Menu Xerais

«Vento e chuvia», un apreixamento do pasado proxectándoo no futuro

Ramón Nicolás publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, na páxina «Letras en galego», o 21 de decembro de 2013, unha serie de recomendacións de libros en galego para o Nadal entre as qeu se atopa a de Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia de Manuel Gago.

Cales eran os costumes cotiáns, en quen acreditaban as persoas que vivían no tempo da Idade de Ferro no que logo os romanos chamarían Gallaecia? Estas son só algunhas das respostas que se poden atopar neste libro.
O seu autor, o xornalista e profesor da USC Manuel Gago, afonda con convicción e ampla bagaxe de coñecementos neste universo, tras vinte anos a darlle voltas a un asunto tan escasamente difundido, contando ademais coa colaboración do ilustrador Manel Cráneo.
O groso do volume, así pois, constitúeo un apreixamento do pasado, proxectándoo no presente dunha maneira imaxinativa e áxil a través dun monllo de dez relatos que se corresponden ao protagonismo que se lle outorga a outros tantos deuses –Reue, Navia, Cossue, Luoue ou Banda entre outros- que poboan e conforman a mitoloxía da antiga Gallaeci que se perfila con habelencia, ata agora oculta por non dicir descoñecida. É, talvez, na clave pola que se optou onde radica o éxito que, non é difícil conxecturalo, gozará este libro pois incorpora os últimos saberes que se desvelaron do noso pasado encaixándoo nun discurso áxil, coma se viñese da man dun antropólogo-xornalista que se internase no mundo de hai máis de dous mil anos co obxectivo de contaxiar a paixón polo que ve, por aquelas historias que se contaban nas cabanas daquel tempo…, historias tratadas con imaxinación e entusiasmo, mesmo con grandes doses de agarimo.
Alén desas historias iniciais orientadas cara a un público amplo, o autor incorpora un texto divulgativo e completa o libro un postfacio clarificador do profesor Marco García Quintela. Como engadido, e modelo da chamada edición estendida, pódese descubrir aínda algún material extra, a carón doutras iniciativas interesantes, na web ventoechuvia.com. Unha proposta, en fin, moi recomendable para apelar á xenerosidade do Apalpador ou dos Reis Magos, sen ningunha dúbida.

 

 

Deixa un comentario!