller, non da mesma maneira que os outros.
A mágoa é que a triloxía remate neste Dragal. A fraternidade do dragón. Agora, que Hadrián posúe o saber e o poder do dragón. E que a mesma Mónica participa tamén deles, de xeito que a triloxía de Dragal foi en realidade a crónica dunha metamorfose, a crónica dunha metamorfose con toda a problemática que supuxo. Porque é agora cando en realidade a trama se facía cun interese trascendente. Porque é agora cando a aventura prometía ser verdadeira aventura, sen desmerecemento da intriga precedente, coidadosamente planificada e materializada de xeito que non se lle desaproveitara chisca. Porque de seguro que non han ser poucos os lectores que unha vez rematada a terceira entrega non boten a imaxinación a voar nas as de Dragal. Para iso deberán crearlle un antagonista ao seu nivel, porque deica agora a triloxía careceu del, e aínda máis logo de que o status dalgunhas personaxes mudara nesta entrega, centrada na reunión da fraternidade e na clarificación do  verdadeiro rol das personaxes. E non lles ha ser complicado atoparlle antagonista, indo o mundo como vai…

Deixa un comentario!